Antecedentes.
En Galicia o ciclo vital do polbo é de aproximadamente dous anos. O principal período reprodutivo acontece en primavera e, como consecuencia disto, a época de recrutamento (individuos de ata 300 g de peso) é na primavera-verán do ano seguinte. A frota que traballa con nasa para polbo explota basicamente unha única cohorte anual.
Desde o ano 1992 na pesca do polbo en Galicia utilizouse, na maioría dos anos, a veda nos meses de maio e xuño, como unha medida técnica para protexer a reprodución da especie e contribuír a que a explotación fose máis sustentable. Polo tanto, co fin de axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida da especie, considerarase razoable que cada campaña de pesca comece despois da veda e remate no inicio do período de veda seguinte.
Aínda que os estudios científicos recentes indican que a abundancia desta especie depende en gran medida das condicións ambientais que actúan sobre o recrutamento, o resultado económico das campañas pesqueiras pode ser mellorado se se deseñan plans de explotación con medidas técnicas axeitadas que ordenen a actividade da frota.
Para evitar que a caída da produción de polbo continúe nos próximos anos, é preciso incluír no plan para a xestión do polbo novas medidas técnicas que eviten tanto a sobrepesca da especie como a saturación dos mercados nos inicios de campaña, mellorando a rendibilidade da actividade pesqueira.
Na xuntanza da Comisión de Seguimento do plan para a xestión do polbo achéganse as suxestións correspondentes para a elaboración do presente plan.
O plan experimental para a xestión do polbo de 2025/26, co fin de establecer medidas adicionais para a recuperación desta especie, recolleu unha ampliación da inactividade extractiva mediante a planificación conxunta dunha parada temporal da actividade durante o mes de abril, e unha veda biolóxica durante os meses de maio e xuño. En ambos os casos, tanto a parada temporal como a veda trataban de axustar a xestión da actividade pesqueira ao ciclo de vida do polbo, mantendo a protección das femias reprodutoras e a sustentabilidade do ciclo de posta, así como a protección dos exemplares xuvenís de tamaño inferior ao tamaño mínimo de captura, co fin de conseguir un aumento das capturas nos meses posteriores ao seu peche e unha recuperación significativa da especie nas dúas campañas seguintes.
A través destas medidas adicionais, e coa colaboración do sector para a correcta aplicación deste plan, pretendeuse actualizar e axustar os aspectos concretos da regulamentación da pesca do polbo, cara a consecución dun mellor aproveitamento do recurso e o máximo benestar social.
Por último, o plan experimental para a xestión do polbo de 2026/27 susténtase na necesidade de continuar co estudo e resultados das medidas aplicadas no plan 2025/26.
Fundamentos técnicos e xurídicos.
A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, establece no artigo 6 que «a política da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia terá como obxectivos en relación coa conservación e a xestión dos recursos pesqueiros e marisqueiros, entre outros, os de: 1. O establecemento e a regulación de medidas dirixidas á conservación, a xestión e a explotación responsable, racional e sustentable dos recursos mariños vivos. A adopción de medidas restritivas orientadas á recuperación dos recursos farase de maneira gradual, procurando minimizar os posibles desequilibrios socioeconómicos que puidesen derivar da súa adopción».
A arte da nasa de polbo vén regulada no capítulo IV, sección primeira, subsección cuarta, nos artigos 138, 139, 140 e 141 do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia. Por outra banda, o citado decreto regula a liña ou cordel, na súa variante a rañeira, no seu artigo 17, e o bicheiro, no artigo 156.
En concreto, o artigo 141.2 establece que «a través dos plans de xestión aprobados pola consellería competente en materia de marisqueo estableceranse os períodos, zonas e condicións para o calamento de nasas pechadas».
Polo anterior,
RESOLVO:
Autorizar o Plan para a xestión do polbo (Octopus vulgaris) con nasa, liña ou cordel, na súa variante a rañeira e o bicheiro baixo os seguintes termos e condicións:
1. Ámbito de aplicación.
Augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia para todas as embarcacións con artes menores que teñan as modalidades de nasa para polbo e liña ou cordel, na súa variante a rañeira e o bicheiro, no seu permiso de explotación e con porto base nesta comunidade, así como para aquelas que, tendo porto base noutras comunidades autónomas, teñan permisos especiais de pesca para pescar nas ditas augas.
2. Vixencia do plan.
A época de vixencia do presente plan abranguerá desde o 1 de maio de 2026 ata a data de inicio da veda do ano 2027, que se fixará mediante o correspondente plan que se publicará antes da seguinte veda.
3. Período de veda biolóxica.
O plan experimental de xestión do polbo para a campaña 2026/27 recolle unha veda biolóxica durante o mes de maio e o mes de xuño.
O período de veda biolóxica para o ano 2026 queda establecido entre as 23.59 horas do 1 de maio ata as 05.00 horas do 1 de xullo de 2026.
Polo tanto, durante a veda biolóxica queda expresamente prohibida a captura, tenza a bordo, transbordo, desembarco, almacenamento, venda ou comercialización do polbo, por medio de calquera arte, en augas de competencia en marisqueo da Comunidade Autónoma de Galicia. As embarcacións dedicadas á captura de polbo con nasas deberán retirar estas do seu calamento e levalas a porto. Así mesmo, durante o período de parada temporal da actividade e veda biolóxica será aplicable á pesca marítima de recreo e ás capturas acadadas con calquera outra arte distinta da nasa para polbo.
4. Especies.
A especie de captura obxecto deste plan será o polbo (Octopus vulgaris). As demais especies acompañantes terán que cumprir cos tamaños mínimos exixidos, non estar en veda e cumprir coas disposicións legais que lles sexan de aplicación.
O peso das especies acompañantes non poderá superar o 10 % do peso das capturas totais de polbo autorizadas para cada embarcación e día. Desta limitación quedan excluídos os peixes e o patexo.
Todas aquelas artes e aparellos de pesca, distintas das reguladas neste plan, poderán acollerse a unha das seguintes opcións:
a) Realizar capturas accesorias de polbo ata un 20 % do total das capturas obtidas diariamente, ou,
b) Realizar capturas accesorias nunha cantidade máxima de 35 kg por embarcación e día entre o 1 de xullo e o 31 de agosto, e de 55 Kg, por embarcación e día, entre o 1 de setembro e o 5 de xaneiro.
5. Peso mínimo de captura.
1 kg/peza, independentemente de que sexa enteiro ou eviscerado a bordo. Admitirase unha marxe de tolerancia de 50 gramos de perda de peso, despois de realizada e rexistrada a pesada no momento do desembarque.
6. Número de nasas.
O número máximo de nasas para polbo permitido estará en función do tamaño da embarcación (tipificado segundo o Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro) e do número de tripulantes enrolados e a bordo.
Polo tanto, para as seguintes zonas, o número de nasas queda establecido do seguinte xeito:
1. Zona A (litoral atlántico oeste): desde A Guarda ata a Pedra do Sal (Caión):
a. Embarcacións tipo I e II: máximo de 200 nasas por tripulante enrolado e a bordo, ata un máximo de 300 nasas por embarcación.
b. Embarcacións tipo III, IV, V, VI e VII: máximo de 200 nasas por tripulante enrolado e a bordo, ata un máximo de 600 nasas por embarcación.
Non obstante, aquelas embarcacións do tipo VI e VII que cotizan no 2º grupo B, de máis de 10 TRB, poderán ter un máximo de 800 nasas.
2. Zona B (litoral atlántico norte): desde a Pedra do Sal ata a Illa de San Vicente:
a. Embarcacións tipo I e II: máximo de 200 nasas por tripulante enrolado e a bordo, ata un máximo de 300 nasas por embarcación.
b. Embarcacións tipo III, IV, V, VI e VII: máximo de 200 nasas por tripulante enrolado e a bordo, ata un máximo de 550 nasas por embarcación.
Non obstante, aquelas embarcacións do tipo VI e VII que cotizan no 2º grupo B, de máis de 10 TRB, poderán ter un máximo de 650 nasas.
No suposto de que o largado dunha cacea se solape entre as zonas A e B o número máximo de nasas corresponderá coas indicadas para aquela zona onde o número autorizado sexa o menor. Neste caso, correspóndese coa Zona B e deberán facer o despacho a: [«PLAN XESTIÓN POLBO-NASA 2026-2027 (Zona III PEDRA DO SAL)»].
3. Zona C (litoral cantábrico): desde a Illa de San Vicente ata o río Eo:
a. Embarcacións tipo I e II: máximo de 175 nasas.
b. Embarcacións tipo III, IV, V, VI e VII: máximo de 250 nasas por embarcación máis 50 nasas por tripulante enrolado e a bordo, ata un máximo de 550 nasas.
En todo momento deberán respectarse as condicións establecidas nos certificados de seguridade emitidos polas capitanías marítimas.
7. Cotas máximas diarias de captura e desembarco.
Desde o 1 de xullo ata o 31 de agosto de 2026 a cota máxima será de 35 kg por barco e día, ao cal se lle engadirán 35 kg/día por cada tripulante enrolado e a bordo, ata un máximo de 240 kg/día.
No que resta de campaña, a cota máxima será de 55 kg por embarcación e día, ao cal se lle engadirán 55 kg/día por cada tripulante enrolado e a bordo, ata un máximo de 380 kg/día.
En función da evolución da campaña e debido a circunstancias que o xustifiquen, as cotas máximas diarias de captura e desembarco poderán ser substituídas por topes semanais, durante o tempo en que permanezan vixentes as circunstancias que motivaron o dito cambio de topes diarios a topes semanais.
8. Horario de traballo.
A actividade iniciarase ás 06.00 horas e finalizará ás 16.00 horas. Non obstante, permitirase a saída do porto a partir das 05.00 horas.
Enténdese por inicio e fin da actividade o largado e o virado das nasas.
Fóra dos horarios establecidos non se poderá realizar no mar ningún tipo de actividade coas nasas para polbo.
Cando se produza un cambio de despacho para outra arte deberanse retirar a totalidade das nasas e depositalas en terra. De igual xeito, cando se despache para outra zona, deberá terse en conta o establecido no número 6 (número de nasas) desta resolución. En ambos os dous casos, por requirimento dos funcionarios do Servizo de Gardacostas, indicarán a súa localización e permitirán a súa inspección.
9. Réxime de calamento das nasas.
A captura do polbo con nasa pechada, coas dimensións previstas para a nasa de nécora, farase por fóra das rías, segundo as liñas definidas como anexo I no Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro. Ademais, poderán utilizarse por fóra das liñas de referencia sinaladas como anexo V no Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, de acordo co establecido no presente artigo.
a) Do punto de coordenadas 41º 52´ 00,85¨ N e 008º 52´ 21,30¨ W (Punta dos Picos)1 ao Con da Aguieira: entre o anexo V e o anexo I, as nasas terán que levantarse do seu calamento e levarse a porto todos os días. Por fóra das liñas definidas no anexo I, e en fondos inferiores aos 20 metros (segundo a sonda establecida nas cartas do Instituto Hidrográfico da Mariña) e para a totalidade da cacea, as nasas deberán levantarse do seu calamento e levarse a porto todos os días. E por fóra das liñas definidas no anexo I, e en fondos superiores aos 20 metros (segundo a sonda establecida nas cartas do Instituto Hidrográfico da Mariña) e para a totalidade da cacea, as nasas poderán permanecer no seu calamento sen seren levadas a porto incluso durante o período de descanso semanal. Na cara oeste da Illa de Ons, desde O Con da Serriña ata o Illote do Centulo, as nasas poderán permanecer no seu caladoiro sen seren levadas a porto e sen limitación de profundidade.
b) Do Con da Aguieira a Cabo Corrubedo: entre o anexo V e o anexo I, as nasas terán que levantarse do seu calamento e levarse a porto todos os días. No período comprendido entre o 1 de outubro e o inicio da veda do ano seguinte, as nasas poderán permanecer no seu calamento sen seren levadas a porto todos os días, incluso durante o período do descanso semanal.
c) No resto do litoral galego: as nasas poderán permanecer no seu calamento sen seren levadas a porto, incluso durante o período de descanso semanal. No período comprendido entre o 1 de outubro e o inicio do período de veda anual as nasas poderán utilizarse por fóra das liñas de referencia sinaladas coma anexo V.
Lémbrase o disposto no parágrafo segundo do número 6 da Resolución do 20 de xuño de 2025 pola que se aproba o plan experimental para a xestión da nécora e do camarón coa arte de nasa nécora e camarón 2025-2027, que prohibe a captura do polbo por dentro das liñas de referencia do anexo III, establecidas no devandito Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, con calquera arte incluída a pesca recreativa.
Autorízase o transporte mediante os anexos III e V con exemplares de polbo capturados de forma regulamentaria.
Antes de que a embarcación despache para unha nova modalidade de pesca, deberá levantar e levar a terra todas as nasas segundo as condicións establecidas no punto 8.
A consellería competente na materia poderá autorizar o mantemento das artes ou aparellos calados fóra do horario de traballo establecido e/ou do descanso obrigatorio semanal, naqueles casos en que as condicións meteorolóxicas sexan desfavorables, ou por acontecemento sobrevido por causa de forza maior debidamente xustificada, tras a comunicación por parte do armador/a ou patrón/a ao Servizo de Gardacostas ao correo electrónico: pesca.sala.operacions@xunta.gal. Este explicará os motivos e indicará o número de pezas ou caceas, así como a situación destas, expresadas en latitude e lonxitude ou, de ser o caso, indicará da maneira máis exacta posible a situación xeográfica da zona onde se atopen.
10. Balizamento.
Os extremos ou cabeceiras de cada unha das caceas que se manteñan caladas deberán ser balizadas e identificarse axeitadamente segundo o Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, indicando de forma clara e visible a matrícula e o folio da embarcación, así como a letra «N».
11. Puntos de descarga, control e venda.
Soamente se poderá descargar polbo nos portos autorizados para iso pola Consellería do Mar, que figuran relacionados no anexo.
En cada un dos portos autorizados establecerase un punto principal de descarga do polbo para facilitar os labores de control das capturas. Estes puntos de descarga estarán o máis próximos posible á lonxa de comercialización do polbo.
Naqueles puntos de descarga en que se considere necesario, por causa das condicións meteorolóxicas adversas, poderase establecer un punto de descarga secundario. En ningún caso se poderán simultanear ambos os puntos.
Queda prohibida a descarga de polbo fóra dos portos autorizados e, nestes, fóra dos puntos de descarga fixados ou en horarios distintos aos establecidos.
Naqueles portos autorizados onde exista lonxa, unha vez feita a descarga do polbo nos puntos autorizados para iso, deberá trasladarse obrigatoriamente a esta sen que se poida levar ou manter noutro tipo de instalacións con anterioridade á súa poxa, incluídos os posto de venda e os vehículos. De non efectuarse a primeira venda nesa lonxa e se transportase cara a outra, o produto deberá ir acompañado do correspondente documento de transporte ata que se efectúe a súa primeira venda.
Naqueles portos autorizados en que non exista lonxa, deberá formalizarse o documento de transporte con destino a unha lonxa ou centro autorizado de primeira venda.
12. Programa de seguimento e control.
A Subdirección Xeral de Gardacostas coordinará os labores de control específicos deste plan de xestión experimental, en colaboración cos gardapescas das confrarías.
1. A Consellería do Mar, en colaboración coas federacións de confrarías de pescadores, reforzará os servizos de control en terra.
2. No mar, os labores de control serán desenvolvidos cos seus propios medios polo Servizo de Gardacostas en colaboración cos gardapescas das confrarías que dispoñan de medios marítimos.
3. Para o control das descargas en terra contarase con persoal de gardacostas, gardapescas das confrarías, gardapeiraos de Portos de Galicia e persoal propio das autoridades portuarias.
4. O Servizo de Gardacostas, dentro do programa de control deste plan de xestión, tamén desenvolverá actuacións nas instalacións frigoríficas, de transformación ou comercialización onde se almacene, transforme e comercialice polbo.
5. O Servizo de Gardacostas, antes do final da veda, elaborará un programa de control.
6. O Servizo de Gardacostas nomeará un coordinador do plan para a xestión do polbo con nasa.
Este programa de seguimento e control entrará en vigor ao remate da veda deste ano.
13. Despachos telemáticos.
As embarcacións que opten por desenvolver a actividade entre A Guarda e a Pedra do Sal, Zona A, deberán rexistrar a dita actividade no punto de adhesión ao plan de explotación: [«PLAN XESTIÓN POLBO-NASA 2026-2027 (Zona I A GUARDA-PEDRA DO SAL)»].
As embarcacións que opten por desenvolver a actividade pesqueira entre a Pedra do Sal e a Illa de San Vicente, Zona B, deberán rexistrar a dita actividade no punto de adhesión ao plan de explotación: [«PLAN XESTIÓN POLBO-NASA 2026-2027 (Zona II PEDRA DO SAL-ILLA SAN VICENTE)»].
As embarcacións que opten por desenvolver a actividade pesqueira na intersección entre as Zonas A e B deberán rexistrar a dita actividade no punto de adhesión ao plan de explotación: [«PLAN XESTIÓN POLBO-NASA 2026-2027 (Zona III PEDRA DO SAL)»].
As embarcacións que opten por desenvolver a actividade pesqueira entre a Illa de San Vicente e o río Eo, Zona C, deberán rexistrar a dita actividade no punto de adhesión ao plan de explotación: [«PLAN XESTIÓN POLBO-NASA 2026-2027 (Zona IV ILLA SAN VICENTE-RÍO EO)»].
En todo caso:
a. Os despachos coa nasa para polbo serán específicos para cada zona.
b. Na mesma semana non poderá despachar a nasa de polbo a dúas zonas distintas das incluídas neste plan. Só no caso dos que despachen a Zona III PEDRA DO SAL que poderán facelo a Zona I A GUARDA-PEDRA DO SAL ou a Zona II PEDRA DO SAL-ILLA SAN VICENTE excluíntes entre si.
c. No caso de que as condicións meteorolóxicas impidan manter a actividade na zona solicitada ao longo de toda a semana, logo de comunicación xenérica por parte da confraría cunha antelación mínima de 18 horas, permitirase o cambio de despacho. Neste caso, para que as nasas poidan permanecer caladas a fin de semana nas zonas autorizadas para iso será necesario que a embarcación estivese despachada para esa zona polo menos 3 días desa semana.
d. Cando se produza o cambio de zona, deberanse retirar a totalidade das nasas para o novo lugar, debendo respectarse as condicións establecidas para a nova zona, incluído o número de nasas.
e. Autorizarase a realización de traballos de laboreo, consistente no traslado a bordo das embarcacións das nasas desde o lugar de almacenamento, os tres días naturais anteriores ao inicio da campaña e os tres días naturais posteriores ao peche desta. En ningún caso poderán abandonar o porto unha vez depositadas as nasas nas embarcacións.
14. Motraxes.
Durante o período de vixencia do presente plan de xestión, os técnicos da Consellería do Mar poderán realizar en calquera das embarcacións participantes mostraxes para control, seguimento e avaliación do plan. Neste sentido, os armadores deben colaborar de tal xeito que se permita acadar os obxectivos propostos. A falta de colaboración neste eido ocasionará a baixa definitiva do plan.
15. Comisión de Seguimento.
Créase unha comisión de seguimento do plan experimental para a xestión do polbo que se reunirá cunha periodicidade mínima trimestral e estará composto polo:
1. Subdirector/a xeral de Pesca, que será o seu presidente/a.
2. Subdirector/a xeral de Gardacostas.
3. Xefe/a do Servizo de Pesca, que será o seu secretario.
4. Presidente/a da Federación Galega de Confrarías ou persoa en quen delegue.
5. Presidente/a da Federación de Confrarías de Pescadores da Coruña ou persoa en quen delegue.
6. Presidente/a da Federación de Confrarías de Pescadores de Lugo ou persoa en quen delegue.
7. Presidente/a da Federación de Confrarías de Pescadores de Pontevedra ou persoa en quen delegue.
8. Coordinador/a do Plan experimental para a xestión do polbo con nasa.
Nas reunións que se celebren, cada un dos seus membros poderán propoñer ata un máximo de dúas persoas para asistir a estas, con voz pero sen voto.
Entre as súas funcións, a comisión poderá propoñer cambios temporais deste plan experimental de xestión cando se produzan situacións excepcionais.
16. Extracción e comercialización.
O exercicio da actividade extractiva e comercial establecida neste plan está sometido ao estrito cumprimento da normativa vixente en materia de extracción e comercialización de produtos da pesca fresca.
17. Infraccións e sancións.
O incumprimento das condicións establecidas neste plan poderá ser sancionado segundo o establecido na Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro.
Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de reposición no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ante a conselleira do Mar, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 27 de abril de 2026
A conselleira do Mar
P.D. (Orde do 21.2.2022; DOG núm. 41, do 1 de marzo)
Isaac Miguel Rosón Sánchez-Brunete
Director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica
ANEXO
Portos autorizados
Provincia de Lugo:
|
PORTO DE DESCARGA |
PORTO SECUNDARIO |
|
|
Ribadeo |
Lonxa en porto pesqueiro |
|
|
Foz |
Lonxa en porto pesqueiro |
Porto Chico |
|
Burela |
Lonxa en porto pesqueiro |
|
|
San Cibrao |
Portos pesqueiros de San Cibrao e Morás |
|
|
Celeiro |
Lonxa en porto pesqueiro |
|
|
O Vicedo |
Porto pesqueiro |
|
Provincia da Coruña:
|
PORTO DE DESCARGA |
PORTO SECUNDARIO |
|
|
O Barqueiro |
Peirao do porto |
|
|
Espasante |
Peirao próximo á lonxa |
|
|
Cariño |
Peirao próximo á lonxa |
|
|
Cedeira |
Peirao novo |
|
|
Ferrol |
Pantalán da dársena de Curuxeiras |
|
|
Barallobre |
Peirao próximo á lonxa |
|
|
Mugardos |
Peirao próximo á lonxa |
|
|
Ares |
Zona nave multiúsos |
|
|
Pontedeume |
Peirao próximo á lonxa |
|
|
Sada |
Pantalán artes varias |
|
|
Lorbé |
Peirao do porto |
|
|
Mera |
Peirao Linares Rivas porto A Coruña |
|
|
A Coruña |
Peirao próximo á lonxa |
|
|
Caión |
Peirao do guindastre |
|
|
Malpica |
Escaleiras da lonxa |
Pantalán dársena interior e porto de Barizo |
|
Corme |
Peirao do porto |
|
|
Laxe |
Rampla da lonxa |
Zona de descarga do peirao novo |
|
Camelle |
Peirao de Camelle |
|
|
Camariñas |
Peirao do porto |
|
|
Muxía |
Rampla do porto |
|
|
Fisterra |
Peirao do porto de Fisterra |
|
|
Corcubión |
Peirao do porto |
|
|
O Pindo |
Peirao do porto |
|
|
Lira |
Porto de Lira |
Rampla nova |
|
Muros |
Rampla peirao sur (Praia do Castelo); Peirao sur fronte á lonxa; e Rampla peirao sur lonxa. |
|
|
Noia |
Peiraos do Testal e O Freixo |
|
|
Portosín |
Peirao próximo á lonxa |
|
|
Porto do Son |
Rampla da lonxa |
|
|
Corrubedo |
Porto de Corrubedo |
|
|
Aguiño |
Peirao de Aguiño |
Porto de Ribeira |
|
Ribeira |
Peirao próximo á lonxa |
|
|
A Pobra do Caramiñal |
Peirao próximo á lonxa |
|
|
Cabo de Cruz |
Peirao próximo á lonxa |
|
|
Rianxo |
Porto de Rianxo |
|
Provincia de Pontevedra:
|
PORTO DE DESCARGA |
PORTO SECUNDARIO |
|
|
Cambados |
Lonxa de Tragove |
|
|
O Grove |
Portos de Pedras Negras, Meloxo e O Grove |
|
|
Portonovo |
Inmediacións lonxa, rampla E 1ª escaleira do peirao |
|
|
Sanxenxo |
Peirao pesqueiro de Sanxenxo2 |
|
|
Raxó |
Peirao de Combarro Porto de Raxó |
|
|
Pontevedra |
Lonxa de Campelo |
|
|
Lourizán |
Dársena embarcacións menores Lourizán |
|
|
Marín |
Rampla dársena de baixura alpendre xeral empaque número 24 |
Lonxa |
|
Bueu |
Ramplas de descarga da lonxa |
|
|
Aldán-O Hío |
Porto |
|
|
Cangas |
Ramplas descarga lonxa |
|
|
Moaña |
Porto pesqueiro de Vigo |
Porto de Meira-Moaña |
|
Vigo |
Porto pesqueiro de Vigo e Porto de Canido |
|
|
Baiona |
Pantalán fronte lonxa e escaleira pedra esquerda lonxa e peirao pesqueiro de Panxón |
|
|
A Guarda |
Rampla de varada do porto da Guarda e o peirao alto |
|
1. Vid. artigo 1 do Tratado entre o Reino de España e a República Portuguesa polo que se establece a liña de peche das desembocaduras dos ríos Miño e Guadiana e se delimitan os tramos internacionais de ambos os ríos, feito en Vila Real o 30 de maio de 2017, e Tratado de Límites de Lisboa de 1864 e os seus anexos en relación co deslindamento e a regulación dos usos e aproveitamentos no espazo fronteirizo definido polo curso do río Miño
2. Realizarase un seguimento e rastrexabilidade da actividade de descarga e desprazamento
