Expediente: IN407A 2026/002-4.
Promotora: Barrio do Cura Desarrollo, S.L.U.
Denominación: Modificación do trazado da LMTS CAT725 e CAT726 no ámbito do Barrio do Cura.
Concello: Vigo.
Feitos:
1. O 8.1.2026, a empresa Barrio do Cura Desarrollo, S.L.U. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada Modificación do trazado da LMTS CAT725 e CAT726 no ámbito do Barrio do Cura.
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial Luis Alberto Tizón Cabaleiro, colexiado 2449 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e contén un orzamento total de 26.377,32 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a modificación do trazado da LMTS CAT725 e CAT726, propiedade de UFD Distribución Electricidad, S.A., debido á construción dunha nova urbanización de vivendas no Barrio do Cura, en Vigo.
As instalacións eléctricas proxectadas serán cedidas á empresa distribuidora da zona, neste caso UFD Distribución Electricidad, S.A.
2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vigo e o Servizo do Patrimonio Cultural.
Os organismos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.
3. O 16.4.2026, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable ás autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica Modificación do trazado da LMTS CAT725 e CAT726 no ámbito do Barrio do Cura.
Consideracións legais e técnicas:
1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación a este expediente é:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×240) mm2, de 180 metros de lonxitude, con orixe nos empalmes que se realizarán na LMTS CAT725 e CAT726 á subestación O Castro e final na LMTS existente ao centro de transformación Centro Comercial A Laxe I (36SQX9) e ao centro de transformación C.R. Peniche (36C809).
A instalación está situada no paseo de Alfonso XII e na rúa dos Poboadores, no municipio de Vigo (Pontevedra).
Conforme o indicado,
RESOLVO:
Outorgar á empresa Barrio do Cura Desarrollo, S.L.U. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Modificación do trazado da LMTS CAT725 e CAT726 no ámbito do Barrio do Cura (expediente IN407A 2026/002-4).
Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:
1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.
2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
3. En todo momento deberán cumprirse as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular canto establecen o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa distribuidora da zona será quen tramite a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial, acompañada da seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado de dirección final de obra subscrito por unha técnica ou un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas na autorización de construción, así como coas prescricións da regulamentación técnica de aplicación á materia, segundo a Lei 9/2021, do 25 de febreiro. Este certificado debe cumprir co establecido na Resolución do 12 de xuño de 2025, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, pola que se aproba o modelo oficial de certificado de instalación eléctrica en alta tensión, publicada no DOG do 24.6.2025, e na Instrución 5/2012, do 15 de novembro, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, sobre os criterios que se aplican para exixir o visado colexial en materias de industria e enerxía.
– Contrato de cesión entre a empresa Barrio do Cura Desarrollo, S.L.U. (promotora) e UFD Distribución Electricidad, S.A. (a entidade de transporte e distribución de enerxía eléctrica).
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 24 de abril de 2026
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
