DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Xoves, 30 de abril de 2026 Páx. 26061

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2026, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a participación no programa Aventúrate con Galicia, dirixido á mocidade de orixe galega ou descendente de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento PR930B).

O artigo 7 do Estatuto de autonomía de Galicia recoñécelles ás comunidades galegas asentadas fóra de Galicia o dereito a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego.

A Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, define a galeguidade como o dereito das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia a colaboraren e a compartiren a vida social e cultural do pobo galego, tal e como sinala o artigo 7.1 do Estatuto de autonomía de Galicia.

En aplicación desta, procede establecer o marco normativo ao cal se deberá axustar o procedemento de concesión de subvencións que lles posibiliten ás entidades e persoas galegas establecidas noutras comunidades autónomas ou no exterior a realización de programas de actividades que lles sexan propias e, sinaladamente, nas áreas formativas, culturais e de mocidade.

Segundo o establecido no artigo 49 do Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración (DOG núm. 101, do 27 de maio), a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de emigración e retorno e, en particular, as recollidas na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, e as relacións e o apoio ás persoas e ás comunidades galegas no exterior, así como o fomento e a promoción da súa actividade e funcionamento.

A Secretaría Xeral da Emigración ten como un dos seus obxectivos a promoción e o desenvolvemento de actividades culturais e de tempo libre dirixidas á xuventude galega do exterior para reforzar os seus vínculos con Galicia, así como o fomento da participación desta nos programas e servizos que ao seu favor organice a Xunta de Galicia, e para acadar esta finalidade cóntase coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude.

Para realizar todas estas funcións, a Secretaría Xeral da Emigración dispón de distintas liñas de axudas e subvencións baseadas nos principios de publicidade e concorrencia, segundo os criterios establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con cargo aos fondos públicos.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 76/2017, do 28 de xullo, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto regular as axudas correspondentes ao programa Aventúrate con Galicia para o ano 2026, que ten por finalidade facilitarlles a 30 mozas e mozos de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas que residan no estranxeiro, a participación en determinadas actividades de verán convocadas pola Xunta de Galicia para a xuventude galega, así como o encontro cos seus familiares residentes na Comunidade Autónoma.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócase estas axudas para o ano 2026 (código de procedemento PR930B).

3. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva ata o cobertura das prazas convocadas, de acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Características do programa e distribución das prazas convocadas

1. Aventúrate con Galicia é un programa dirixido a mozos e mozas que viven no estranxeiro con idades comprendidas entre os 10 e os 17 anos para participar, xunto con mozas e mozos residentes en Galicia, en actividades da campaña de verán que convoca para este ano a Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

O programa pretende facilitarlles a todas as persoas participantes o enriquecemento persoal mediante a convivencia con outras mozas e mozos de idades e intereses similares e a participación en actividades variadas. E, en particular, proporcionarlles ás residentes no exterior a oportunidade de reforzar os lazos con Galicia e cos seus familiares que vivan nesta terra.

2. O programa Aventúrate con Galicia desenvolverase en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude nas seguintes modalidades de campamentos.

1) Actividades no mar Gandarío: convócanse 10 prazas, para mozos e mozas de 14 a 17 anos de idade, que se realizarán no Albergue Xuvenil de Gandarío (Bergondo), dependente da Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Consellería de Cultura do 29 de xullo ao 7 de agosto de 2026.

2) Actividades de artes escénicas e natureza- Boiro: convócanse 10 prazas, para mozos e mozas de 10 a 12 anos de idade, que se realizarán no Campamento Xuvenil de Espiñeira (Boiro), dependente da Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude do 15 ao 24 de xullo de 2026.

3) Actividades de multiaventura: ambiente e mar-Ribadeo T: convócanse 10 prazas, para mozos e mozas de 12 a 14 anos de idade, que se realizarán no Campamento Xuvenil A Devesa (Ribadeo) da Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude do 15 ao 24 de xullo de 2026.

Os tres campamentos inclúen actividades lúdicas e recreativas (excursións, de aventuras...) propias da idade dos participantes; o primeiro e terceiro, actividades deportivas náuticas (vela, windsurf, canoa, etc.) e outras comúns (sendeirismo, fútbol, etc.); e o segundo actividades relacionadas co teatro, a danza, a maxia, a música, percusión e similares.

3. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colaborará na execución deste programa e porá á disposición das persoas beneficiarias as actividades ofertadas, o persoal técnico especializado e o material necesario para o seu desenvolvemento, así como os servizos de aloxamento e manutención nos albergues ou campamentos xuvenís asignados en réxime de pensión completa, a atención sanitaria de primeiros auxilios e un seguro de accidentes.

A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo da selección dos solicitantes conforme o criterio establecido no artigo 10 desta resolución, organizará sesións informativas para os familiares dos participantes con carácter previo ao inicio das actividades, realizará o seguimento da participación das persoas beneficiarias durante o desenvolvemento dos campamentos xuvenís e tramitará na consellería competente a cobertura sanitaria temporal para os participantes que a precisen nos termos establecidos no Decreto 177/1995, do 16 de xuño, que regula a tarxeta sanitaria.

Os proxenitores ou titores legais das persoas beneficiarias faranse cargo da organización da viaxe e do pagamento de todos os custos de desprazamento desde o seu lugar de residencia ata as instalacións en que se desenvolva o campamento solicitado e viceversa.

4. Co fin de lograr a efectiva difusión deste programa para vindeiras convocatorias e co obxectivo de garantir os principios de transparencia, accesibilidade da información e veracidade (artigo 2 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno), recolleranse experiencias e mesmo imaxes das instalacións e das persoas participantes que poderán ser empregadas para noticias contidas en xornais, publicacións e tamén divulgadas tanto a través de servizos da sociedade da información como na páxina web https://emigracion.xunta.gal/

Para estes efectos, a presentación da solicitude de participación implica a autorización para a publicación destas imaxes, que serán incorporadas ao ficheiro «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», co tratamento previsto na normativa de aplicación.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Con carácter xeral, poderán optar a unha praza para participar neste programa os mozos e mozas con residencia habitual no estranxeiro que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter unha idade comprendida entre os 10 a os 17 anos o día 15 de xullo de 2026.

b) Ter nacido en Galicia ou ser descendentes de persoa emigrante galega residente no exterior.

c) Ter a nacionalidade española.

d) Carecer de enfermidades transmisibles con risco de contaxio, discapacidades e outros impedimentos que lles imposibiliten participar con normalidade nas actividades recreativas e deportivas do campamento que soliciten.

Artigo 4. Financiamento e compatibilidade

1. Financiamento.

As axudas do programa teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non suporán ningún gasto para a Secretaría Xeral da Emigración polo que non é necesaria a súa contabilización.

A Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude porá a disposición das persoas beneficiarias os servizos de aloxamento e manutención nos albergues e campamentos asignados e demais arriba indicados.

2. Compatibilidade.

As axudas que se outorguen ao abeiro desta resolución son compatibles con calquera outra axuda que poida ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que vaia levar a cabo a persoa beneficiaria.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. A solicitude deberá ser asinada polo/a menor que solicita a axuda para participar na actividade e pola persoa proxenitora ou titor/a que actuarán en calidade de representante, e deberá estar completamente cuberta.

A presentación da solicitude implica a aceptación das normas deste procedemento.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica mediante o formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, que inclúen os Consulados de España no exterior.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As persoas solicitantes de América que non posúan certificado electrónico e así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a seguir, nas cales existen persoas habilitadas para o efecto, para a presentación electrónica das súas solicitudes:

• No Brasil:

– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.

– Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.

– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.

– Asociación Cultural Hispano-Galega Cabaleiros de Santiago en Salvador de Bahía.

• En Venezuela:

– Irmandade Galega en Venezuela.

– Irmandade Galega de Valencia.

– Centro Galego de Maracaibo.

– Centro Galego de Puerto La Cruz.

– Asociación Fillos de Galicia dos Estados de Aragua e Lara.

• En Cuba:

– Federación de Sociedades Galegas.

A utilización desta vía requirirá que a persoa solicitante autorice a persoa responsable da entidade colaboradora que se detalle no modelo normalizado de solicitude para que remita a súa solicitude a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, e non exime as persoas solicitantes e representantes da obriga de cubrir e asinar persoalmente a solicitude segundo o anexo I.

Para o caso de utilizar esta vía, é recomendable que as solicitudes se presenten cunha antelación suficiente respecto ao do remate do prazo de presentación das solicitudes.

Artigo 6. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes e iniciarase ás 9.00 horas do quinto día natural seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. No caso de que o día de inicio do prazo sexa inhábil, comezará o día hábil seguinte.

O prazo finalizará ás 20.00 horas do día en que se cumpra un mes desde a data de inicio do prazo. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ata ás 20.00 horas do primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata ás 20.00 horas do último día do mes.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación da persoa solicitante:

a) Documentación acreditativa do seu nacemento en Galicia ou da ascendencia galega que inclúa a documentación acreditativa do parentesco, cando proceda.

b) Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade: documento de identidade do país de residencia e pasaporte español en vigor ou, no caso de residir en países membros da Unión Europea, outros documentos en que consten os datos persoais e a nacionalidade.

c) Certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular ou outro documento oficial xustificativo que acredite a residencia continuada no exterior, en que conste a dilixencia de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular.

d) Unha fotografía recente tamaño carné.

e) Copia do certificado de nacemento ou libro de familia. De ser o caso, copia da resolución xudicial na cal se lle designe titor/a da persoa solicitante.

f) Informe médico, segundo o modelo que figura como anexo II, no cal se faga constar que a persoa solicitante non padece enfermidade infecto-contaxiosa nin ten discapacidades e outros impedimentos que lle imposibilite participar con normalidade nas actividades do campamento que solicita.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI da persoa solicitante.

– DNI da persoa representante.

2. Para o caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, para o caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos ditos datos, poderá solicitárselles ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites de maneira presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Criterio de adxudicación das axudas

A selección das persoas beneficiarias realizarase conforme a un criterio de prelación temporal, é dicir, asignaranse as axudas para participar no campamento solicitado aos solicitantes admitidos segundo a orde de entrada da solicitude completa e asinada no Rexistro da Secretaría Xeral da Emigración ata esgotar o número total de prazas ofertadas para cada campamento.

Artigo 11. Ordenación e instrución do procedemento

1. O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das axudas para participar no programa Aventúrate con Galicia destinado a persoas de orixe galega residentes no exterior é a Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais.

2. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes e comprobado que reúnen os requisitos establecidos nesta resolución, o persoal funcionario do Servizo de Programas Sociais elaborará a lista provisional de solicitudes admitidas e excluídas por actividade solicitada, indicando, de ser o caso, a documentación para requirir ou a causa de exclusión. Estas listas serán publicadas no prazo máximo de cincuenta (50) días desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal).

3. As persoas interesadas disporán dun prazo de dez días, contados desde o día seguinte ao da publicación na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración da lista provisional (https://emigracion.xunta.gal), para formularen as alegacións ou achegaren os documentos para emendar o expediente de solicitude. Finalizado ese prazo sen que se emende, considerarase desistida da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo da resolución que se deberá ditar nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Transcorrido ese prazo, á vista das solicitudes presentados e a documentación posteriormente incorporada aos expedientes, e de conformidade co disposto nesta resolución, a persoa titular da xefatura do Servizo de Programas Sociais, informará ao órgano de instrución do resultado e a continuación, publicaranse na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal) as listas definitivas das persoas admitidas e excluídas por cada un dos campamentos ofertados, segundo a orde de prelación indicada do artigo 10.

5. Con posterioridade, a persoa titular da Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais formulará a proposta de resolución, debidamente motivada, que elevará á titular da Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 12. Resolución do procedemento

1. A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración é a competente para a adxudicación das axudas obxecto desta convocatoria, vista a proposta de resolución do órgano instrutor, e pór fin a este procedemento.

A seguir, publicarase o texto íntegro da resolución do proceso na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal) coa relación das persoas beneficiarias, as non admitidas e, de ser o caso, as que se teñan por desistidas ou renunciasen, así como o resto das persoas solicitantes admitidas pero sen praza, que integrarán a lista de reserva, segundo a data de entrada da solicitude.

A partir da data da publicación da resolución do procedemento non será admisible ningún cambio, agás por causas de forza maior ou debidamente xustificadas e autorizadas exclusivamente pola Secretaría Xeral da Emigración.

2. Para o caso de que con posterioridade á resolución desta convocatoria, por renuncias ou outras circunstancias que imposibiliten a viaxe, quedaran prazas sen cubrir, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá resolver, nas condicións que considere oportunas para non prexudicar o desenvolvemento normal do programa, a adxudicación das prazas vacantes ás persoas solicitantes seguintes que figuren nas listas de reserva, as cales serán notificadas segundo o disposto na devandita Lei 39/2015, do 1 de outubro.

En todo caso, estas axudas quedarán condicionadas á programación que para estas actividades elabore a Dirección Xeral de Xuventude, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

3. O prazo máximo para resolver será de tres meses contados desde o día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se diten as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de se efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. Para o caso de optar pola notificación en papel, efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta ao dispor das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta ao dispor da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Con carácter xeral, as persoas beneficiarias das axudas están obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación que considere precisas a Secretaría Xeral da Emigración para asegurar o cumprimento do contido e das condicións do programa e os demais requisitos legais e regulamentarios que prevexa a normativa xeral da Xunta de Galicia.

Para ese fin, os proxenitores e/ou os titores legais dos participantes responsabilizaranse dos menores en todo momento, prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida durante a preparación da viaxe e o desenvolvemento da actividade e facilitarán canta documentación lles sexa requirida por esta secretaría xeral e polos órganos correspondentes da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino das axudas.

2. En particular, as persoas responsables dos menores que resulten adxudicatarias dunha praza para participar neste programa quedan obrigadas ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Comunicar á Secretaría Xeral da Emigración calquera posible alteración das circunstancias postas de manifesto no seu expediente de solicitude durante a tramitación do expediente de modo que, con anterioridade á viaxe, a Secretaría Xeral da Emigración poida adoptar a resolución de modificación ou revogación da concesión que corresponda.

b) En caso de desistir da súa petición ou renunciar a praza adxudicada, comunicalo por escrito á Secretaría Xeral da Emigración, como mínimo quince (15) días antes da viaxe, con indicación da causa. Nos casos, de incumprimento desta obriga ou de ter presentado unha renuncia por motivos que, segundo o parecer desta secretaría, non estean xustificados, comunicaráselle á persoa adxudicataria que será penalizada, de modo que na seguinte convocatoria de axudas para participar nun programa similar non poderá resultar beneficiaria.

c) Facerse cargo da incorporación dos menores á actividade e da recollida nos prazos establecidos.

d) No suposto de abandono da actividade ou expulsión da persoa participante, corresponde ás persoas proxenitoras ou titoras legais o traslado para o regreso ao seu domicilio así como os gastos que se ocasionen.

Pola súa parte, os participantes deberán respectar as normas de réxime interno dos lugares de aloxamento, así como todas aquelas que se lles dean no transcurso das actividades, nas cales, en todo caso, terán a obriga de participar, e, en xeral, as establecidas pola lexislación vixente na materia. Non cumprir estas normas poderá ter como consecuencia, logo do trámite de audiencia, a expulsión do programa.

3. Nos supostos en que se declare a procedencia do reintegro, considerarase como cantidade recibida, que haberá que reintegrar, o importe dos custos de aloxamento e manutención durante o tempo da estadía nos albergues ou campamentos xuvenís, xunto cos correspondentes xuros de demora de acordo co establecido no artigo 3.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a secretaría xeral publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 16. Réxime de recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer de xeito potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na LPACAP.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa ou no caso de que a resolución non sexa expresa, o recurso poderá interpoñerse desde o día seguinte a aquel no que se entenda producido o acto presunto.

Disposición adicional única. Información ás persoas interesadas

1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e, xunto cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) núm. 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información que requira, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento do establecido nesta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2026

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file