Mediante a Resolución do 3 de decembro de 2025 (DOG núm. 235, do 4 de decembro), da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, resolveuse o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escalas de axentes facultativos ambientais e axentes forestais.
De acordo co punto segundo desa resolución, diferíronse os prazos posesorios derivados da resolución do concurso ata a publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución pola que se indique a data de inicio dos ditos prazos.
Polo exposto, no uso das competencias delegadas pola Consellería de Facenda e Administración Pública en virtude do disposto no artigo 1 da Orde do 8 de xaneiro de 2020 (DOG núm. 16, do 24 de xaneiro), e de conformidade co previsto na base XI da convocatoria, esta dirección xeral
RESOLVE:
Primeiro. A apertura do prazo de toma de posesión que se establece no punto segundo da Resolución da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, do 3 de decembro de 2025, que se producirá o día seguinte ao do cesamento. O cesamento efectuarase o día 24 de abril de 2026.
Segundo. De conformidade co previsto na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no artigo 8 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, o prazo da toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento e será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia, ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia.
Se a adxudicación comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión será dun mes e empezará a computarse o día 25 de abril de 2026.
Terceiro. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta mesma dirección xeral no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou directamente recurso contencioso-administrativo perante o xulgado do contencioso-administrativo correspondente, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 14 de abril de 2026
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal
