En cumprimento do disposto no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, o Departamento Territorial da Coruña dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 23 de marzo de 2026, polo que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción, se declara a utilidade pública, en concreto, e a prevalencia sobre un monte veciñal en man común, da infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica denominada REG_BOI802_11717923_apoios_22, situada no concello de Boiro, e promove UFD Distribución Eléctrica, S.A. (expediente IN407A 2023/445-1), que se recolle como anexo desta resolución.
Contra o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
A Coruña, 10 de abril de 2026
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
ANEXO
Acordo polo que se outorga a autorización administrativa previa, de construción e declaración da utilidade pública, en concreto, así como da prevalencia sobre monte veciñal en man común, da infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica denominada REG_BOI802_11717923_apoios_22 (expediente IN407A 2023/445-1).
Antecedentes:
Primeiro. O 11.10.2023, UFD Distribución Electricidad, S.A., (en diante, UFD) presentou as solicitudes de outorgamento da autorización administrativa previa, de construción e de declaración, en concreto, de utilidade pública para a infraestrutura eléctrica denominada REG_BOI802_11717923_apoios_22, acompañada da seguinte documentación técnica:
• Proxecto de execución denominado Regulamentación LMT BOI-802-apoio 9P2LD9D0//68, asinado por Carlota, Martínez Rúa, graduada en enxeñaría eléctrica, nº colexiada 4.776 de Vigo, o 27.9.2023.
• Declaración responsable da técnica proxectista, segundo o exixido no 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
• Separatas técnicas para as entidades afectadas pola infraestrutura eléctrica proxectada: Concello de Boiro e Consellería do Medio Rural.
• Relación de bens e dereitos afectados (RBDA).
Segundo. O 12.2.2024, UFD presentou solicitude expresa e documentación correspondente para dar inicio ao trámite previsto no artigo 53.1 (concorrencia de utilidade ou interese públicos con montes veciñais en man común) da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
Terceiro. O 2.4.2024, concedeuse trámite de audiencia á CMVMC de Abanqueiro de acordo co previsto no artigo 53.1 da Lei 9/2021.
Cuarto. O 3.4.2024, a Xefatura Territorial da Coruña (en diante, XTCoruña) ditou acordo polo que se someteu a información pública a solicitude feita por UFD, de outorgamento da autorización administrativa previa, de construción e de declaración, en concreto, de utilidade pública, da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada REG_BOI802_11717923_apoios_22, que se publicou en varios diarios (DOG núm. 87, do 3.5.2024; BOP da Coruña nº 74, do 16.4.2024; La Voz de Galicia do 22.4.2024) e foi exposto no taboleiro de anuncios do concello de Boiro.
Quinto. O 12.4.2024, a XTCoruña trasladou as separatas técnicas, para os efectos de obter os seus informes ao respecto, ás entidades afectadas pola referida infraestrutura eléctrica: Concello de Boiro e Consellería do Medio Rural.
1. O Servizo de Montes da Coruña da Consellería do Medio Rural remitiu informe de conformidade do proxecto o 8.5.2024, co seguinte condicionado técnico:
a. Xestión da faixa de biomasa de acordo co previsto no artigo 20 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (DOG núm. 74 do 17 de abril) e a súa lexislación de desenvolvemento.
b. Débense gardar as distancias previstas no artigo 68 e no anexo II f) da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm. 140, do 23 de xullo): 5 metros, con calquera plantación forestal, desde a proxección do condutor máis externo, considerando a súa desviación máxima producida polo vento segundo a normativa aplicable a cada caso, da infraestrutura eléctrica.
c. De realizarse algunha corta de arborada deben solicitarse as autorizacións ou presentarse as declaracións responsables que, segundo for o caso, fosen exixibles, de acordo co disposto no Decreto 73/2020, do 24 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos nos montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 97, do 20 de maio).
O condicionado técnico foi aceptado por UFD o 26.9.2024.
2. Non consta no expediente que teña emitido informe o Concello de Boiro.
Sexto. O 11.11.2024, o Departamento Territorial da Coruña (en diante, DT Coruña), unha vez rematado o prazo concedido á CMVMC de Abanqueiro sen que se recibisen alegacións, solicitou informe ao Servizo de Montes da Coruña da Consellería do Medio Rural en cumprimento do trámite previsto no artigo 53.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
• O Servizo de Montes de Coruña emitiu informe, con data do 11.2.2025, en que se conclúe literalmente o seguinte:
«1. UFD Grupo Naturgy presenta proxecto para a realización de obras de regulamentación na liña de distribución eléctrica en media tensión con matrícula BOI-802.
2. As instalacións están situadas no termo municipal de Boiro, no lugar de Chazo, con referencia catastral 15011A006011850000XR, afectando unha parcela do monte Abanqueiro da CMVMC de Abanqueiro, a cal non está conveniada nin consorciada coa Administración. Consultado o PXOM de Boiro a clasificación do solo é solo rústico de protección de costas.
3. A infraestrutura obxecto deste informe xera pola súa existencia a creación dunha rede primaria de xestión de biomasa conforme se establece no artigo 20 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Así mesmo, no artigo 20.bis indícase que nas liñas de transporte, distribución e evacuación de enerxía eléctrica, sen prexuízo do necesario respecto das especificacións da regulamentación electrotécnica sobre distancia mínima entre os condutores, as árbores e outra vexetación, deberase xestionar a biomasa nunha faixa de 5 metros desde a proxección dos condutores eléctricos máis externos, considerando a súa desviación máxima producida polo vento segundo a normativa sectorial vixente. Ademais, nunha faixa de 5 metros desde a estrema da infraestrutura non poderá haber árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira.
4. O artigo 21.ter indica que, con carácter xeral, entenderase por persoas responsables nos supostos a que se refire o artigo 20.bis e, se for o caso, a letra b) do artigo 21.bis, as administracións públicas, as entidades ou sociedades que teñan encomendada a competencia sobre a xestión, ou cedida esta en virtude dalgunha das modalidades previstas legalmente, das vías de comunicación, liñas de transporte e distribución de enerxía eléctrica, subestacións eléctricas, liñas de transporte e distribución de gas natural e estacións de telecomunicacións.
5. Non se trata da construción dunha nova liña eléctrica, senón da reforma dunha instalación xa existente.
Con todo o indicado, informo:
Que, desde un punto de vista forestal, emítese informe favorable ao da autorización».
A respecto da concorrencia de utilidades públicas da referida infraestrutura eléctrica co terreo do monte veciñal en man común (MVMC), indicar o seguinte:
• Polo que respecta ao MVMC, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, establece no seu artigo 6.1 que só poderán ser obxecto de expropiación forzosa ou impoñérselles servidumes por causa de utilidade pública ou interese social prevalente aos dos propios montes veciñais. En consecuencia, e para os efectos de poder iniciar, se for o caso, o correspondente expediente expropiatorio, cómpre declarar a prevalencia da utilidade pública da instalación de distribución de enerxía eléctrica sobre a utilidade pública dos MVMC afectados.
Sétimo. O 15.10.2025, os servizos técnicos do Departamento Territorial da Coruña emiten informe en que se conclúe literalmente o seguinte:
«Desde un punto de vista técnico non se atopa ningún impedimento para emitir a autorización administrativa previa e de construción, e declaración de utilidade pública en concreto das instalacións electromecánicas e eléctricas proxectadas».
Fundamentos de dereito:
Primeiro. A lexislación de aplicación aos procedementos tramitados no presente expediente é a seguinte:
• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
• Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.
• Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
• Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
• Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.
• Lei do 16 de decembro de 1954 sobre expropiación forzosa.
• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
• Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.
• Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
• Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción, de acordo co previsto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (DOG núm. 54, do 19 de marzo).
Segundo. O director territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria é competente para facer a proposta, conforme o establecido no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e o Consello da Xunta de Galicia é competente para adoptar o acordo proposto, de conformidade co disposto no artigo 53.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.
Terceiro. De conformidade co disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar, enténdese a conformidade do Concello de Boiro coa instalación eléctrica proxectada ao non contestar á solicitude de informe.
Cuarto. A respecto da concorrencia de utilidades públicas da referida infraestrutura eléctrica co terreo dos montes afectados, tendo en conta o informe emitido polo Servizo de Montes da Coruña, citado nos antecedentes de feito, indicar o seguinte:
• Polo que respecta ao MVMC, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, establece no seu artigo 6.1 que só poderán ser obxecto de expropiación forzosa ou impoñérselles servidumes por causa de utilidade pública ou interese social prevalente aos dos propios montes veciñais. En consecuencia, e para os efectos de poder iniciar, se for o caso, o correspondente expediente expropiatorio, cómpre declarar a prevalencia da utilidade pública da instalación eléctrica sobre a utilidade pública dos MVMC afectados.
De conformidade con todo o que antecede, o Consello da Xunta de Galicia, adoptou o seguinte:
ACORDO:
– Outorgar a autorización administrativa previa e de construción para o proxecto de execución da infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica denominada REG_BOI802_11717923_apoios_22, no concello de Boiro, que promove UFD.
– Declarar a utilidade pública, en concreto, da dita infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.
– Declarar a prevalencia da utilidade pública da dita infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica sobre o monte veciñal en man común CMVMC de Abanqueiro.
Este acordo axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:
1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución titulado REG_BOI802_11717923_apoios_22, asinado Carlota Martínez Rúa, graduada en enxeñaría eléctrica, nº colexiada 4.776 de Vigo, o 27.9.2023.
2. A empresa promotora (UFD) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio.
3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa do Departamento Territorial.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de dous anos, contados a partir da data da publicación deste acordo no DOG.
Unha vez construída esta instalación, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante o Departamento Territorial da Coruña, acompañada da documentación exixible de acordo co punto 3 da ITC-LAT 04 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.
Con carácter previo á posta en servizo da instalación, o Departamento Territorial da Coruña inspeccionará a totalidade da obra e montaxe efectuado e verificará o cumprimento das condicións establecidas neste acordo e demais que sexan de aplicación.
5. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos neste acordo ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
6. Este acordo adóptase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.
7. Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.
