Expediente: IN407A 2024/229-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación do proxecto: LMT, CT, RBT Campos-concello de Muxía.
Concello: Muxía.
Feitos:
1. O día 1.7.2024, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica mencionada. Co obxecto de mellorar a calidade da subministración eléctrica proxéctase un CT tipo rural, de 100 kVA con envolvente prefabricada. Desta forma pódense traspasar cargas da punta da rede existente no CT Touriñán (15×992) de 50 kVA de potencia. Apoio C 1000/14 para paso aéreo-subterráneo LMTS de 721 m desde o apoio proxectado ata no novo CT. Esta rede terá catro puntos de acceso.
Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, presentan o proxecto de execución denominado LMT, CT, RBT Campos-concello de Muxía, asinado o día 22.4.2024 por Victoriano González Lemos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, nº colexiado 2.980 de Vigo; máis un anexo asinado polo mesmo enxeñeiro o 16.5.2025.
2. O proxecto someteuse ao trámite de avaliación ambiental simplificada e consta no expediente unha resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático do 20.2.2026 pola que se formula o informe de impacto ambiental do proxecto.
O informe sinala o seguinte: «De acordo cos antecedentes e como resultado da avaliación de impacto ambiental simplificada realizada, formular o informe de impacto ambiental do proxecto LMT, CT e RBT no lugar de Campos, no termo municipal de Muxía (A Coruña), concluíndo que, sempre que se cumpra, ademais do recollido no documento ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado e o programa de vixilancia ambiental que figuran ao longo desta resolución, non son previsibles efectos adversos significativos sobre o ambiente e, polo tanto, non se considera necesario someter o proxecto a avaliación de impacto ambiental ordinaria».
3. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
4. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello de Muxía e Augas de Galicia. No día desta resolución, non constan no expediente respostas ás ditas solicitudes.
5. O día 10.4.2026 emitiuse o informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm, 101, do 27 de maio).
Segunda. Lexislación de aplicación.
• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
• Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
Terceira. Características técnicas.
As instalacións obxecto deste expediente están situadas en San Martiño de Touriñán, concello de Muxía, e as súas características técnicas son as seguintes:
- CT no lugar de Campos. Terreo de titularidade municipal.
• Alimentación: LMT POT-806.
• Tensión 20 kV.
• Potencia: 100 kVA.
• Relación de transformación: 20.000/400 V.
• Envolvente: formigón.
- Apoio: proxectado C-1000/14. Frecuentado con reconectador GPRS.
- LMTS:
• Condutor: RHZ1-2OL 12/20 kV 1×150 mm² Al.
• Orixe: apoio proxectado.
• Final: CT proxectado no lugar de Campos.
• Lonxitude: 721 m.
Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
De acordo con todo o exposto,
RESOLVO:
A) Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica.
B) A instalación executarase no prazo de dous anos, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
C) A resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático pola que se formula o informe de impacto ambiental do proxecto sinala no seu punto 4.2.2: «Para este efecto, o promotor adoptará o programa de vixilancia e seguimento ambiental deseñado que garantirá, ademais do cumprimento dos condicionantes e medidas preventivas e/ou correctoras establecidas no IIA e no documento ambiental, o cumprimento dos que, se é o caso, establezan os órganos competentes na tramitación sectorial de licenzas, permisos e/ou autorizacións e aqueloutros que, derivados do seguimento, sexa necesario incorporar».
De acordo co sinalado, e co obxecto da realización do seguimento ambiental, deberá de comunicar a data de inicio das actuacións autorizadas nesta resolución.
Deberá achegar a este departamento territorial no prazo máximo dun mes antes do inicio das obras o plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 4.2.2 da resolución de impacto ambiental.
D) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude á cal xuntará a seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
E) Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao interesado, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Mediante este documento notifícaselles as persoas interesadas esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.
A Coruña, 19 de abril de 2026
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
