DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Mércores, 29 de abril de 2026 Páx. 25894

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2026, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se adoptan medidas cautelares en relación coa dermatose nodular contaxiosa.

A dermatose nodular contaxiosa é unha enfermidade vírica de alta difusibilidade e que implica importantes prexuízos tanto nas explotacións afectadas como a nivel xeral no sector bovino.

A aparición desta enfermidade en países da Unión Europea próximos tanto territorial como comercialmente con España, así como a detección desta doenza en territorio español o pasado mes de outubro en Cataluña, na provincia de Girona, e posteriormente en Aragón, supuxo un importante aumento do nivel de risco de aparición desta enfermidade en Galicia, polo que se adoptaron medidas cautelares fronte á enfermidade.

A pesar da evolución favorable da situación epidemiolóxica en Cataluña e Aragón e as medidas adoptadas por parte destas comunidades autónomas, así como o plan vacinal instaurado en certas zonas de España, considérase aconsellable manter as medidas cautelares establecidas na Comunidade Autónoma de Galicia respecto desta enfermidade, tras a análise do risco sanitario existente actualmente.

Fundamentos de dereito:

Visto o Regulamento (UE) 2016/429 do Parlamento Europeo e do Consello, do 9 de marzo de 2016, relativo ás enfermidades transmisibles dos animais e polo que se modifican ou derrogan algúns actos en materia de sanidade animal.

Visto o disposto no artigo 8 de medidas sanitarias de salvagarda, da Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal.

No exercicio da competencia que regula o artigo 19 do Decreto 223/2022, do 22 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural,

RESOLVO:

Primeiro. Prorróganse as medidas recollidas na Resolución do 25 de marzo de 2026, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se adoptan medidas cautelares en relación coa dermatose nodular contaxiosa, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 59, do 30 de marzo de 2026, cuxos efectos remataban o día 30 de abril de 2026.

Segundo. A Resolución do 24 de abril de 2026 producirá os seus efectos desde o día 1 de maio de 2026 ata o 31 de maio de 2026, ambos incluídos, e poderase prorrogar por resolución de acordo coa evolución epidemiolóxica da enfermidade.

Terceiro. Esta resolución non pon fin á vía administrativa e contra ela cabe interpoñer recurso de alzada ante a conselleira do Medio Rural, no prazo dun mes contando desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co que establecen os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2026

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias