O Decreto 425/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre o permiso de explotación para exercer a actividade pesqueira e marisqueira, regula no seu capítulo III o permiso de explotación para marisqueo a pé, que habilita para exercer a actividade nas zonas marítimo-terrestres de libre marisqueo e nas zonas de autorización ou concesión administrativa, de acordo coas especificacións contidas nel.
A Orde do 15 de xullo de 2011 pola que se regula o permiso de explotación para o marisqueo a pé (DOG núm. 114, do 28 xullo), no seu artigo 6, define o procedemento para a obtención do permiso de explotación, determinando que as solicitudes presentadas e que cumpran os requisitos establecidos serán valoradas de acordo cun baremo, no cal se terán en conta os criterios establecidos no artigo 8.
Ben que inicialmente foi aprobado por medio da Resolución do 15 de xullo de 2011, na actualidade o baremo vixente é o recollido na Resolución do 12 de novembro de 2013, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se aproba o baremo para obter o permiso de explotación para o marisqueo a pé.
A experiencia acumulada na aplicación dos anteriores baremos na valoración das solicitudes presentadas para obter o permiso de explotación para o marisqueo a pé, fai aconsellable mellorar o procedemento, para reducir na medida do posible que a asignación do permiso de explotación se resolva mediante un sorteo en presenza das persoas afectadas, ao producirse empate nas puntuacións obtidas.
O Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar (DOG núm. 58, do 26 de marzo), atribúelle á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro as competencias da ordenación do marisqueo, o establecemento das condicións para o exercicio da actividade marisqueira e a conservación, protección e xestión sustentable dos recursos marisqueiros. Así mesmo, ten ao seu cargo a ordenación, dirección e coordinación das atribucións que ten asumidas a consellería en materia de extensión pesqueira, ensinanzas e titulacións náutico-pesqueiras.
En virtude do disposto, e unha vez consultado o sector, esta dirección xeral
RESOLVE:
Primeiro. Aprobar o baremo para a valoración das solicitudes para obter o permiso de explotación para marisqueo a pé, que figura como anexo I desta resolución, o cal se aplicará cando o número de solicitantes sexa superior ás prazas ofertadas.
Segundo. Recoñecer as actividades formativas que serán consideradas como mérito no baremo para obter o permiso de explotación para o marisqueo a pé, segundo o anexo II desta resolución.
Terceiro. Deixar sen efecto a Resolución do 12 de novembro de 2013, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se aproba o baremo para obter o permiso de explotación para o marisqueo a pé.
Os procesos selectivos iniciados con anterioridade a esta resolución rexeranse polo baremo disposto na Resolución do 12 de novembro de 2013, ata a súa resolución final.
Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería do Mar, de conformidade co disposto nos artigos 30, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 9 de abril de 2026
María de los Ángeles Vázquez Suárez
Directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro
ANEXO I
Baremo para a valoración das solicitudes para obter o permiso
de explotación para o marisqueo a pé
1. Por ser demandante de emprego (demandante de emprego ou en situación de alta).
A puntuación total que se poderá obter nesta epígrafe será de 0,5 puntos, que se acadarán de estar como solicitante de emprego ou como demandante de mellora de emprego debidamente acreditado durante un período mínimo de 6 meses inmediatamente anterior á convocatoria.
2. Por formación.
A puntuación máxima que se poderá obter nesta epígrafe será de 6,5 puntos.
Nesta epígrafe computarán as actividades de formación e habilidades profesionais realizadas pola persoa interesada, así como a titulación académica que posúa.
a) Actividades de formación (cursos, seminarios e xornadas ou asimiladas).
Valoraranse as actividades que foron recoñecidas como mérito para acceder ao permiso de marisqueo a pé e que figuran inscritas no catálogo de actividades formativas, de conformidade co establecido no anexo II.
Cando unha actividade formativa teña varios niveis, só computará aquela que permita acadar a maior puntuación. Cada actividade formativa será valorada con 0,02 puntos/hora de curso, e non se pode superar o total de puntuación de cada bloque temático.
Non se computará o certificado de mariscador/a (trátase de requisito para acceder á explotación dos recursos).
As distintas actividades de formación serán puntuadas de acordo coa súa temática:
1º. Relacionadas coa xestión sustentable dos recursos mariños, ecosistemas mariños e economía azul, marisqueo e acuicultura, organización do sector e asociacionismo, lexislación pesqueira, marisqueira e acuícola. Nesta temática puntuarase como máximo 3,25 puntos.
2º. Relacionadas co cooperativismo, emprendemento, xestión empresarial e turismo mariñeiro. Nesta temática puntuarase como máximo 0,75 puntos.
3º. Relacionadas coa comercialización, manipulación de produtos pesqueiros, seguridade alimentaria e prevención de riscos. Nesta temática puntuarase como máximo 0,75 puntos.
4º. Relacionadas co liderado, traballo en equipo, habilidades sociais, habilidades de dirección, negociación, resolución de conflitos, responsabilidade social. Nesta temática puntuarase como máximo 0,50 puntos.
5º. Relacionadas coa informática. Nesta temática puntuarase como máximo 0,25 puntos.
b) Titulación académica.
1º. Graduado en ESO ou equivalente: 1 punto.
Ás persoas que posúan a titulación de técnico en Cultivos Acuícolas (FP ciclo medio) ou técnico en Acuicultura (FP ciclo superior), impartidas no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) ou equivalente, engadiránselles 1,5 puntos á puntuación obtida na titulación académica.
Para os efectos de equivalencia de titulación, só se admitirán as establecidas polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.
c) Habilidades profesionais.
Estar en posesión ou ter sido titular dun permiso de explotación a pé nas súas distintas tipoloxías, salvo que se producise a perda do permiso de explotación como consecuencia de sanción en materia de protección dos recursos mariños ou incumprimento das prescricións ou requisitos establecidos no plan de xestión.
Valoraranse as habilidades profesionais nos últimos 5 anos, que serán valoradas en 0,06 puntos/mes de actividade. A puntuación máxima que se poderá obter nesta epígrafe será de 1,5 puntos.
3. Por estar empadroado/a nun concello do ámbito das confrarías ou entidades titulares do plan de xestión en que estea prevista a incorporación, ou nun concello costeiro limítrofe pola liña de costa:
a) Desde un período mínimo dun ano ata 2 anos anteriores á convocatoria: 1 punto nun concello do ámbito das confrarías ou entidades titulares do plan de xestión, e 0,5 puntos no caso dun concello costeiro limítrofe pola liña de costa.
b) Máis de 2 anos e ata 4 anos anteriores á convocatoria: 2 puntos nun concello do ámbito das confrarías ou entidades titulares do plan de xestión, e 1 punto no caso dun concello costeiro limítrofe pola liña de costa.
c) Máis de 4 anos anteriores á convocatoria: 3 puntos nun concello do ámbito das confrarías ou entidades titulares do plan de xestión, e 1,5 puntos no caso dun concello costeiro limítrofe pola liña de costa.
A puntuación máxima total que se poderá obter nesta epígrafe será de 3 puntos.
4. En caso de producirse empate na puntuación obtida, resolverase mediante sorteo en presenza das persoas afectadas pola dita situación.
ANEXO II
Recoñecemento de actividades formativas como mérito no baremo
1. As actividades formativas, segundo a forma de participación, poden ser presenciais, en rede (mediante ferramentas electrónicas) ou mixtas.
As actividades formativas recoñecidas como mérito poderán ser:
a) As realizadas pola consellería competente en materia de marisqueo inscritas no catálogo de actividades formativas.
b) As promovidas por outras entidades ou institucións, tanto públicas como privadas, sen ánimo de lucro, que sexan recoñecidas pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.
As entidades privadas deberán ter entre os seus obxectivos específicos ou estatutarios a realización de actividades formativas, así como expresar que non teñen ánimo de lucro.
2. Requisitos para o recoñecemento de actividades formativas, pola consellería competente en materia de marisqueo:
a) A persoa ou entidade interesada no recoñecemento deberá achegar, ante a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, a documentación acreditativa da dita actividade. No caso de entidades, a documentación incluirá unha memoria, informe ou programa de cada actividade e, no caso de persoas físicas, será un certificado acreditativo de participación.
Poderán recoñecerse de oficio as actividades formativas realizadas polas administracións, entidades do sector público e corporacións de dereito público.
b) As actividades serán susceptibles de recoñecemento segundo estableza o servizo con competencias en ensinanzas marítimo-pesqueiras, que en calquera momento poderá solicitar á persoa interesada a información necesaria para avaliar a actividade que pretenda ser recoñecida.
c) As actividades de formación que pretendan ser recoñecidas deberán vir expresadas en horas. Non se recoñeceran as que teñan menos de 8 horas.
d) Nas actividades que se pretendan recoñecer, deberán realizarase controis de asistencia.
e) Non se recoñecerán como actividades formativas as accións conducentes á obtención dunha titulación académica.
f) Os certificados acreditativos da participación en actividades formativas constarán dos seguintes datos:
1º. Institución ou entidade organizadora da actividade.
2º. Nome e cargo de quen expide a certificación en representación da institución ou entidade organizadora.
3º. Nome, apelidos e DNI da persoa a que se certifica.
4º. Denominación da actividade.
5º. Lugar e datas de realización.
6º. Número de horas de duración.
7º. Lugar e data de expedición do certificado.
8º. Sinatura e selo.
Só se aceptarán os certificados que acrediten a superación íntegra da actividade. Non se aceptarán certificacións parciais.
3. Catálogo:
a) Todas as actividades formativas que se recoñezan como mérito no baremo para obter o permiso de explotación para o marisqueo a pé inscribiranse nun catálogo.
b) O catálogo de actividades formativas dependerá da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e será responsable o servizo con atribucións en ensinanzas marítimo-pesqueiras.
c) O catálogo poderá ser consultado na páxina web https://mar.xunta.gal e será actualizado cando se recoñezan novas actividades formativas.
