Feitos:
1. O 10.3.2025 UFD Distribución Electricidad, S.A. (en diante, UFD ou promotora) presentou, ante o Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria (en diante, departamento territorial), a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente ao recuamento da LAT 132 kV Frieira-Salvaterra, entre os apoios 52 e 57, polo seu soterramento na plataforma loxística Plisan, nos concellos de Salvaterra de Miño e As Neves (Pontevedra), e á cal se lle asignou o número de expediente IN407A 2025/207-4. Esta solicitude acompañouse da seguinte documentación técnica:
• Proxecto de execución denominado LAT 132 kV Frieira-Salvaterra. Recuamento entre Ap.52 e Ap.57 por soterramento de LAT 132 kV na plataforma loxística Plisan, asinado o 24.9.2025 polo enxeñeiro técnico industrial (especialidade enxeñaría eléctrica) David Cabaleiro Calveiro (colexiada nº 3.999 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña –Coeticor–) e visado por este colexio, co nº 1873/25-ST e con data do 24.9.2025; e en que figura un orzamento total de 185.329,45 euros.
• Declaración responsable asinada polo técnico proxectista con data do 24.9.2025, exixida no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
Segundo consta no proxecto de execución, como consecuencia do desenvolvemento da Plisan a LAT 132 kV Frieira-Salvaterra resultaba afectada entre os apoios 52.bis e 57, polo que, por petición da empresa urbanizadora, UFD proxectou unha variante co obxecto de compatibilizar a instalación eléctrica existente coa urbanización do polígono. A este respecto:
• A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas (DXPEM) ditou resolución o 2.6.2023 pola que se outorgaron as autorizacións administrativas previa e de construción para o soterramento da LAT na Plisan, entre os apoios 53N e 56N, promovido polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, a Autoridade Portuaria de Vigo e o consorcio Zona Franca de Vigo (expediente IN407A 2021/317-4).
• No presente expediente (IN407A 2025/207-4), UFD proxecta as seguintes actuacións en dous tramos aéreos (52.bis-53N e 56N-57):
– Instalación de dous apoios metálicos de transición aéreo-subterránea, identificados como 53N e 56N. Estarán armados en capa e configurados en simple circuíto. O apoio 53N localizarase baixo traza da liña existente, na parcela con referencia catastral 36050A07500182, a 79,93 m do apoio existente 52.bis, mentres que o apoio 56N localizarase tamén baixo traza da liña existente, na parcela con referencia catastral 36034A01501272, a 149,45 m do apoio existente 57.
– Regulación do condutor tipo LA-280 dúplex, do cable de fibra óptica AUT-24F e do cable de terra AC-50 na cúpula, desde o apoio 52.bis ata o novo 53N e desde o novo 56N ata o apoio 57.
2. O 2.4.2025, o departamento territorial trasladou as separatas técnicas do proxecto de execución, para os efectos de obter os seus informes ao respecto, ás seguintes entidades afectadas pola referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica: Concello de Salvaterra de Miño, Concello das Neves, servizos de Montes e de Explotacións Agrarias de Pontevedra da Consellería do Medio Rural. A este respecto:
• O Departamento de Urbanismo do Concello de Salvaterra de Miño emitiu informe con data do 29.10.2025, en que se recolle o condicionado técnico. Deste informe déuselle traslado a UFD, quen presentou a súa conformidade.
• O Concello das Neves ditou Resolución do 29.10.2025 pola que se autoriza o condicionado técnico detallado no informe do arquitecto municipal incorporado. Deste condicionado técnico déuselle traslado a UFD, quen presentou a súa conformidade.
• O Servizo de Montes de Pontevedra da Consellería do Medio Rural emitiu informe o 27.1.2026, en que se recolle que o proxecto non ocupa solo da súa competencia.
• O Servizo de Explotacións Agrarias da Consellería do Medio Rural non contestou á petición de informe, polo que, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de acordo co disposto no artigo 47.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
3. O 10.4.2026, o departamento territorial, logo de rematada a instrución do referido expediente (IN407A 2025/207-4), deu traslado del á DXPEM para os efectos de ditar a oportuna resolución, onde indica que non observan inconvenientes para a realización do proxecto e incorpora o informe emitido o 13.3.2026 polos seus servizos técnicos.
Consideracións legais e técnicas:
1. No expediente instruído para o efecto, cumpríronse os trámites do procedemento establecidos na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.
2. A respecto da tramitación do referido expediente, cómpre salientar que está exenta do trámite de información pública, de conformidade coa excepción recollida no artigo 50.b) da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, para as solicitudes de autorización administrativa de modificacións de instalacións de distribución de calquera tensión, sempre que non se solicite a declaración de utilidade pública nin sexa preceptiva a avaliación ambiental ordinaria.
3. En canto á avaliación de impacto ambiental dos proxectos, no artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, defínense os proxectos que terán que someterse a unha avaliación de impacto ambiental, ordinaria ou simplificada. A este respecto, no proxecto de execución da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, na epígrafe 10 da súa memoria, recóllese que, segundo a lexislación vixente, o proxecto está exento de tramitación ambiental.
4. A competencia para resolver este expediente correspóndelle á DXPEM, de conformidade co disposto no artigo único (punto 1.b.3º para as autorizacións administrativas previa e de construción) do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro), así como no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG nº 73, do 14 de abril), no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG nº 81, do 24 de abril), e no Decreto 140/2024, de 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio).
De acordo con todo o anterior,
RESOLVO:
1. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente ao recuamento da LAT 132 kV Frieira-Salvaterra, entre os apoios 52 e 57, polo seu soterramento na plataforma loxística Plisan, nos concellos de Salvaterra de Miño e As Neves, e que promove UFD Distribución Electricidad, S.A.
2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, denominado LAT 132 kV Frieira-Salvaterra. Recuamento entre Ap.52 e Ap.57 por soterramento de LAT 132 kV na plataforma loxística Plisan.
Todo isto de acordo coas condicións seguintes:
1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado LAT 132 kV Frieira-Salvaterra. Recuamento entre Ap.52 e Ap.57 por soterramento de LAT 132 kV na plataforma loxística Plisan, asinado o 24.9.2025 polo enxeñeiro técnico industrial (especialidade enxeñería eléctrica) David Cabaleiro Calveiro (colexiada nº 3.999 do Coeticor) e visado por este colexio, co nº 1873/25-ST e con data do 24.9.2025; e en que figura un orzamento total de 185.329,45 euros.
2. A promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio.
3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPEM; non obstante, o departamento territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante o departamento territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.
5. En canto aos bens e dereitos afectados pola referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.
6. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
7. Estas autorizacións adóptanse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.
8. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que xulguen pertinente.
Santiago de Compostela, 17 de abril de 2026
Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas
