DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Luns, 11 de maio de 2026 Páx. 27378

IV. Oposicións e concursos

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 9 de maio de 2026 pola que se aproban e se fan públicas as listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo unitario para a provisión, mediante contrato laboral temporal, de postos de auxiliares de policía local (código de procedemento PR461A), convocado pola Orde do 27 de marzo de 2026 (Diario Oficial de Galicia número 63, do 7 de abril), e se anuncian a data e o lugar de realización da primeira e segunda probas do proceso.

No Diario Oficial de Galicia núm. 63, do 7 de abril de 2026, publicouse a Orde do 27 de marzo de 2026 pola que se aproban as bases xerais reguladoras e se convoca o proceso selectivo unitario para a provisión, mediante contrato laboral temporal, de postos de auxiliares de policía local.

O 23 de abril de 2026 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 75 a Resolución do 22 de abril pola que se aprobaron as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas ao proceso selectivo, e se publicaron na páxina web da Agasp a listaxe provisional de persoas admitidas, a listaxe provisional de persoas exentas e non exentas da realización da proba de coñecemento da lingua galega e a listaxe provisional de persoas excluídas, con indicación da causa determinante da súa exclusión, e se concedía un prazo de dez (10) días hábiles para as emendas.

Finalizado o prazo de emenda, e de acordo co regulado na devandita orde, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar as listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas ao proceso selectivo unitario para a cobertura de postos de auxiliares de policía local convocados pola Orde do 27 de marzo de 2026 (DOG núm. 63, do 7 de abril).

Poderán consultarse a través da páxina web oficial da Academia Galega de Seguridade Pública https://agasp.xunta.gal:

– A listaxe definitiva de persoas aspirantes admitidas.

– A listaxe definitiva de persoas aspirantes excluídas, con indicación da causa determinante da súa exclusión.

– A listaxe definitiva de persoas aspirantes exentas e non exentas da realización da proba de coñecemento da lingua galega.

Segundo. Convocar as persoas admitidas para a realización da primeira e segunda proba do proceso selectivo, que terán lugar o día 14 de maio de 2026 no Recinto Feiral de Silleda, en chamamento único que se realizará ás 10.00 horas.

As persoas aspirantes deberán consultar na páxina web da Agasp toda a información, indicacións, criterios e normas para ter en conta que o tribunal nomeado para cualificar este proceso publique para o efecto.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o director xeral da Agasp, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou ben interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados do mesmo xeito, nos termos previstos na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A Estrada, 9 de maio de 2026

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública