DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Mércores, 6 de maio de 2026 Páx. 26789

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 21 de abril de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dos premios Axentes TIC da Rede CeMIT, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento AP401A).

BDNS (Identif.): 902500.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/902500

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán participar nesta convocatoria todas as persoas que desenvolvan labores de dinamización no ámbito dunha aula CeMIT (axentes TIC e responsables de aula da Rede CeMIT) mediante a realización de cursos, charlas, etc., e que, mediante unha declaración responsable, acrediten levar a cabo os ditos labores na aula que correspondan durante o ano en que estamos.

2. A forma de participación realizarase a título individual, agás nos casos en que existan varias persoas responsables da dinamización da aula, que poderán conformar un equipo de traballo (na categoría Axente TIC só se permite a presentación de xeito individual). O número máximo de persoas para conformar unha candidatura é de tres persoas e, neste caso, indicarase expresamente a persoa física designada como voceiro do equipo, que será a encargada das comunicacións.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Segundo. Obxecto

1. Por medio desta resolución establécense as bases reguladoras para os premios Axentes TIC da Rede CeMIT (código de procedemento AP401A).

2. A finalidade deste premio é recoñecer o compromiso e o labor dos/das axentes TIC e responsables de aula, xa que fan posible unha Rede CeMIT máis eficiente e moderna, que asegura que a cidadanía conte coas capacidades dixitais para poder participar de forma máis efectiva no novo contexto dixital.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 21 de abril de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dos premios Axentes TIC da Rede CeMIT, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento AP401A).

Cuarto. Importe

1. Para o financiamento desta convocatoria está prevista unha dotación orzamentaria máxima de 12.000 euros, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 10.A1.571A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.

2. Segundo o disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a dotación orzamentaria poderase incrementar sen que se realice unha nova convocatoria, no caso de xerar, ampliar ou incorporar crédito, ou coa existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

3. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse ás bases reguladoras e ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde o día seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de agosto de 2026.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2026

Damián Rey Rodríguez
Director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia