O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental o dereito á folga.
O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os cales se encontra a sanidade.
A prestación da asistencia sanitaria non se pode ver gravemente afectada polo lexítimo exercicio do dereito de folga, ao estar aquela recoñecida como servizo esencial e prevalente en relación con este.
O artigo 3 do citado decreto faculta os/as conselleiros/as competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, establezan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para a determinación do persoal preciso para a súa prestación.
A Federación de CIG-Servizos da Confederación Intersindical Galega comunicou a convocatoria dunha folga que afectará todas as persoas traballadoras da empresa Cofares Noroeste y del Cantábrico, S.A. (en diante, Cofares), no seu centro de traballo sito no concello de Betanzos (A Coruña), e que se desenvolverá o luns 4 de maio, nas quendas de mañá (das 10.00 ás 15.15 horas) e tarde (das 18.00 ás 23.30 horas) e o martes 5 de maio, en todas as quendas (das 6.30 ás 23.30 horas).
A empresa Cofares desenvolve unha actividade de distribución de medicamentos e produtos sanitarios ás oficinas de farmacia e centros sanitarios e constitúe un elemento relevante na cadea de subministración farmacéutica e, polo tanto, na efectividade do dereito á protección da saúde.
As oficinas de farmacia teñen a consideración de establecementos sanitarios privados de interese público, de conformidade coa lexislación estatal e autonómica en materia farmacéutica, e desempeñan unha función esencial na garantía do dereito á protección da saúde da cidadanía. Neste sentido, a Administración sanitaria debe asegurar unha atención farmacéutica continuada, integral e en condicións de equidade.
Segundo a información achegada polos servizos competentes desta administración, aproximadamente un 20 % das oficinas de farmacia ten a Cofares como provedora principal, aínda que non exclusiva, o que implica que, en determinados casos, existen provedores alternativos. Este dato resulta relevante para ponderar o alcance da esencialidade do servizo e evitar a imposición de restricións innecesarias ao dereito de folga.
Con todo, tamén consta que arredor dun 10 % das oficinas de farmacia abastecidas principalmente por Cofares presta servizos de garda diúrna e, nalgúns casos, de atención continuada durante as 24 horas. Estas oficinas de farmacia de garda constitúen un dispositivo esencial do sistema sanitario, ao garantiren a dispensación de medicamentos en situacións de urxencia e fóra do horario ordinario.
Debe terse en conta, así mesmo, que determinadas prestacións asociadas á distribución farmacéutica non admiten demora sen risco para a saúde das persoas, singularmente o inicio de tratamentos urxentes, a continuidade de tratamentos crónicos ou a dispoñibilidade de medicamentos sometidos a especiais condicións de conservación ou control.
Neste contexto, unha paralización total da actividade podería afectar de maneira directa a atención destas necesidades urxentes e inaprazables, especialmente nas oficinas de farmacia de garda e nos supostos en que, malia existiren provedores alternativos, non sexa posible unha substitución inmediata e efectiva.
En consecuencia, aínda que a existencia doutros operadores no mercado permite unha certa capacidade de substitución, persiste a necesidade de garantir un nivel mínimo de actividade que asegure a cobertura das necesidades máis urxentes, de acordo cos principios de necesidade e proporcionalidade e mínima restrición do dereito de folga.
En suma, a caracterización legal precedente, o contexto descrito e as obrigas normativamente atribuídas á autoridade sanitaria conducen á procedencia de establecer servizos mínimos ante esta folga.
Con base no que antecede, e logo da audiencia ao Comité de Folga,
DISPOÑO:
Artigo 1
A convocatoria de folga referida deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos resultantes dos criterios recollidos nesta orde.
Os servizos mínimos resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura do servizo esencial de asistencia farmacéutico sanitaria, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos á cidadanía. E ao propio tempo responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa atención á poboación, que baixo ningún concepto pode quedar desasistida, dadas as características do servizo dispensado.
Para a súa determinación tivéronse en conta a extensión temporal da folga, o número potencial de persoas usuarias afectadas, a estrutura do mercado de distribución farmacéutica –incluíndo a existencia de provedores alternativos– e a necesidade de asegurar unha cobertura suficiente das situacións de urxencia, evitando ao mesmo tempo unha restrición desproporcionada do dereito de folga.
Co fin de compatibilizar o exercicio do dereito de folga coa garantía do servizo esencial, establécense os seguintes criterios reitores durante as xornadas de folga (días 4 e 5 de maio de 2026):
Establécese unha cobertura máxima de ata o 30 % do cadro de persoal do centro de traballo de Betanzos, porcentaxe que se considera suficiente e proporcionada para:
• Atender as necesidades urxentes e inaprazables da poboación.
• Garantir o abastecemento ás oficinas de farmacia en situación de garda.
• Asegurar a continuidade de tratamentos farmacolóxicos que non admitan demora.
• Atender a subministración a centros sanitarios cando resulte imprescindible.
Esta porcentaxe configúrase como un límite máximo e a súa aplicación efectiva debe adecuarse ás necesidades reais do servizo durante as xornadas de folga, evitando restricións innecesarias do dereito de folga.
A determinación fundaméntase, en particular, nos seguintes elementos de ponderación:
• A existencia de provedores alternativos no mercado, que permite unha certa capacidade de substitución.
• A necesidade de garantir, non obstante, a cobertura das situacións de urxencia, singularmente nas oficinas de farmacia de garda.
• A imposibilidade de demorar determinadas prestacións sen risco para a saúde das persoas usuarias.
A determinación concreta dos efectivos deberá realizarse atendendo a criterios de mínima intervención, que se limitarán aos estritamente necesarios para cubrir as necesidades esenciais anteriormente descritas.
Artigo 2
En aplicación dos criterios establecidos no artigo anterior, a Dirección da empresa determinará os efectivos, designará o persoal que debe cubrir os servizos mínimos e fixará a súa xornada e horario de traballo.
A empresa elaborará un expediente de determinación de efectivos de servizos mínimos, que estará dispoñible para xeral coñecemento do persoal interesado e no cal deberá quedar constancia da xustificación e criterios ponderados para determinar os ditos efectivos.
O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios con antelación ao comezo da folga.
A designación nominal de efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será determinada pola empresa e notificada ao persoal designado.
O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.
Artigo 3
Os paros e as alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos terán a consideración de ilegais para os efectos previstos no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).
Artigo 4
O disposto nos artigos precedentes non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.
Disposición derradeira
Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 29 de abril de 2026
Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade
