DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Xoves, 7 de maio de 2026 Páx. 26964

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 21 de abril de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas para o libro galego, dirixidas á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento CT221C).

BDNS (Identif.): 903695.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/903695

Primeiro. Persoas ou entidades beneficiarias e excluídas

1. Beneficiarias.

Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para a tradución, aquelas persoas físicas ou xurídicas, que acrediten a súa condición de editoras de acordo co establecido nesta orde, para o que deberán estar dadas de alta antes do 1 de xaneiro de 2026 na epígrafe 476.1 edición de libros, do imposto de actividades económicas.

2. Excluídas.

– As editoras que se atopen nos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Aquelas persoas físicas ou xurídicas que se atopen sancionadas administrativa ou penalmente coa perda da posibilidade de obtención de subvencións públicas, ou incorran nalgunha prohibición legal que a inhabilite para iso, con inclusión das que se produciron por discriminación de sexo de conformidade co disposto na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.

– As editoras que presenten contratos de tradución con persoas xurídicas.

– A autoedición que non teña distribución comercial, é dicir, que estea fóra das liñas de comercialización e de distribución de plataformas físicas ou dixitais dos libros, así como aquelas obras comercializadas unicamente polo sistema de edición a demanda.

– As obras traducidas mediante técnicas de intelixencia artificial xenerativa. O órgano instrutor poderá verificar se a tradución foi elaborada por medio de intelixencia artificial xenerativa mediante as ferramentas que sexan necesarias.

– As traducións de obras que recibiran esta mesma subvención en convocatorias anteriores.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvencións a aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a condición de editoras, de acordo co establecido na presente orde (código de procedemento CT221C).

A finalidade é subvencionar os custos da tradución das diferentes obras literarias en formato papel ou dixital para apoiar o libro galego e o mercado literario galego, en que se refire á tradución para o galego de obras publicadas e xa comercializadas orixinariamente noutras linguas.

Así mesmo, ten por obxecto convocar a dita subvención para o ano 2026.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 21 de abril de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas para o libro galego, dirixidas á tradución ao galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento CT221C).

Cuarto. Importe

As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.432A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, por un importe máximo de 150.000,00 €, dos cales 67.500,00 € corresponden á anualidade 2026 e 82.500,00 € á anualidade 2027.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que comezará a computarse ás 9.00 horas do quinto día hábil seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, e rematará ás 20.00 horas do último día de presentación de solicitudes.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento, non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024; DOG núm. 130, do 5 de xullo)
Elvira Mª Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude