En virtude do establecido no artigo 8.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade ao seguinte encargo:
– Resolución do 8 de abril de 2026, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, pola que se encarga á Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) a execución dos traballos de retirada e destrución de niños incluídos no Programa galego de vixilancia e control fronte á avespa asiática (Vespa velutina) no ano 2026.
– Actividade: traballos de retirada e destrución de niños incluídos no Programa galego de vixilancia e control fronte á avespa asiática (Vespa velutina).
– Natureza e alcance do encargo:
Trátase dun encargo a un medio propio de acordo co artigo 32 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, co 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e co 13 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.
A Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) é unha sociedade mercantil pública autonómica das previstas no artigo 102 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, que, de acordo co artigo 1.4 dos seus estatutos, ten a consideración de medio propio e instrumental e de servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico.
Seaga encargarase da xestión de avisos de presenza de niños de avespa velutina segundo o Programa galego de vixilancia e control fronte á avespa asiática.
– Financiamento: o orzamento de execución ascende a un millón setecentos setenta e catro mil novecentos dezanove euros con noventa e oito céntimos (1.774.919,98 €) que se financiará con cargo á aplicación orzamentaria 05.04.141A.227.42 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2026, en que existe crédito axeitado e suficiente.
– Prazo de vixencia: comezará o día da sinatura do encargo (8 de abril de 2026) e estenderase ata o 30 de decembro de 2026, e poderá prorrogarse nos termos que se determinen antes da finalización do encargo.
Santiago de Compostela, 21 de abril de 2026
Francisco Javier Abad Pardo
Secretario xeral técnico da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
