A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución española e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asume a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio), en diante, LPCG.
O artigo 1 deste precepto legal establece que o patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo.
O artigo 14 da LPCG regula o Censo do patrimonio cultural do seguinte xeito:
1. Os bens e manifestacións inmateriais do patrimonio cultural de Galicia, mentres non sexan declarados de interese cultural ou catalogados, incluiranse no Censo do patrimonio cultural para a súa documentación, estudo, investigación e difusión dos seus valores.
2. Os bens incorporaranse ao Censo do patrimonio cultural por resolución da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural. O Censo será obxecto de continua actualización e as súas incorporacións serán anunciadas no Diario Oficial de Galicia e difundidas por medio das tecnoloxías da información e a comunicación.
3. A inclusión dun ben no Censo do patrimonio cultural non determinará a necesidade de autorización administrativa previa para as intervencións sobre o dito ben. O Censo servirá como elemento de referencia para a emisión dos informes que sexan competencia da consellería competente en materia de patrimonio cultural. Así mesmo, servirá como instrumento complementario para os responsables da xestión sustentable dos recursos culturais, a ordenación do territorio e o desenvolvemento económico.
O artigo 83.1 da LPCG establece que integran o patrimonio artístico de Galicia as manifestacións escultóricas, de especial relevancia, de interese para Galicia.
A obra do artista vigués Camilo Nogueira denominada A Mestra está conformada por unha figura feminina, de maior altura, rodeada dun grupo de figuras infantís. Representa unha mestra de escola, que sinala o libro dun dos seus alumnos e, coa outra man, agarima outro dos rapaces.
O informe realizado polos servizos técnicos do Servizo de Inventario da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, sobre o valor cultural da escultura granítica titulada A Mestra, propón a inclusión deste ben no Censo do patrimonio cultural de Galicia.
Polo tanto, no exercicio das competencias exclusivas en materia de protección do patrimonio cultural recoñecidas constitucional e estatutariamente, que me atribúe o artigo 14 do Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude (DOG núm. 101, do 27 de maio) correspóndeme a incorporación de bens e manifestacións inmateriais no Censo do patrimonio cultural.
RESOLVO:
Primeiro. Anotar no Censo do patrimonio cultural de Galicia o conxunto escultórico A Mestra, obra de Camilo Nogueira, situado na rúa Simancas do barrio de Bouzas (Vigo), cuxa descrición figura no anexo I.
Segundo. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Terceiro. Notificar esta resolución ao Concello de Vigo e ás persoas interesadas.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada no prazo dun (1) mes, que se contará desde o seguinte ao da súa notificación, ante o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, segundo o establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 24 de abril de 2026
Ángel Miramontes Carballada
Director xeral de Patrimonio Cultural
ANEXO I
Nome: A Mestra.
Localización: núm. 1 da rúa Simancas, barrio de Bouzas, Vigo (Pontevedra).
Descrición histórica: o escultor Camilo Nogueira Martínez (1904-1982) recibiu o encargo do Concello de Vigo dunha importante produción de estatuaria pública para a cidade, obras visibles hoxe en diversos espazos, en moitos casos recunchos, entre os que se atopa A Mestra, esculpida entre os anos 1940-1950.
Descrición física: este conxunto escultórico é unha fonte que se localiza na rúa Simancas, ao cabo do mercado do barrio de Bouzas. Realizado en granito, o conxunto consta dunha base cuadrangular, na cal sobresae o cano da fonte, e sobre a que se coloca a escultura figurativa que representa unha figura feminina de maior altura, rodeada dun grupo de sete nenos e nenas que len con atención os seus libros. A muller sinala o libro dun dos nenos, ao tempo que agarima a cara doutro dos cativos.
Descrición artística: o conxunto figurativo da Mestra expresa o valor da educación.
Cronoloxía: a produción de Camilo Nogueira céntrase nos anos 40 do século XX en encargos municipais, nesta década teríase realizado A Mestra.
