O tribunal nomeado pola Resolución do 9 de decembro de 2025 para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, mediante o sistema de oposición, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, especialidade de procesos de cultivo acuícola,
ACORDOU:
Primeiro. Na sesión que tivo lugar o 25 de marzo de 2026, ao abeiro do previsto nas bases da convocatoria, logo de revisar as alegacións presentadas contra o primeiro exercicio deste proceso selectivo, realizado o 24 de febreiro de 2026, e estudadas as alegacións formuladas que se recollen na acta da sesión núm. 6, o tribunal acordou na dita sesión o seguinte:
– Estimar as alegacións ás preguntas número 50, 55, 69, 71, 72, 73, 84, 103, 123 e 127 e, en consecuencia, anular as ditas preguntas. Dado que o número de preguntas anuladas supera o número de preguntas de reserva, acórdase que se teñan en conta, en lugar de 170 preguntas, 166 preguntas, daquela pasan a computar no exame as preguntas de reserva 173 a 178.
– Estimar as alegacións ás preguntas 13, 99 e 114 e proceder á modificación das súas respostas, son correctas as alternativas d), c) e c), respectivamente.
– Desestimar na súa totalidade as restantes reclamacións presentadas contra as preguntas 36, 51 e 52.
Segundo. O tribunal acordou que superarán este exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas, sempre que acaden o mínimo do 40 % de respostas correctas, una vez feitos os descontos correspondentes.
Para os efectos do previsto no parágrafo anterior, no que se refire ao número máximo de prazas convocadas pola quenda de acceso libre, cabe aterse ao previsto na base I.1 da convocatoria, con independencia de que as prazas non cubertas pola quenda de promoción interna se acumulen ás prazas convocadas pola quenda de acceso libre.
En calquera caso, só superarán o proceso selectivo aquelas persoas aspirantes que acaden as mellores puntuacións ata completar o número máximo de prazas convocadas, sempre que cumpran as condicións previstas nos parágrafos anteriores.
O exercicio cualificarase de cero (0) a cincuenta (50) puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de vinte e cinco (25) puntos.
Terceiro. Unha vez feita a corrección dos exames na sesión do 7 de abril de 2026, acordouse cos criterios anteriores que acadaron a puntuación mínima (25 puntos) un total de 8 aspirantes no conxunto de todas as quendas, e fixouse en 87,5 o número de respostas correctas para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións segundo o establecido na base II.1.2.7 da convocatoria, acordando publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas ao primeiro exercicio do proceso selectivo no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal
Cuarto. As persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que xulguen oportunas ás puntuacións do exercicio no prazo de dez (10) días hábiles, que se contarán desde o día seguinte ao da publicación no DOG da presente resolución, ao abeiro do disposto na base II.1.2.8 da convocatoria.
Quinto. De conformidade co disposto na base II.1.1.2 da convocatoria, a programación obxecto do segundo exercicio da fase de oposición deberá ser entregada ao tribunal polo persoal aspirante que supere o primeiro exercicio, no prazo que estableza o tribunal ao publicar as cualificacións do primeiro exercicio, e defenderase ante este no momento en que se convoque o persoal aspirante para tal efecto.
O persoal aspirante empregará para a defensa unha copia da programación entregada ao tribunal.
A programación didáctica fará referencia ao currículo dunha materia ou módulo relacionado coa especialidade de procesos de cultivo acuícola e axustarase ao modelo establecido no anexo XIII da Orde do 12 de xullo de 2011 pola que se regulan o desenvolvemento, a avaliación e a acreditación académica do alumnado das ensinanzas de formación profesional inicial, e deberá conter un mínimo de catro (4) unidades didácticas.
Resultará excluído do procedemento selectivo o persoal aspirante cuxa programación non se axuste ao establecido no parágrafo anterior.
Non se poderán excluír en ningún caso as persoas aspirantes por deficiencias no contido da programación.
As programacións versarán sobre os currículos publicados no Diario Oficial de Galicia no momento da publicación desta convocatoria ou, de ser o caso, os aplicables na Comunidade Autónoma de Galicia.
Os aspirantes declarados aptos deberán entregar a programación didáctica correspondente ao segundo exercicio, na sala D, situada na planta baixa do Edificio Administrativo San Caetano (zona da pirámide), en Santiago de Compostela, o día 22 de maio, entre as 16.00 e as 17.00 horas, programación que recollerá na dita sala o tribunal.
Consonte o disposto na base II.1.2.10 da convocatoria, con anterioridade á realización da proba, o tribunal publicará os criterios de corrección, valoración e superación do segundo exercicio, que non estean expresamente establecidos nas bases da convocatoria.
Sexto. De acordo co disposto na base III.13 da orde da convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 28 de abril de 2026
Alfonso García Magariños
Presidente do tribunal
