DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Mércores, 29 de abril de 2026 Páx. 25888

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

EXTRACTO da Orde do 24 de abril de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas á realización do programa Retorna Cualifica Emprego e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2026 e 2027 (código de procedemento TR380A).

BDNS (Identif.): 901570.

De conformidade co previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/901570

Primeiro. Obxecto

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das subvencións destinadas á realización do programa Retorna Cualifica Emprego e convocar estas subvencións para as anualidades 2026 e 2027.

Segundo. Entidades beneficiarias

Poderán solicitar as subvencións previstas nesta orde as entidades xurídicas privadas que cumpran os requisitos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e que, ademais, reúnan as seguintes condicións na data de presentación da solicitude:

a) Que teñan o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que carezan de fin de lucro. Considerarase que tamén carecen de fin de lucro aquelas entidades que desenvolvan actividades de carácter comercial, sempre que os beneficios resultantes destas se invistan na súa totalidade no cumprimento dos seus fins institucionais non comerciais.

c) Que teñan plena capacidade de obrar e acrediten a seguinte solvencia económica, financeira e técnica ou profesional:

c.1) Solvencia económica e financeira:

i. Ao se tratar de persoas xurídicas, contas anuais depositadas no Rexistro de fundacións ou rexistro correspondente en función da súa natureza ou do seu réxime xurídico. As contas deberán estar asinadas pola entidade concorrente en cada unha das súas follas ou o documento contar coa sinatura electrónica do representante legal da entidade.

ii. Se por causa xustificada non é posible achegar as ditas contas, a solvencia económica acreditarase mediante a presentación do balance da situación xunto cun informe bancario.

c.2) Solvencia técnica:

i. Experiencia mínima de 2 anos na xestión e desenvolvemento de programas de formación e cualificación para o emprego e de atracción de talento, con financiamento público.

ii. Acreditar un mínimo de compromisos equivalente a 40 postos de traballo con empresa/s con centros de traballo en Galicia que ofrezan postos de traballo vacantes para ofertar ás persoas destinatarias do programa Retorna Cualifica Emprego.

d) Que teñan experiencia acreditada en actividades de asesoramento e asistencia técnica en procesos de selección de talento. Esta experiencia acreditarase mediante unha relación das actividades realizados nese ámbito, indicando o tipo ou tipos de postos de traballo obxecto de selección, así como, se é o caso, en que países se realizaron e o destinatario público ou privado destes servizos.

e) Que acrediten ter capacidade, solvencia, eficacia, experiencia e recursos humanos e materiais para a realización, organización e coordinación das accións do programa Retorna Cualifica Emprego previstas no artigo 3 da presente orde. Para estes efectos, como mínimo, deberán contar cos seguintes recursos:

e.1) Recursos humanos: un/unha prospector/a laboral, un/unha orientador/a laboral, unha persoa titulada media ou superior con experiencia e/ou coñecemento en tramitación de autorizacións administrativas necesarias para residir en España, un/unha técnico/a en selección de recursos humanos e un/unha administrativo/a. Acreditarase mediante unha descrición dos recursos humanos destinados á execución do programa, en que deberán constar as titulacións académicas e/ou profesionais, así como a experiencia laboral das ditas persoas.

e.2) Recursos materiais: instalacións para reunións, entrevistas e formación, así como sistemas de comunicación de voz e datos e medios audiovisuais. Acreditarase a través dunha descrición dos recursos materiais de que dispoña a entidade para a realización do programa.

Terceiro. Persoas destinatarias

1. As persoas destinatarias finais do programa Retorna Cualifica Emprego serán persoas galegas residentes no estranxeiro, que estean interesadas en integrarse laboralmente en Galicia e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión da nacionalidade española.

b) Ser menor de 55 anos.

c) Residir fóra de España.

d) Acreditar un mínimo dun ano de residencia fóra de España inmediatamente anterior á data de inicio de participación no programa Retorna Cualifica Emprego.

e) Estar vinculada a Galicia dalgún destes xeitos:

i. Ser persoa emigrante nacida en Galicia.

ii. Ser persoa emigrante non nacida en Galicia, pero ter residido en Galicia de forma continuada durante cinco (5) anos, con nacionalidade española antes de emigrar.

iii. Ser descendente por consanguinidade dunha persoa nacida en Galicia.

2. Poderán tamén participar nas accións do programa Retorna Cualifica Emprego o resto das persoas integrantes da unidade familiar que, sen reuniren os requisitos establecidos nas alíneas a) e e) do punto 1 do presente artigo, estean tamén en disposición de aceptar un contrato de traballo en Galicia consonte os requisitos que a normativa que sexa de aplicación exixa (permisos temporais de residencia, de traballo e calquera outro que sexa necesario). Para os efectos de participar neste programa, considéranse integrantes da unidade familiar da persoa participante que posúa a nacionalidade española os seguintes:

a) O/a cónxuxe, sempre que non se ditase acordo ou declaración da nulidade do vínculo matrimonial, divorcio ou separación legal.

b) A parella coa que se manteña unha relación análoga á conxugal inscrita nun rexistro público establecido para estes efectos e sempre que non se cancelase a dita inscrición, o que deberá ser suficientemente acreditado. As situacións de matrimonio e inscrición como parella rexistrada consideraranse, en todo caso, incompatibles entre si.

Cuarto. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Quinto. Financiamento

Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito total de dous millóns trescentos mil euros (2.300.000,00 €), distribuído en dúas anualidades, con cargo á aplicación orzamentaria 14.03.323A.481.2, código de proxecto 2026 00057.

Aplicación orzamentaria

Código proxecto

Anualidade 2026

Anualidade 2027

Total

14.03.323A.481.2

2026 00057

750.000,00 €

1.550.000,00 €

2.300.000,00 €

Sexto. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase ás 9.00 horas do oitavo día hábil seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e estenderase ata o 30 de xuño de 2026, ás 20.00 horas, sen que en ningún caso poida ser inferior a un mes ou ata que se produza o esgotamento do crédito asignado a esta convocatoria. As solicitudes presentadas antes das 9.00 horas do oitavo día hábil seguinte ao da súa publicación non serán admitidas.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2026

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración