A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal recibiu un oficio da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Sección Primeira, polo que solicita o emprazamento de cantas aparezan como persoas interesadas no recurso contencioso-administrativo PO 43/2026, en relación co proceso selectivo extraordinario para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial, subgrupo C1, no corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial, subgrupo B, e para o ingreso nas categorías 3, 12, 15, 34, 36, 37, 43, 52, 54, 54B, 66, 71, 94, 98, 100, 101, 103, 104 do grupo III de persoal laboral da Xunta de Galicia e persoal laboral propio do Cixtec (grupo III), convocado pola Resolución de 22 de decembro de 2022 (DOG núm. 244, do 26 de decembro).
En consecuencia, esta dirección xeral acordou nesta data, de conformidade co disposto no artigo 49 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, a achega dos correspondentes expedientes administrativos á referida sala. O que se notifica para xeral coñecemento de todas as persoas interesadas no procedemento, que son emprazadas para que poidan comparecer como parte nos autos á referida sala no prazo de nove días, contados desde o seguinte ao da súa publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2026
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal
