DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Xoves, 30 de abril de 2026 Páx. 26048

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

DECRETO 33/2026, do 20 de abril, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Cerdedo Cotobade de dous treitos antigos da estrada EP-7102, de titularidade da Deputación Provincial de Pontevedra.

O artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (LEG), dispón que os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

O artigo 9.7 da LEG recolle que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O 1 de marzo de 2023, o Concello de Cerdedo Cotobade e a Deputación Provincial de Pontevedra formalizaron un convenio de colaboración para a execución do proxecto denominado Ensanche e mellora da seguranza viaria na EP-7102 Serrapio-A Portela, p.q. 1+950 ao p.q. 3+150.

Este convenio ten o carácter de solicitude de inicio do procedemento de transferencia a favor do concello dos seguintes treitos da estrada provincial EP-7102 Serrapio-A Portela:

1. Treito antigo de 138 metros lineais situado no p.q. 1+250 (marxe dereita).

2. Treito antigo de 125 metros lineais situado no p.q. 1+800 (marxe esquerda).

Posteriormente, na sesión ordinaria levada a cabo o día 25 de outubro de 2024, o Pleno da Corporación Provincial aprobou o cambio de titularidade recollido no citado convenio a favor do Concello.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, indica que o dous treitos antigos das estradas EP-7102 cumpren co establecido no número 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial.

Segundo o citado artigo, «só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios de que forme parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles, que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente».

En consecuencia, formúlase a proposta favorable á transferencia de titularidade definida no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de abril de dous mil vinte e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Cerdedo Cotobade dos seguintes treitos antigos da estrada EP-7102, da rede de estradas da Deputación Provincial de Pontevedra:

Denominación do treito

p.q.

Marxe

Lonxitude (m)

Treito antigo da EP-7102 Serrapio-A Portela

1+250

Dereita

138

Treito antigo da EP-7102 Serrapio-A Portela

1+800

Esquerda

125

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia.

A entrega dos bens formalizarase coa sinatura da correspondente acta de entrega entre o Concello e a Deputación no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación.

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello de Cerdedo Cotobade, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación dos treitos antigos transferidos, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que poida corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de abril de dous mil vinte e seis

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas