Nas resolucións deste centro directivo, do 2 de xullo de 2025 (Diario Oficial de Galicia núm. 128, do 7 de xullo, e Diario Oficial de Galicia núm. 132, do 11 de xullo) e do 21 de agosto de 2025 (Diario Oficial de Galicia núm. 170, do 4 de setembro), polas que se convocou concurso-oposición para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario do Sistema sanitario público de Galicia, establécese que os exercicios da fase de oposición se realizarán no lugar, data e hora que se fixen nunha resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde que se publicará no Diario Oficial de Galicia cun prazo mínimo de antelación de cinco días hábiles.
De conformidade coa dita base, este centro directivo, como órgano convocante do proceso,
RESOLVE:
Primeiro. Emprazar as persoas aspirantes admitidas con carácter definitivo no concurso-oposición, convocado polas resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 2 de xullo e do 21 de agosto de 2025, para a realización dos exercicios que integran a fase de oposición, na data, hora e quenda de acceso que se indican no anexo desta resolución.
Os exames realizaranse no Recinto da Feira Internacional de Galicia Abanca, avenida Recinto Feiral, s/n, Silleda (Pontevedra).
Segundo. Publicar na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), Sección de Emprego Público, as distintas portas de acceso ao recinto de realización das probas, así como as persoas aspirantes asignadas a cada unha delas.
Terceiro. As persoas aspirantes convocadas que non comparezan na data e na hora fixadas nesta resolución serán excluídas do concurso-oposición. Non se terán en conta causas de forza maior ou calquera outra causa para emendar a non comparecencia.
Cuarto. As persoas aspirantes deberán acudir provistas do documento nacional de identidade ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, e de bolígrafo azul ou negro, de tinta indeleble.
A acreditación para o acceso ao lugar de realización das probas realizarase a través de código QR. Cada aspirante terá á súa disposición na oficina virtual do profesional (Fides/expedient-e), desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, a acreditación persoal con código QR, que deberá imprimir e presentar o día do exame ao persoal colaborador da porta que lle foi asignada, e que lle permitirá o acceso ao interior do lugar de realización das probas.
O código QR conterá información do lugar, a data e a hora de realización dos exercicios, así como a porta de acceso e o posto do exame que lle corresponde a cada aspirante. Co obxecto de axilizar a entrada ao recinto, a persoa aspirante debe ter á man ambos os documentos: código QR e documento de identidade. Non se lles permitirá o acceso ao interior do recinto de realización das probas ás persoas aspirantes que non presenten o código QR impreso.
Quinto. Os/as aspirantes deberán respectar as seguintes indicacións:
1ª. A persoa aspirante deberá asistir á realización das probas co material mínimo indispensable. Este material irá nun só bolso ou mochila, de tamaño pequeno, que cada aspirante levará sempre consigo e que, durante a realización do exame, deberá situar no chan.
2ª. Non estará permitido o acceso do/da aspirante ao interior do recinto con alimentos, agás causa médica xustificada.
3ª. Todas as persoas aspirantes presentadas ás probas selectivas terán á súa disposición, na oficina virtual do profesional (Fides/expedient-e), o certificado de asistencia ao exame a partir do día seguinte ao de realización dos exercicios. Non se facilitará ningún certificado no lugar de realización das probas.
Sexto. De conformidade co establecido na base 8.1.4 das resolucións de convocatoria, realizaranse na mesma data os distintos exercicios que integran a fase de oposición, en unidade de acto e de tempo, pola seguinte orde: en primeiro lugar, o exercicio da parte común; a continuación, o exercicio da parte específica, e, por último, o exercicio de coñecemento da lingua galega.
No marco das previsións da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, e da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, o Servizo Galego de Saúde permitiralles ás mulleres embarazadas ou que desen a luz ese día ou días antes, e que por estes motivos estean ingresadas o día do exame, facer os distintos exercicios da fase de oposición derivados deste proceso selectivo nun centro hospitalario radicado na Comunidade Autónoma de Galicia. Realizarán, así mesmo, os exercicios no centro hospitalario aquelas embarazadas en situación de incapacidade temporal ou parto recente (unha semana) que por razón desas situacións non se poidan desprazar ao lugar de realización das probas. En execución da Resolución do 15 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publican diversos acordos adoptados pola Mesa sectorial de negociación en materia de protección das persoas traballadoras durante o embarazo (Diario Oficial de Galicia núm. 223, do 22 de novembro), con base no I Plan de igualdade entre mulleres e homes no Servizo Galego de Saúde (2021-2024), a muller que estea de parto o día en que teñan lugar os exercicios da oposición, e á cal non sexa posible realizarlle a proba no hospital, poderá efectuala dentro dos quince (15) días seguintes ao da realización das probas.
O Servizo Galego de Saúde desprazará o día do exame, á mesma hora, a un centro hospitalario radicado na Comunidade Autónoma de Galicia unha delegación do tribunal que lles permita a execución material da proba a aquelas opositoras xestantes que puxesen en coñecemento do órgano convocante, cunha antelación mínima de 72 horas á data de realización do exame, a situación de embarazo ou posible parto e a súa vontade de realizar a proba no centro sanitario para o suposto de estar ingresadas na data da súa realización e sempre que se recibise na Dirección Xeral de Recursos Humanos comunicación e xustificación do seu ingreso en centro hospitalario por tal motivo con anterioridade á realización dos exercicios.
Por razóns temporais e organizativas, unicamente serán atendidas as solicitudes de desprazamento a centro sanitario pola causa exposta que consten debidamente xustificadas na Dirección Xeral de Recursos Humanos cunha antelación mínima de cinco horas á hora de inicio das probas. Para os efectos do disposto nesta base, só se admitirá como medio válido de comunicación o seguinte enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es
Aquelas aspirantes que non comunicasen no prazo establecido no punto anterior a súa vontade de realizar o exercicio nun centro hospitalario e estean de parto o día do exercicio deberán comunicar a dita circunstancia o mesmo día do exame mediante correo electrónico, dirixido ao enderezo de correo oposicions@sergas.es, en que soliciten a realización do exercicio noutra data. O exame realizarase nos quince días seguintes ao da realización das probas, logo de comunicación da data polo Servizo Galego de Saúde á/ás interesada/s.
Sétimo. As aspirantes que precisen realizar a lactación materna durante os tempos dos exames deberán solicitar a súa realización ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos.
Por razóns temporais e organizativas, unicamente serán atendidas as solicitudes de realización de lactación realizadas no prazo de cinco (5) días hábiles seguintes ao da publicación desta resolución. Para os efectos do disposto nesta base, só se admitirá como medio válido de comunicación o seguinte enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es
Como excepción ao disposto no punto anterior, poderán solicitar a realización da lactación materna fóra do prazo indicado aquelas aspirantes que sexan nais máis alá do prazo indicado.
As aspirantes que desexen realizar a lactación materna antes do inicio dos exames disporán dunha sala habilitada para tal fin no exterior do recinto, sen necesidade de realizar solicitude para o seu uso.
Oitavo. Durante o tempo fixado para a realización dos exercicios non se poderán utilizar auriculares nin manipular de ningunha maneira aparellos electrónicos, tecnoloxía dixital, telefonía móbil, reloxos ou soportes con memoria. Está prohibido o acceso ao recinto de realización das probas con tales dispositivos e non se habilitará no recinto ningún servizo para a súa recollida.
Noveno. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición, ante esta dirección, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderase impugnar directamente na xurisdición contencioso-administrativa, nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo.
Santiago de Compostela, 1 de abril de 2026
María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos
ANEXO I
Data e hora das probas selectivas
|
Categoría/especialidade |
Data |
Hora |
|
Enfermeiro/a especialista en enfermaría obstetricia-xinecoloxía (matrón/a) |
Sábado 25 de abril de 2026 |
9.30 horas |
|
Enfermeiro/a especialista en enfermaría pediátrica |
||
|
Enfermeiro/a especialista en enfermaría familiar e comunitaria |
Sábado 25 de abril de 2026 |
16.00 horas |
|
Enfermeiro/a especialista en enfermaría do traballo |
||
|
Persoal de servizos xerais |
Domingo 26 de abril de 2026 |
16.00 horas |
|
Persoal de servizos xerais (quenda de discapacidade intelectual) |
||
|
Enfermeiro/a |
Sábado 9 de maio de 2026 |
16.00 horas |
