A Corporación municipal en Pleno, en sesión extraordinaria que tivo lugar o día 24 de abril de 2026, adoptou os acordos que a seguir se transcriben:
«Primeiro. Aprobar inicialmente a modificación puntual núm. 17 do Plan xeral de ordenación municipal de Sanxenxo.
Segundo. Someter o documento aprobado inicialmente a información pública durante o prazo de dous (2) meses, mediante anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia e nun dos xornais de maior difusión na provincia.
Terceiro. Suspender o outorgamento de licencias de edificación, demolición e parcelación naqueles ámbitos do territorio obxecto do planeamento cuxas novas determinacións supoñan a modificación da ordenación urbanística vixente, identificados no resumo executivo que se xunta ao documento aprobado inicialmente.
A duración máxima da suspensión será de dous anos contados desde a aprobación inicial, extinguíndose en todo caso coa aprobación definitiva do novo plan.
Cuarto. Solicitar ás administracións públicas competentes os informes sectoriais preceptivos».
De conformidade co establecido no artigo 60 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, exponse o expediente a información pública polo prazo de dous (2) meses, contado a partir do día seguinte á publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia e nun dos xornais de máis ampla difusión da provincia, co obxecto de que se poidan formular as alegacións que se consideren procedentes.
O documento inicialmente aprobado pode consultarse no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello de Sanxenxo (https://concellodesanxenxo.sedelectronica.gal) e nas dependencias municipais do Servizo de Urbanismo do Concello de Sanxenxo, previa cita no teléfono 986 72 00 75.
Sanxenxo, 27 de abril de 2026
Telmo Martín González
Alcalde presidente
