O día 20 de febreiro de 2026 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 13 de febreiro de 2026 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control.
Esta norma ten por obxecto regular, na Comunidade Autónoma de Galicia, as axudas directas e as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control (SIXC) do Plan estratéxico da PAC de España 2023-2027 (PEPAC), e convocar as axudas nela previstas.
Dende novembro de 2025 ata febreiro de 2026, Galicia sufriu os efectos de continuas borrascas atlánticas que afectaron de maneira significativa os labores no campo e a planificación habitual das explotacións. Os agricultores e gandeiros afectados puxeron de manifesto as importantes dificultades á hora de cumprir con determinados requisitos exixidos nas axudas.
Neste contexto, o Consello de Ministros, na súa reunión do día 10 de febreiro de 2026, declarou como zonas afectadas gravemente por unha emerxencia de protección civil os territorios afectados por estes episodios meteorolóxicos adversos, recoñecendo así o carácter extraordinario da situación e a necesidade de adoptar medidas específicas.
Así mesmo, consonte o artigo 3 do Real decreto 1047/2022, correspóndelle á autoridade competente valorar a concorrencia de situacións de forza maior ou circunstancias excepcionais cando se produzan acontecementos que impidan o cumprimento das obrigas derivadas destas axudas.
A Consellería do Medio Rural considera excepcionais as condicións agroclimáticas adversas sufridas na Comunidade Autónoma de Galicia, polo que resulta necesario flexibilizar determinados requisitos exixidos para que os solicitantes poidan adquirir a condición de beneficiarios das axudas convocadas mediante a Orde do 13 de febreiro de 2026. En particular, a través desta orde modifícase o artigo 7, relativo ás flexibilidades na xestión das intervencións do Plan estratéxico da PAC 2023-2027.
Nesta orde, no seu artigo 16.5 establécese, en concordancia co disposto no artigo 108.2 do Real decreto 1048/2022, do 27 de decembro, sobre a aplicación, a partir de 2023, das intervencións en forma de pagamentos directos e o establecemento de requisitos comúns no marco do Plan estratéxico da política agrícola común, e a regulación da solicitude única do Sistema integrado de xestión e control, como data de finalización do prazo para presentar a solicitude única o 30 de abril de 2026. Non obstante, o citado artigo 108.2 faculta as comunidades autónomas para ampliar o dito prazo ata o 15 de maio, logo de comunicación motivada ao Fondo Español de Garantía Agraria. Neste contexto, o ritmo lento na gravación de solicitudes debido á crecente complexidade da súa captura, así como as dificultades derivadas da obrigatoriedade de consignar os DNI nos recintos de máis de 1 hectárea en réxime de arrendamento ou parcería e as incidencias técnicas relacionadas coa aplicación de fotografías xeorreferenciadas, puxeron de manifesto a necesidade de ampliar o prazo de presentación das solicitudes das axudas da PAC na campaña 2026 na Comunidade Autónoma de Galicia. Esta ampliación foi previamente comunicada ao Fondo Español de Garantía Agraria.
En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, no uso das facultades que me confiren a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1
O artigo 7 queda redactado como segue:
«Artigo 7. Flexibilidades na xestión das intervencións do Plan estratéxico da PAC 2023-2027
1. Con respecto ás prácticas dos ecorréximes nas axudas directas:
– Pastoreo extensivo:
a) Redúcese a 90 días o período mínimo non continuo de pastoreo. O pastoreo de todas as parcelas rexistrarase no caderno de explotación indicado na web do Fogga: https://fogga.xunta.gal/gl/pac/guias-persona-usuaria
b) Redúcese a carga gandeira mínima de 0,4 UGM/ha a 0,2 UGM/ha.
– Sega sustentable: defínense 2 períodos de non aproveitamento das superficies de pastos permanentes ou temporais obxecto de sega, durante os cales non se poderá realizar ningunha actividade nestas superficies de, polo menos, 60 días consecutivos:
• Primeiro período: do 2 de maio ao 30 de xuño.
• Segundo período: do 3 xullo ao 31 de agosto.
A persoa beneficiaria poderá elixir a cal dos períodos anteriores se acolle.
– Illas de biodiversidade en superficies de pastos: nas parcelas onde se establece o 4 % de superficie sen segar non se poderá realizar actividade agraria ningunha desde o 1 de xaneiro ata o 31 de agosto do ano de solicitude. Para manter a superficie en boas condicións agrarias a partir do 31 de agosto, a actividade principal de mantemento será a sega, que deberá declararse na solicitude única.
– Rotación de cultivos con especies mellorantes:
a) Que polo menos o 25 % da superficie de terra de cultivo correspondente acollida á práctica, presente cada ano un cultivo diferente ao cultivo previo. Así mesmo, permítese a rotación con barbeito daquelas superficies sementadas con leguminosas en 2025.
b) Que polo menos o 10 % da superficie de terra de cultivo correspondente estea ocupada por especies mellorantes das especificadas no anexo XV do Real Decreto 1048/2022, das cales as leguminosas deben representar, como mínimo, unha superficie equivalente ao 2,5 % da superficie acollida á práctica.
– Sementeira directa:
Permítese a rotación con barbeito daquelas superficies sementadas con leguminosas en 2025.
– Cubertas vexetais espontáneas ou sementadas: establécese un período obrigatorio de 4 meses que vai do 1 de decembro de 2025 ao 31 de marzo de 2026 en que a cuberta vexetal debe permanecer viva.
2. Con respecto ás axudas asociadas, establécese que poderán ser persoas beneficiarias das axudas asociadas para as explotacións de ovino e/ou para as explotacións de cabrún, as persoas titulares de explotacións que conten cun censo de femias elixibles igual ou superior a 10.
3. Con respecto á condicionalidade reforzada:
–Na BCAM 4 establécese que o ancho mínimo das franxas de protección dos leitos sexa de 5 metros, excepto no caso das canles de rega, en que poderá ser de 1 metro.
–Na BCAM 5 exceptúanse da prohibición de realizar labores verticais (sen volteo) na dirección da máxima pendente as seguintes superficies:
a) As parcelas de cultivos herbáceos e leñosos cunha superficie igual ou inferior a unha hectárea, así como as parcelas de cultivos leñosos irregulares ou alongadas cuxa dimensión mínima no sentido transversal á pendente sexa inferior a 100 metros en calquera punto da parcela.
b) As plantacións de cultivos leñosos que estivesen implantadas antes do 1 de xaneiro de 2023, cuxo marco de plantación non permita labrar transversalmente na dirección de máxima pendente cando esta sexa igual ou maior do 10 %.
c) Con carácter xeral, as plantacións de viñedo localizadas nos municipios que figuran na relación contida no documento Excepción BCAM 5, accesible na web do Fogga: https://fogga.xunta.gal/gl/pac/campana-actual
d) Tamén poderán ser exceptuadas da citada prohibición as superficies de viñedo localizadas nos municipios que non se atopen na dita relación, ou as superficies doutros cultivos leñosos, obrigadas a cumprir coa BCAM 5, cuxas persoas titulares soliciten unha autorización individual ao Fogga.
– No que respecta á BCAM 7, o período no cal se levará a cabo a verificación do número de cultivos e o cálculo das súas correspondentes porcentaxes, en función das características agroclimáticas e das prácticas tradicionais na rexión, irá do 15 de xaneiro ao 30 de abril, de maneira que os cultivos declarados se atopen no terreo durante a maior parte dese período.
Para aquelas persoas beneficiarias obrigadas ao cumprimento da BCAM 7, considerarase que as superficies nas que o cultivo sementado non resultase viable por causas climatolóxicas, ou nas que non se puidese realizar a sementeira polo mesmo motivo, poderán computarse como barbeito a efectos da BCAM 7, sempre que se declaren como tal na solicitude única e se manteña durante a campaña agrícola, non admitíndose cultivo secundario.
Alternativamente, nos casos en que non sexa posible acollerse á opción anterior, deberase declarar o cultivo inicialmente sementado ou previsto para a sementeira, indicando como actividade agraria “sen produción por causa de forza maior”. Nestes supostos, será necesario presentar fotografías xeorreferenciadas ou outra documentación xustificativa válida para cada liña de declaración gráfica, nas que se acredite que o 100 % da superficie non foi viable ou non puido ser sementada por motivos climatolóxicos. As superficies xustificadas deste xeito consideraranse correctas, para os efectos da BCAM 7, validándose o cultivo declarado nos controis por monitorización».
Artigo 2
O número 5 do artigo 16 queda redactado como segue:
«5. O prazo de presentación da solicitude única iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 15 de maio, ambos incluídos. Non obstante, admitiranse solicitudes ata a data de finalización do prazo de modificación da solicitude única, de acordo coas condicións establecidas no artigo 108.3 do Real decreto 1048/2022».
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 15 de abril de 2026
María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural
