DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Venres, 17 de abril de 2026 Páx. 23743

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 25 de marzo de 2026, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, pola que se acorda a incoación do procedemento para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato de Manuel Antonio García García.

Manuel Antonio García García, con DNI 76289098-F e nado en Ordes (A Coruña) o 25 de setembro de 1944, faleceu o 26 de maio de 2015 en Monforte de Lemos (Lugo) con derradeiro domicilio, segundo o padrón municipal de habitantes, no lugar das Sinas, Vilanova de Arousa (Pontevedra), datos que figuran comprobados xunto co da súa veciñanza civil galega, no informe preliminar do 13 de marzo de 2026 do Servizo de Protección e Defensa Patrimonial da Subdirección Xeral do Patrimonio. O devandito informe foi emitido logo da realización das actuacións previas que levan a considerar procedente a apertura do procedemento administrativo para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato da sinalada persoa causante, pola presunta ausencia doutros herdeiros con dereito a suceder preferente ao da Administración autonómica, de conformidade co disposto na Lei 2/2006, de dereito civil de Galicia.

Segundo no anterior, no exercicio das competencias atribuídas á Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio no artigo 4 da Lei 6/2023, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no seu título III, así como nos artigos 14 e 16 do Decreto 141/2024 polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública,

RESOLVO:

1º. Incoar procedemento para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato de Manuel Antonio García García.

2º. Publicar esta resolución no Boletín Oficial del Estado, no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública, Área Temática de Patrimonio, Anuncios, que se poderá consultar na seguinte ligazón: http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/patrimonio/anuncios

3º. Remitir esta resolución aos concellos de Ordes, Vilanova de Arousa e Monforte de Lemos, así como a calquera outro en que durante a instrución deste procedemento se detecten bens da persoa causante, para a súa exposición pública no seu taboleiro de anuncios por prazo non inferior a trinta días naturais.

O prazo máximo ordinario para resolver este procedemento é dun ano contado desde a data de adopción desta resolución.

Con anterioridade á resolución do procedemento, calquera persoa interesada poderá presentar alegacións ou achegar os documentos e outros elementos de xuízo que considere oportunos, que se dirixirán á Consellería de Facenda e Administración Pública, Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, Subdirección Xeral do Patrimonio, código de expediente ABI/2018/0053, rúa Pastoriza, nº 8, 15781 Santiago de Compostela.

Conforme o previsto no artigo 112.1, parágrafo segundo, da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas contra esta resolución non se poderá interpor recurso administrativo, sen prexuízo de que as alegacións de oposición que se presenten a este acto de trámite sexan obxecto de consideración, se procede, na resolución que poña fin ao procedemento.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2026

José María Barreiro Díaz
Director xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio