O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.19, establece como competencia exclusiva da Xunta de Galicia o fomento da cultura en Galicia e, no artigo 32, que corresponden ao Goberno da nosa comunidade autónoma a defensa e a promoción dos valores culturais do pobo galego.
En execución das competencias citadas ditouse a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística de Galicia, que establece no seu artigo 20.3 a obriga da Xunta de Galicia de contribuír á promoción do libro galego con medidas que potencien a produción editorial e a súa disposición.
Neste senso, a Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, no seu artigo 16.3, establece que a Xunta de Galicia se compromete a adquirir, con periodicidade estable, para a súa difusión en todas as bibliotecas públicas, escolares e de centros universitarios, os produtos editoriais galegos segundo os criterios de selección e idoneidade das persoas con responsabilidades profesionais destes centros de lectura públicos.
De conformidade co Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e co Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, correspóndelle a este departamento, a través da Dirección Xeral de Cultura, o exercicio das competencias en materia de promoción do libro e da lectura, así como nas materias de bibliotecas e arquivos. Así mesmo, compételle a xestión administrativa e a organización de axudas e instrumentos de colaboración coas corporacións locais en materia de bibliotecas.
Na mesma liña, correspóndelle á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, como órgano de dirección e coordinación do Sistema galego de bibliotecas, segundo o establecido na Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, establecer anualmente nos seus orzamentos programas para a adquisición de fondos e recursos tecnolóxicos, actividades de difusión e formación do persoal e outros que se puideren considerar necesarios para a Rede de bibliotecas públicas de Galicia.
En cumprimento das devanditas competencias, esta orde regula dous programas de subvencións dirixidos ás bibliotecas públicas e/ou axencias de lectura de titularidade municipal, un para a adquisición de novidades editoriais en galego (programa A) e o outro para a mellora das coleccións bibliográficas (programa B).
Programa A: a subvención para a adquisición de novidades editoriais ten como finalidade que as bibliotecas públicas e/ou axencias de lectura teñan ao dispor dos seus usuarios e usuarias as ditas novidades en galego no momento da súa entrada no mercado, mediante un proceso de compra de libros en formato físico a cargo das entidades locais en función da demanda das súas bibliotecas e/ou axencias de lectura que cumpran os requisitos establecidos nesta orde. Unha vez adxudicada a subvención por un valor económico que se establece segundo os parámetros da poboación que atende cada servizo bibliotecario público municipal, este poderá seleccionar os títulos incluídos nunha plataforma electrónica en que poderán incorporar as súas novidades todas as editoriais que publiquen en galego, que tamén serán as encargadas da distribución directa de cada libro solicitado desde a editorial a cada entidade beneficiaria.
Programa B: está dirixido á mellora das coleccións bibliográficas das bibliotecas públicas e/ou axencias de lectura. Ten como finalidade actualizar as coleccións, de xeito que lle permita ao persoal técnico bibliotecario municipal mellorar o servizo bibliotecario vinculado a unha colección máis completa, diversificada e actual.
As bases reguladoras da concesión das subvencións previstas nesta orde establecen un procedemento de concesión que ten a consideración de concorrencia non competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e co obxecto dos programas, non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que será realizada pola comprobación da concorrencia na entidade solicitante dos requisitos establecidos, conforme o previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O único criterio para a repartición dos fondos é a poboación que debe atender o servizo bibliotecario.
Por todo o exposto, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,
DISPOÑO:
CAPÍTULO I
Disposicións comúns aos dous programas
Artigo 1. Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de subvencións dirixidas ás bibliotecas públicas e/ou axencias de lectura de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia (código de procedemento CT235A).
2. Nesta orde regúlanse os seguintes dous programas de subvencións:
Programa A. Subvencións para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico.
Programa B. Subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas.
3. Así mesmo, ten por obxecto convocar as ditas subvencións para o ano 2026.
Artigo 2. Principios de xestión
A xestión deste procedemento realizarase de acordo cos seguintes principios:
a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.
b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.
Artigo 3. Normas de aplicación
No desenvolvemento desta orde observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:
a) Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia.
b) Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas.
c) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
d) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia.
f) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno da Comunidade Autónoma.
g) Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
E, suplementariamente:
h) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, reguladora dos requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que resultan de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.
i) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
j) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
k) Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico das administracións públicas.
Artigo 4. Procedemento de concesión das subvencións
1. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde será o de concorrencia non competitiva. Na súa virtude, para a concesión das subvencións ratearase o orzamento existente entre as entidades solicitantes que cumpran as condicións establecidas, en función do número de bibliotecas públicas e/ou axencias de lectura de titularidade municipal con que conten e da poboación do concello, ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Os mecanismos e as medidas que se aplicarán no procedemento para reducir o risco de fraude e de corrupción e os conflitos de intereses ateranse ao previsto no Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Artigo 5. Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias desta subvención todas as entidades locais de Galicia que:
a) Sexan titulares de bibliotecas públicas ou axencias de lectura integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia.
b) Estean ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
c) Remitisen ao Consello de Contas de Galicia a conta xeral do exercicio 2024, de acordo co establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
2. Tamén poderá ser beneficiaria destas axudas unha agrupación de concellos para a prestación de servizos bibliotecarios comúns. A dita agrupación deberá estar debidamente acreditada e os concellos integrantes da agrupación deberán cumprir, individualmente, os requisitos establecidos na presente orde. Os concellos que se presenten en agrupación non poderán presentarse, ademais, de forma individual.
3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas entidades locais que se atopen nalgún dos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tampouco poderán beneficiarse aquelas entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
Artigo 6. Requisitos de participación
1. As bibliotecas públicas e/ou axencias de lectura municipais receptoras dos fondos bibliográficos deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Estar integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia (capítulo V do Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas) antes da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de subvención reguladas nesta orde.
b) Ter un horario de apertura ao público dun mínimo de 15 horas semanais.
c) Ter cuberta e remitida ao Servizo do Sistema de Bibliotecas a estatística de bibliotecas do ano 2024.
Quedan excluídas do cumprimento deste requisito as bibliotecas públicas e/ou axencias de lectura que fosen creadas ou reactivasen os seus servizos durante o ano 2025 ou antes do remate do prazo de presentación de solicitudes desta orde.
d) Ter informatizada a xestión da biblioteca ou da axencia de lectura.
e) Ter remitido ao Consello de Contas de Galicia a conta xeral do exercicio 2024, conforme o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
Artigo 7. Concorrencia das axudas
As subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outra que se poida conceder para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que leve a cabo a entidade beneficiaria.
Artigo 8. Solicitudes e prazo
1. As entidades locais que desexen acollerse ás subvencións reguladas nesta orde deberán presentar a solicitude coa indicación do programa ou programas en que desexan participar, segundo o modelo do anexo I.
O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día 4 de maio de 2026 e rematará ás 20.00 horas do día 4 de xuño de 2026, ambos incluídos.
2. A solicitude irá dirixida á Dirección Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
3. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
4. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
5. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
6. De conformidade co artigo 32 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, non se admitirán as solicitudes posteriores ao esgotamento do crédito orzamentario, aínda que a publicidade da dita circunstancia polo órgano xestor se produza a posteriori do dito esgotamento.
Artigo 9. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
– Copia do certificado da remisión ao Consello de Contas de Galicia da conta xeral do exercicio 2024.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.
Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Artigo 10. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa representante.
b) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 11. Emenda das solicitudes
Se a documentación presentada fose incompleta ou presentase erros emendables, requirirase o solicitante para que, no prazo de dez (10) días hábiles, rectifique a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desiste da súa solicitude, segundo o disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Artigo 12. Procedemento de instrución
1. Corresponde á Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro a instrución do procedemento de concesión de subvencións, para o cal e desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.
2. De acordo co artigo 22 da Lei de subvencións de Galicia, que regula o procedemento abreviado, instruídos os expedientes, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución ao órgano competente para resolver.
Artigo 13. Resolución
1. No prazo de quince (15) días desde a elevación da proposta de resolución da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, a persoa titular da Dirección Xeral de Cultura, por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, ditará a resolución de concesión, de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nesta resolución incluiranse a relación de entidades locais beneficiarias e as cantidades concedidas por cada programa subvencionable.
2. O prazo para ditar e notificar ás persoas interesadas a resolución expresa non poderá superar os cinco (5) meses, segundo establece o artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir do día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
A persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo no momento do vencemento do prazo máximo sen que se notifique a resolución expresa.
Artigo 14. Notificación
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas, realizaranse mediante o Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 15. Publicación dos actos
Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a notificación da resolución de concesión das axudas, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web https://www.cultura.gal
Artigo 16. Aceptación das axudas
Unha vez notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as entidades interesadas propostas como beneficiarias dispoñerán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación, de conformidade co disposto no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada polo representante da entidade beneficiaria.
No suposto de que algunha entidade non acepte a axuda ou renuncie a ela, o órgano instrutor poderá formular a proposta de resolución complementaria, adxudicando o importe dispoñible entre as solicitudes admitidas coa mesma proporción prevista no artigo 4 da presente orde.
Artigo 17. Xustificación
1. O prazo máximo para presentar a documentación xustificativa é ata o 31 de outubro de 2026 (incluído) para o programa A e ata o 30 de setembro de 2026 (incluído) para o programa B.
2. A xustificación das subvencións desta orde realizarase separadamente por programas. Achegarase a documentación xustificativa correspondente a cada programa.
3. Esta documentación dirixirase á Dirección Xeral de Cultura, Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, con data límite a de finalización do período de xustificación, sempre que non se opoña ao que se estableza na orde da Consellería de Facenda e Administración Pública que regule as operacións de peche de exercicio.
4. A documentación requirida na fase xustificativa deberá presentarse electronicamente, accedendo ao expediente do presente procedemento na Carpeta cidadá da entidade local que presentou a solicitude de inicio https://sede.xunta.gal/carpeta-do-cidadan, mediante os formularios normalizados habilitados para o efecto a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
5. Considerarase gasto realizado o importe das adquisicións de libros que se axusten ao disposto nesta orde, realizadas entre o día da publicación desta convocatoria e ata o 31 de outubro de 2026 para o programa A e ata o 30 de setembro de 2026 para o programa B.
Artigo 18. Documentación xustificativa da subvención común para os dous programas
A documentación xustificativa que se deberá presentar é a seguinte:
a) Declaración de axudas solicitadas ou recibidas para o mesmo obxecto. Poderá empregarse o modelo previsto no anexo II.
b) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Poderá empregarse o modelo previsto no anexo III.
c) Certificado da persoa responsable da secretaría ou intervención da entidade local de que os fondos bibliográficos adquiridos con esta subvención pasan a formar parte da colección da/das biblioteca/s ou da/das axencia/s de lectura públicas municipais, e no cal conste a contía dos libros adquiridos en lingua galega. Poderá empregar o modelo previsto no anexo IV.
d) Documentos acreditativos do gasto realizado, a través dunha das modalidades seguintes:
Modalidade 1). Conta xustificativa. Neste suposto, deberase achegar unha certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace do alcalde ou alcaldesa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:
Nome do provedor, número de factura, relación de libros adquiridos e número de exemplares, importe da factura, data de emisión da factura e data de pagamento. A omisión dalgún destes datos comporta a obriga de acollerse á modalidade 2.
Modalidade 2). Se non presentan conta xustificativa, deben achegar os seguintes documentos:
– Relación clasificada dos gastos. Poderase empregar o modelo do anexo V.
– Copia das facturas, en que se relacionen os libros adquiridos. De non figurar este dato na factura, enviarán o albará xunto coa factura.
– Xustificantes bancarios do pagamento, en que consten a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir coa entidade beneficiaria da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa que emitiu a factura.
Artigo 19. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 20. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 21. Pagamento
De acordo co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase como efectivamente pagado o gasto cando quede xustificado o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias, debidamente identificados.
A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito á subvención total ou parcial, segundo proceda, e as demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto nos artigos 9 e 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada lei.
Unha vez xustificada a subvención, o órgano competente, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da finalidade da subvención.
Artigo 22. Obrigas das beneficiarias
As entidades locais beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ás seguintes obrigas:
a) Cumprir o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.
c) Dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.
d) As entidades locais beneficiarias das subvencións quedarán obrigadas a destinar os fondos bibliográficos recibidos para a súa incorporación á súa colección bibliográfica e a súa posta ao dispor das persoas usuarias das súas bibliotecas públicas e/ou axencias de lectura. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude poderá comprobar, cando o considere conveniente, a correcta execución das axudas.
e) Os fondos bibliográficos en galego obxecto desta convocatoria deberán cumprir a vixente normativa ortográfica e morfolóxica do idioma galego, fixada pola Real Academia Galega o 12 de xullo de 2003, tal e como se establece na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (DOG núm. 84, do 14 de xullo). Así mesmo, respectarán a toponimia oficial nos termos previstos no artigo 10 desta lei.
Artigo 23. Reintegro da axuda e procedemento sancionador
1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. No caso de que a entidade local beneficiaria da axuda incumpra algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, instruirá o correspondente expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, citada no punto anterior.
Artigo 24. Recursos
Contra os actos resolutivos que esgotan a vía administrativa a interesada poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente, interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
CAPÍTULO II
Disposicións específicas para cada programa
Sección 1ª. Programa A. Subvencións para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico
Artigo 25. Obxecto e finalidade da subvención
1. O obxecto é a concesión dunha subvención anual ás entidades locais de Galicia para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico, con destino ás bibliotecas públicas e/ou axencias de lectura municipais integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia. Os fondos bibliográficos deberán ser editados no período comprendido entre o 1 de setembro de 2025 e o 30 de setembro de 2026 (incluídos).
2. A súa finalidade é de interese público: o fomento e edición de libros publicados en galego, así como a promoción da lectura e a mellora das coleccións e dos servizos bibliotecarios, por ser a Rede de bibliotecas públicas a destinataria dos exemplares.
Artigo 26. Imputación orzamentaria
1. Estas axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.432A.760.2, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, por un importe de 138.000,00 €.
2. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar ao incremento da contía total das subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen que dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes.
Artigo 27. Fondos bibliográficos obxecto de subvención
1. Os fondos bibliográficos obxecto de subvención deberán estar incorporados á plataforma electrónica https://novidadeseditoriais.xunta.gal e ser seleccionados e recibidos por cada entidade local beneficiaria. A incorporación realizarana as entidades editoras de acordo co sinalado no artigo 28 desta orde.
2. Con cargo á subvención o número máximo de exemplares de cada título que poderá solicitar cada entidade local ás editoriais, para cada unha das súas bibliotecas e/ou axencias de lectura municipal, será de 3.
Artigo 28. Procedemento de incorporación das novidades editoriais
1. Para poder inscribirse na plataforma electrónica, as editoriais, sexan persoas físicas ou xurídicas, deberán ter a condición de editoras. No imposto de actividades económicas (IAE) debe figurar a epígrafe «edición de libros» ou outra en que quede claro o seu carácter fundamentalmente de editorial.
2. As editoriais incorporarán á plataforma electrónica https://novidadeseditoriais.xunta.gal as súas novidades editoriais para seren seleccionadas polas entidades locais, sempre que as ditas editoriais cumpran os requisitos exixidos na resolución de convocatoria para poder participar nesta orde. A dita resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia.
3. A inscrición das editoras na plataforma electrónica comporta a autorización á Dirección Xeral de Cultura, unidade tramitadora da plataforma electrónica https://novidadeseditoriais.xunta.gal, para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, e tamén comporta a autorización para consultar o seu imposto de actividades económicas (IAE). Non obstante, a editorial ou representante poderá denegar expresamente o consentimento e, daquela, deberá presentar as certificacións segundo o indicado na resolución a que se fai referencia no punto 2 deste artigo.
4. Unha vez asignada a cantidade correspondente a cada entidade local relativa ao importe máximo do valor dos libros de que se van dotar as bibliotecas municipais, cada entidade, a través dun só representante para as súas bibliotecas e/ou axencias de lectura, xa designado na solicitude (anexo I) ou ben modificado posteriormente mediante nomeamento polo/a alcalde/sa ou presidente/a, seleccionará e solicitará os títulos e o número de exemplares de cada título entre os incorporados á plataforma electrónica de adquisición de novidades editoriais https://novidadeseditoriais.xunta.gal polas editoriais, ata o límite do valor económico en libros que teña adxudicado na resolución definitiva desta convocatoria.
5. No prazo comprendido desde a data de publicación desta convocatoria ata o 15 de outubro de 2026 (incluído) e a través da plataforma, realizaranse os pedidos a cada unha das editoriais titulares de cada libro seleccionado pola entidade local beneficiaria da axuda.
Serán as editoriais as que se encargarán do envío dos libros a cada solicitante, segundo se faga constar no campo da plataforma «enderezo de envío».
Artigo 29. Contía das axudas
1. A contía da axuda que corresponderá a cada entidade beneficiaria determinarase en función do número de habitantes de cada concello, segundo as cifras oficiais de poboación correspondentes ao ano 2024 publicadas polo Instituto Galego de Estatística, de conformidade coa seguinte táboa:
– Menos de 2.001 habitantes: importe máximo de 500 €.
– De 2.001 a 5.000: importe máximo de 1.000 €.
– De 5.001 a 10.000: importe máximo de 1.500 €.
– De 10.001 a 20.000: importe máximo de 2.000 €.
– De 20.001 a 30.000: importe máximo de 2.500 €.
– De 30.001 a 50.000: importe máximo de 3.000 €.
– Máis de 50.001: importe máximo de 3.500 €.
2. No caso de que concorra unha agrupación de concellos, computarase como número de habitantes a suma dos habitantes integrantes dos concellos agrupados.
3. O cálculo da axuda que se concederá realizarase sobre a porcentaxe que resulta de aplicar o total de crédito orzamentario dispoñible para a adquisición dos fondos sobre o total de subvención prevista para este programa, que se concederá segundo a táboa anterior (suma do número de entidades locais por tramo multiplicado por contías individuais indicativas por tramo). A devandita porcentaxe multiplicarase polas contías individuais indicativas da propia táboa.
4. Non obstante, poderanse superar as cantidades máximas a que se refire este artigo se, unha vez repartido o crédito inicial, existisen remanentes. Neste caso, o órgano instrutor poderá distribuír proporcionalmente a cantidade dispoñible entre as solicitudes correctamente recibidas que non alcanzasen o importe máximo da axuda. Se nesa repartición todos os solicitantes acadan esa contía máxima a que se refire o parágrafo primeiro deste artigo, a cantidade restante ratearase entre todas as beneficiarias.
5. As axudas poderán acadar ata o 100 % do investimento subvencionable.
Sección 2ª. Programa B. Subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas
Artigo 30. Obxecto e finalidade da subvención
A finalidade é posibilitar a mellora dos fondos bibliográficos que configuran as coleccións das bibliotecas públicas municipais de Galicia, co obxecto de colaborar na súa actualización e mantemento e, deste xeito, dar cumprida resposta á demanda das persoas usuarias.
Artigo 31. Imputación orzamentaria
1. Estas axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.432A.760.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, por un importe de 286.000,00 €.
2. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar ao incremento da contía total das subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen que dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.
Artigo 32. Fondos bibliográficos obxecto de subvención e exclusións
1. Será obxecto desta axuda a compra de monografías (tanto libro infantil como libro dirixido ás persoas adultas), material sonoro (CD e vinilo), videogravacións (DVD, Blu-Ray), recursos electrónicos (CD-ROM, DVD-ROM ou calquera outro formato para videoxogos), partituras e material cartográfico (mapas e planos). Estes materiais deberán estar dirixidos ao mantemento ou á renovación da colección e terán por obxectivo o préstamo a domicilio ou a consulta dentro das instalacións da propia biblioteca.
2. O número máximo de exemplares que se poderán adquirir de cada título ou colección será de 3 para cada unha das súas bibliotecas públicas e/ou axencias de lectura municipal.
3. Un 25 %, como mínimo, da subvención concedida destinarase á adquisición de fondo bibliográfico editado en lingua galega.
4. Non serán obxecto desta axuda reproducións facsimilares, gravados, grandes obras de consulta (enciclopedias en varios volumes, repertorio de xenealoxía e heráldica, etc.), pinturas, libros de texto, temarios de oposición, publicacións periódicas (revistas, xornais, boletíns…) ou calquera outro material non mencionado no punto 1.
5. Os fondos bibliográficos en lingua galega obxecto desta convocatoria deberán cumprir a vixente normativa ortográfica e morfolóxica do idioma galego, fixada pola Real Academia Galega o 12 de xullo de 2003, tal e como se establece na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (DOG núm. 84, do 14 de xullo).
Artigo 33. Adquisición dos fondos
Os libros adquiriranse na medida do posible polo sistema libreiro. Co obxecto de apoiar o crecemento competitivo e equilibrado de todo o territorio galego, os provedores dos materiais obxecto destas axudas deberán ser, preferentemente, empresas de comercio retallista da contorna municipal.
Artigo 34. Contía das axudas
1. A contía indicativa inicial da subvención determinarase en función do número de habitantes de cada concello, segundo as cifras oficiais de poboación o 1 de xaneiro de 2024 publicadas polo Instituto Galego de Estatística, de conformidade coa seguinte táboa:
– Menos de 2.001: recibirán un máximo de 800 €.
– De 2.001 a 5.000: recibirán un máximo de 1.500 €.
– De 5.001 a 10.000: recibirán un máximo de 2.000 €.
– De 10.001 a 20.000: recibirán un máximo de 2.500 €.
– De 20.001 a 30.000: recibirán un máximo de 3.000 €.
– De 30.001 a 50.000: recibirán un máximo de 4.000 €.
– Máis de 50.001: recibirán un máximo de 5.000 €.
2. No caso de que concorra unha agrupación de concellos, computarase como número de habitantes a suma dos habitantes integrantes dos concellos agrupados.
3. O cálculo da axuda que se concederá realizarase sobre a porcentaxe que resulta de aplicar o total do crédito orzamentario dispoñible para este programa (286.000,00 €) sobre o total de subvención que se conceda para este programa, segundo a táboa anterior (suma do número de entidades locais por tramo multiplicado por contías individuais indicativas por tramo). A devandita porcentaxe multiplicarase polas contías individuais indicativas da propia táboa.
4. Non obstante, poderanse superar as cantidades máximas a que se refire este artigo se, unha vez repartido o crédito inicial, existisen remanentes. Neste caso, o órgano instrutor poderá distribuír proporcionalmente a cantidade dispoñible entre as solicitudes correctamente recibidas que non alcanzasen o importe máximo da axuda. Se nesa repartición todos os solicitantes acadan esa contía máxima a que se refire o parágrafo primeiro deste artigo, a cantidade restante ratearase entre todos os beneficiarios.
5. As axudas poderán acadar ata o 100 % do investimento subvencionable.
Disposición adicional primeira. Base de datos nacional de subvencións
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude transmitirá á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria, de conformidade co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
Disposición adicional segunda. Delegación de competencias
Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude na persoa titular da Dirección Xeral de Cultura, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Cultura para ditar cantas instrucións e actos sexan precisos para o desenvolvemento desta orde.
Disposición derradeira segunda
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 13 de abril de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024; DOG núm. 130, do 5 de xullo)
Elvira Mª Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
