DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Venres, 15 de maio de 2026 Páx. 28116

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 4 de maio de 2026 pola que se regula o procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2026 e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento BS508D).

BDNS (Identif.): 904628.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións.

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/904628

Primeiro. Obxecto

Establecer a regulación do procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria coa finalidade de recoñecer publicamente o labor daquelas persoas físicas e xurídicas, que, de xeito cotián, desenvolvan programas, accións ou proxectos de voluntariado na Comunidade Autónoma de Galicia, así como realizar a súa convocatoria para o ano 2026.

Segundo. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 4 de maio de 2026 pola que se regula o procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2026 e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento BS508D).

Terceiro. Modalidades e persoas destinatarias

Os Premios Galicia de Acción Voluntaria terán as seguintes modalidades:

a) Premio á persoa voluntaria do ano na modalidade individual, para as persoas físicas.

b) Premio á entidade de acción voluntaria do ano na modalidade colectiva, para as entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

c) Premio ao mellor proxecto de acción voluntaria que corresponderá a aqueles proxectos elaborados por entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, vinculados a áreas de especial interese e que supoñan unha innovación social para a nosa comunidade autónoma.

Cuarto. Premios

Outorgarase un premio en cada unha das modalidades establecidas cuxa dotación económica será de 4.000 euros por modalidade.

Quinto. Orzamento

Para o financiamento destes premios destinarase un crédito de 4.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.312F.480.0, para os premios das persoas físicas na modalidade individual, e un crédito de 8.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.312F.481.0, para entidades de acción voluntaria da modalidade colectiva e de proxectos, consignadas na Lei 4/2025, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.

Sexto. Outros datos

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024; DOG núm. 130, do 5 de xullo)
Elvira Mª Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura,
Lingua e Xuventude