DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Xoves, 30 de abril de 2026 Páx. 26059

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2026, da Secretaría Xeral da Lingua, pola que se fixan as datas de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega (Celga), niveis 1, 2, 3 e 4, que foron convocadas mediante a Resolución do 6 de marzo de 2026 (código de procedemento PL500C).

Mediante a Resolución do 6 de marzo de 2026, da Secretaría Xeral da Lingua, convocáronse as probas para a obtención dos certificados de lingua galega (Celga), niveis 1, 2, 3 e 4, no ano 2026 (código de procedemento PL500C) (DOG núm. 49, do 13 de marzo). Segundo se recolle no seu punto terceiro, as probas terán lugar entre a segunda quincena de maio e a primeira de xuño de 2026, sempre que ningunha circunstancia excepcional o impida. Así mesmo, tamén se sinala que as datas concretas das probas serán debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da Secretaría Xeral da Lingua (https://www.lingua.gal).

De acordo con isto,

RESOLVO:

Fixar as seguintes datas de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega (Celga), convocadas mediante a Resolución do 6 de marzo de 2026:

– Celga 4, en Santiago de Compostela, en Ponferrada e en Madrid:

23 de maio de 2026, para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece por algunha das seguintes letras: M, N, Ñ, O, P, Q, R, S, T, U, V, W, X, Y, Z e A.

24 de maio de 2026, para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece por algunha das seguintes letras: B, C, D, E, F, G, H, I, J, K e L.

– Celga 3, en Santiago de Compostela, en Ponferrada e en Madrid:

30 de maio de 2026, para todas as persoas admitidas.

– Celga 2, en Santiago de Compostela, en Ponferrada e en Madrid:

31 de maio de 2026, para todas as persoas admitidas.

– Celga 1, en Santiago de Compostela:

6 de xuño de 2026, para todas as persoas admitidas.

Os centros de realización das probas serán:

– En Santiago de Compostela: o IES Antonio Fraguas Fraguas (rúa de Londres, 10)-para o Celga 4, Celga 3 e Celga 2-e a Escola Galega de Administración Pública (rúa de Madrid, 2)-para o Celga 1-.

– En Ponferrada: a Escola Oficial de Idiomas desta localidade (vía Río Burbia, s/n).

– En Madrid: a Casa de Galicia en Madrid (rúa de Casado del Alisal, 8).

As probas comezarán ás 9.00 horas, de modo que as persoas admitidas deberán presentarse no centro que lles corresponda con antelación suficiente. Na web da Secretaría Xeral da Lingua (https://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral/convocatorias) tamén se poderá consultar esta información, así como as listaxes definitivas de persoas admitidas para cada nivel e localidade. Así mesmo, na web publicarase, na semana das probas correspondentes, a porta de acceso ao centro e mais a aula asignada a cada persoa para a realización da proba escrita. A aquelas persoas ás que, atendendo a causas xustificadas, se lles concedese algún tipo de adaptación ou apoio, a Secretaría Xeral da Lingua comunicaralles directamente o día, a porta de acceso e mais a aula que se lles asigne.

Respecto da proba oral de cada nivel Celga, lémbrase que esta se realizará o mesmo día que a proba escrita. A hora concreta en que cada persoa deberá estar presente para realizar a dita proba oral publicarase no centro correspondente, así como na web da Secretaría Xeral da Lingua, unha vez que remate a proba escrita.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2026

Valentín García Gómez
Secretario xeral da Lingua