DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Venres, 8 de maio de 2026 Páx. 27278

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 7 de abril de 2026 pola que se acorda a aprobación definitiva do expediente expropiatorio, polo procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos que se precisan ocupar para a regularización, execución e implantación do Centro de Telecomunicacións de Culleredo, incluído no Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia xestionadas por Retegal, S.A.

En relación co expediente expropiatorio para a execución do Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia xestionadas por Retegal, e tendo en conta os seguintes:

Antecedentes:

I. Mediante a Resolución da directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia do 20 de maio de 2013, publicada no DOG, número 114, do 17 de xuño, fixéronse públicas a aprobación definitiva e as disposicións normativas do Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia xestionadas por Retegal, aprobado mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 2 de maio de 2013.

O Acordo do Consello da Xunta, no punto segundo da parte dispositiva, declara a utilidade pública e o interese social para os efectos expropiatorios do Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia xestionadas para Retegal.

Este plan sectorial foi aprobado no ámbito de aplicación da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, normativa actualmente derrogada pola Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.

Segundo a disposición adicional primeira da Lei 10/1995, a aprobación definitiva dos instrumentos de ordenación do territorio levará implícita a declaración de utilidade pública ou interese social das obras, instalacións e servizos proxectados, así como a necesidade de ocupación dos bens e dereitos necesarios para a execución das obras, instalacións e servizos previstos de forma concreta naqueles, para os efectos da expropiación forzosa ou de imposición de servidumes, sempre que conste a descrición física e xurídica individualizada dos bens e dereitos afectados.

Pola súa parte, o artigo 59 da Lei 1/2021 establece no punto primeiro que a aprobación dos instrumentos de ordenación do territorio comportará a declaración de utilidade pública e interese social e a necesidade de ocupación dos bens e adquisición dos dereitos afectados, para os fins da expropiación, de ocupación temporal ou de imposición ou modificación de servidumes, cando estes instrumentos habiliten para a súa execución e esta teña que producirse por expropiación. No punto segundo estipúlase que esa aprobación determinará, igualmente, a declaración de prevalencia dos usos previstos no instrumento de ordenación do territorio sobre calquera outro uso posible do solo incluído no seu ámbito, sen prexuízo do respecto necesario ás competencias estatais e á prevalencia que, de acordo coa normativa de aplicación, teñan outros plans ou instrumentos sectoriais.

II. Actúa como Administración expropiante a Consellería de Facenda e Administración Pública e Retegal como beneficiaria da expropiación mediante a Resolución do 10 de maio de 2024, da Consellería de Facenda e Administración Pública, coas consecuencia legais derivadas destas posicións xurídicas.

III. Trátase dunha expropiación urbanística e, como tal, regulada no Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de solo e rehabilitación urbana; na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e no Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

IV. Tratándose dunha expropiación urbanística, este expediente formúlase, polo procedemento de taxación conxunta, de acordo co disposto no artigo 118 e concordantes da Lei do solo de Galicia.

V. Mediante a Resolución do conselleiro de Facenda e Administración Pública do 19 de marzo de 2025, acordouse aprobar inicialmente o proxecto de expropiación forzosa dos bens e dereitos que se precisan ocupar para a regularización, execución e implantación do Centro de Telecomunicación de Culleredo RTGA_15031013_Culleredo, no concello de Culleredo, incluído no Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia xestionadas por Retegal, S.A., mediante o procedemento de taxación conxunta, e sometelo a información pública durante o prazo dun mes, o que se anunciou no Diario Oficial de Galicia número 79, do 25 de abril de 2025, e no xornal La Voz de Galicia do mesmo día.

VI. A taxación foi notificada individualmente a aquelas persoas que aparecían como titulares de bens e dereitos no expediente, e déuselles traslado literal da resolución e da correspondente folla de valoración, así como da proposta de fixación dos criterios de valoración, para que formulasen alegacións no prazo dun mes, contado a partir da data de recepción da notificación referida, tal e como se sinala no artigo 118.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Igualmente, o expediente estivo exposto á disposición das persoas interesadas no Concello de Culleredo e na Subdirección Xeral do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública en Santiago de Compostela.

VII. O 21 de maio de 2025, Jesús Ángel Ferreño Naveira, en representación da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Castelo, presentou un escrito de alegacións, que son debidamente contestadas en informe incorporado ao expediente.

Fundamentos xurídicos:

Primeiro. O proxecto de expropiación forzosa tramitouse polo procedemento de taxación conxunta, de conformidade co disposto no artigo 118 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Segundo. O expediente tramitado conta coa documentación preceptiva exixida polo artigo 118.1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia

– Delimitación do ámbito territorial cos documentos que o identifiquen en canto a situación, superficie e lindes, coa descrición de bens e dereitos afectados e a relación dos seus titulares.

– Fixación dos prezos coa valoración razoada do solo, segundo a cualificación urbanística.

– Follas de prezo xusto individualizado de cada predio, que conterán non só o valor do solo, senón tamén o correspondente ás edificacións, obras, instalacións e plantacións.

– Follas de prezo xusto que corresponden a outras indemnizacións.

A relación de propietarios, predios e superficies é a que figura no anexo que se xunta.

Terceiro. Os criterios de valoración fixados no proxecto de expropiación axústanse aos establecidos no Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana.

Cuarto. Incorpórase ao expediente o informe sobre as alegacións presentadas ao abeiro do disposto no punto sexto do artigo 118 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do 16 de xaneiro e do 3 de febreiro de 2026.

Quinto. A competencia para aprobar o expediente de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta correspóndelle ao conselleiro de Facenda e Administración Pública, que a ten delegado con base no artigo 1.k) da Orde do 15 de decembro de 2021 (DOG núm. 246, do 24 de decembro).

Na súa virtude, vista a Lei 2/2016, do 10 de febreiro. do solo de Galicia, o Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana, e as demais disposicións aplicables, e tras a proposta da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar definitivamente o proxecto de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos necesarios para a regularización, a execución e a implantación do Centro de Telecomunicación de Culleredo, situado no concello de Culleredo, incluído no Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, xestionadas por Retegal, S.A., para os efectos previstos polo artigo 118 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Esta aprobación definitiva do expediente implica a declaración de urxencia de ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de expropiación, de conformidade co establecido no artigo 118.10 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

En consecuencia, o pagamento ou o depósito do importe da valoración establecida producirá os efectos previstos nos números 6, 7 e 8 do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, sen prexuízo de que continúe a tramitación do procedemento para a definitiva fixación do prezo xusto (artigo 118.11 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia).

Segundo. Notificarlles o contido desta resolución de aprobación definitiva do expediente e de xeito individualizado a todos os que aparezan como titulares de bens ou dereitos que figuran no expediente, aos cales se lles xuntará a correspondente folla de valoración, e condederáselles un prazo de vinte días, contados a partir do día seguinte ao de recepción da notificación da presente resolución. Durante este prazo de vinte días poderán as persoas interesados manifestar por escrito, dirixido á Subdirección Xeral do Patrimonio da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública en Santiago de Compostela e presentado no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia no Edificio Administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela ou nos lugares establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a súa desconformidade coa valoración establecida no expediente aprobado, conforme dispón o artigo 118.7 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia. Así mesmo, advírteselles que, transcorrido o citado prazo de vinte días sen que se formulase oposición á valoración, entenderase aceptada a que se fixou no acto aprobatorio do expediente, e entenderase determinado o prezo xusto definitivamente e de conformidade co artigo 118.8 da referida Lei 2/2016.

Terceiro. Convocar as persoas titulares de bens e dereitos afectados polo presente expediente expropiatorio para realizar o levantamento das actas de pagamento e ocupación o día 3 de xuño de 2026, que terá lugar na Casa do Concello de Culleredo nas horas e orde especificadas no anexo.

Segundo establece o artigo 205 do Regulamento de xestión urbanística, aprobado polo Real decreto 3288/1978, do 25 de agosto, o pagamento do prezo xusto soamente se lles fará efectivo, e no caso contrario consiganarase, a aquelas persoas interesadas que acheguen:

– No suposto de predios inscritos no Rexistro da Propiedade, certificación rexistral ao seu favor en que conste que se expediu a nota do artigo 32 do Regulamento hipotecario. No caso de que existan cargas, deberán comparecer tamén as persoas titulares delas.

– Para os predios que non estean inscritos no Rexistro da Propiedade, os títulos xustificativos do seu dereito, completados con certificacións negativas do Rexistro da Propiedade referidas aos mesmos predios descritos nos títulos. De existiren outros dereitos sobre o predio expropiado, deberán comparecer tamén as súas persoas titulares.

Conforme o artigo 206 do citado Regulamento de xestión urbanística, se o/a expropiado/a non quixese aceptar o prezo xusto, non achegase títulos suficientes xustificativos do dominio, existise contenda respecto á titularidade do ben ou dereito expropiado ou, en xeral, concorrese algún dos supostos do artigo 51 do Regulamento de expropiación forzosa, a Administración consignará o seu importe na Caixa Xeral de Depósitos.

O artigo 55.1 do Regulamento de expropiación forzosa establece que se redactará a acta de ocupación da cousa ou dereito expropiado a continuación da de pagamento ou consignación. Para efecutar o levantamento destas actas, deberán asistir as persoas titulares persoalmente ou ben representadas por persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, con poder suficiente do cal achegarán copia, provistas, ademais, dos seus documentos orixinais acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade e o último recibo sobre o imposto de bens inmobles, e poderán asistir acompañadas, pola súa conta, se o coidan oportuno, dos seus peritos ou notario/a.

Cuarto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, nos termos establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ser impugnada directamente, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, segundo o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

No suposto de que a persoa interesada sexa unha Administración pública, no lugar do recurso de reposición poderalle dirixir ao órgano competente, no prazo de dous meses, o requirimento previo previsto no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Todo isto sen prexuízo de que, no caso de desconformidade coa valoración establecida, as persoas interesadas dispoñen dun prazo de vinte días, contados a partir do seguinte da recepción da notificación, para manifestala por escrito.

A relación de persoas propietarias, predios e superficies é a que figura no anexo que se achega.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2026

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 15.12.2021; DOG do 24 de decembro)
José María Barreiro Díaz
Director xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio

ANEXO

Actas de pagamento e ocupación dos bens e dereitos que se precisan ocupar
para a regularización, execución e implantación do Centro de Telecomunicacións de Culleredo

Predio

Titular

Referencia catastral

Superficie total (m²)

Superficie afectada

Bens afectados

Clasificación
urbanística

Afección

1

Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Castelo

15031A070004540000OZ

59.262

716

716

m² de solo rústico de protección da natureza-monte baixo

Solo rústico de protección da natureza

Expropiación

2

Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Castelo

000400100NH48F0001UQ

12

12

12

m² de solo rústico de protección da natureza-industrial

Solo rústico de protección da natureza

Expropiación

Predio

Titular

Día

Hora

Lugar

1

Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Castelo

3.6.2026

11.00 horas

Salón de plenos da Casa do Concello de Culleredo

Rúa do Concello, 12

2

Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Castelo

3.6.2026

11.05 horas

Salón de plenos da Casa do Concello de Culleredo

Rúa do Concello, 12