O artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (LEG), dispón que os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións afectadas.
O artigo 9.7 da LEG recolle que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.
O artigo 18.11 do Regulamento xeral de estradas de Galicia (RXEG) dispón que os cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios dos que forma parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles, que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente.
O Concello da Laracha solicitoulle á Axencia Galega de Infraestruturas o cambio de titularidade do treito da vía de servizo da estrada AC-523 Culleredo (A-6)-Meirama situado na súa marxe esquerda, entre os pp.qq. 5+738 e 6+382.
Este treito de vía de servizo discorre integramente polo termo municipal da Laracha, segundo o seu instrumento de planeamento urbanístico. Trátase dun elemento funcional da estrada AC-523 de carácter secundario, cuxa función principal é dar servizo ás propiedades lindeiras, polo que carece de funcionalidade dentro da Rede autonómica de estradas de Galicia.
A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, formula a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1, e fai unha corrección na delimitación nos puntos quilométricos inicialmente propostos polo concello.
De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de abril de dous mil vinte e seis,
DISPOÑO
Artigo 1
Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello da Laracha do seguinte treito da vía de servizo da estrada AC-523 da Rede autonómica de estradas de Galicia, xunto co seu dominio público viario:
|
Nº |
Transferencia |
Inicio na conexión co |
Coordenadas UTM (ETRS89 fuso 29N) |
Final na conexión co |
Coordenadas UTM (ETRS89 fuso 29N) |
Lonx. (m) |
Superficie DPV (m²) |
|
1 |
Treito da vía de servizo da AC-523 |
p.q. 5+770 ME da AC-523 |
X = 544.366 y = 4.788.093 |
p.q. 6+390 ME da AC-523 |
X = 543.868 y = 4.787.672 |
654 |
6.104 |
Artigo 2
De acordo co establecido no artigo 9.6 da LEG, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos tres (3) meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.
Esta acta de entrega e os seus planos poderán consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas:
https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega
Artigo 3
Correspóndelle ao Concello da Laracha, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación do treito da vía de servizo transferida, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular do vial.
Disposición derradeira
Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 20 de abril de 2026
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
