O Estatuto de autonomía de Galicia, nos seus artigos 1.2 e 4.3, establece que a Comunidade Autónoma de Galicia asume como tarefa principal a defensa da identidade de Galicia e a promoción da solidariedade entre todos os integrantes do pobo galego, configurando como un principio reitor da súa política social e económica facer efectivo o dereito das persoas galegas a viviren e traballaren na súa propia terra.
Á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, de acordo co establecido no Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a súa estrutura orgánica, correspóndelle, entre outras competencias e funcións, propor, deseñar, coordinar e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito laboral e do emprego, que engloba, entre outras, as competencias en materias de políticas activas de emprego, así como a promoción de medidas que favorezan o retorno a Galicia dos galegos residentes no exterior e faciliten a súa integración na sociedade galega.
Correspóndelle, en concreto, á Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, entre outras funcións, a participación na elaboración e deseño de estratexias, instrumentos e medidas que contribúan a evitar situacións de falta de estabilidade do emprego ou poidan conducir á diminución da actividade, así como a dirección, coordinación, control e execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia de apoio, fomento e mantemento do emprego.
No marco desas competencias está o desenvolvemento de medidas que contribúan á creación de riqueza e emprego de calidade en Galicia, ao tempo que facilitan un desenvolvemento equilibrado do territorio, e nese sentido a consellería está a despregar medidas, tendo en conta o contexto demográfico actual, destinadas á cobertura das necesidades das empresas en relación coas capacidades das persoas en busca activa de emprego potenciando a forza laboral interna, pero incidindo, ademais, na atracción do talento exterior, articulada tanto á través de incentivos para o retorno dos galegos e das súas familias como a través de incentivos para atraer talento estranxeiro ou de terceiros países.
Neste contexto, no Diario Oficial de Galicia núm. 236, do 9 de decembro de 2024, publicouse a Orde do 29 de novembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas á realización do programa Retorna Cualifica Emprego e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2025 (código de procedemento TR380A), unha de cuxas accións previstas é a da procura da inserción laboral das persoas participantes neste programa.
Tamén foi publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 9, do 15 de xaneiro de 2026, a Resolución do 18 de decembro de 2025, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras e se procede á convocatoria de duascentas cincuenta (250) bolsas de excelencia para a mocidade do exterior (BEME), co fin de cursar estudos de máster que se inicien no curso 2026/27 nunha universidade pública galega (código de procedemento PR911A) pola que se oferta ás persoas galegas universitarias residentes no estranxeiro a posibilidade de adquirir unha especialización académica de máster nunha universidade pública galega, coa finalidade de que amplíen a súa formación e adquiran competencias e habilidades que favorezan a súa inserción laboral e futuro profesional en Galicia con maiores garantías de éxito.
Cómpre sinalar como un dos puntos fundamentais para esta potenciación da forza laboral en Galicia, tanto para traballadores xa residentes nesta Comunidade Autónoma coma para os migrantes chegados a ela, a escasa oferta de vivendas, especialmente no rural, que fai necesaria a busca de solucións habitacionais ambiciosas que resolvan esta escasa oferta.
Neste contexto cabe indicar que o Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, configura a referida consellería como o departamento da Xunta de Galicia ao cal corresponden as competencias e funcións en materia de vivenda, urbanismo e planificación de infraestruturas, que exercerá no nivel de desenvolvemento que se indica neste decreto para cada un dos seus órganos integrantes, quedando adscrito a esta o Instituto Galego da Vivenda e Solo, creado pola Lei 3/1988, do 17 de abril, a través da Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo.
Ao respecto cómpre indicar que o artigo 90 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, sinala que a rehabilitación do patrimonio inmobiliario residencial será obxecto de atención primaria por parte das administracións públicas con competencia en materia de vivenda, como forma de garantir o dereito a gozar dunha vivenda digna e axeitada e como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do ambiente, da paisaxe e do territorio.
O artigo 91 do mesmo texto legal establece que o Instituto Galego da Vivenda e Solo desenvolverá políticas de rehabilitación e renovación do parque de vivendas de Galicia atendendo a criterios de accesibilidade, sustentabilidade, aforro enerxético, mellora da calidade e conservación dos elementos singulares das construcións existentes.
Como xa se indicou anteriormente, coa finalidade de que as persoas con contrato de traballo poidan desenvolver o seu proxecto vital en Galicia, cómpre proporcionar unha solución habitacional que resolva a actual escasa oferta de vivendas. Con este obxectivo, a través desta orde convócanse axudas destinadas á concesión de subvencións a persoas físicas, persoas xurídicas e concellos, para a rehabilitación de vivendas destinadas a vivenda habitual, en réxime de alugamento ou cesión de uso, a persoas traballadoras con contrato de traballo con empresas que dispoñan de centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.
As bases reguladoras nesta orde establecen un procedemento de concesión en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que a concesión das subvencións se realiza a través da comparación das solicitudes presentadas, co fin de establecer unha prelación entre estas de acordo cos criterios de valoración fixados nesta orde e adxudicar, co límite tamén fixado nesta orde dentro do crédito dispoñible, aquelas que obtivesen maior valoración en aplicación dos citados criterios.
Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial, no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro. No que resulte de aplicación, someterase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.
En consecuencia, obtidos os informes preceptivos na tramitación, no exercicio das facultades conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPONSE:
Artigo 1. Obxecto e finalidade
Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións a persoas físicas e xurídicas e concellos para a rehabilitación de vivendas destinadas a vivenda habitual de persoas traballadoras que teñan subscrito ou subscriban contrato de traballo con empresas que dispoñan de centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de alugamento ou cesión de uso, así como proceder á súa convocatoria para as anualidades 2026 e 2027.
As axudas estarán destinadas, para a rehabilitación de vivendas das que sexan propietarias, usufrutuarias ou cesionarias do seu uso por un prazo mínimo de 10 anos, a:
a) empresas que dispoñan de centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia que destinen esa vivenda a vivenda habitual de persoas traballadoras coas cales teñan subscrito ou subscriban contrato de traballo.
b) persoas físicas ou xurídicas que teñan subscrito con algunha das empresas referidas na letra a) o oportuno instrumento xurídico onde acorden destinar a vivenda a rehabilitar a vivenda habitual de persoas traballadoras que teñan subscrito ou subscriban contrato de traballo con esa empresa.
As axudas previstas nas letras a) e b) tramitaranse co código de procedemento TR358E.
c) concellos que teñan subscrito con algunha das empresas referidas na letra a) o oportuno instrumento xurídico onde acorden destinar a vivenda a rehabilitar a vivenda habitual de persoas traballadoras que teñan subscrito ou subscriban contrato de traballo con esa empresa.
As axudas previstas na letra c) tramitaranse co código de procedemento TR358F.
Para cada solicitude indicarase o código de procedemento que corresponda, non se poderá presentar unha mesma solicitude de subvención para as dúas liñas de axuda.
Artigo 2. Principios de xestión
Os principios que rexen a xestión da presente convocatoria de axudas son:
a) Publicidade, obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade e non discriminación.
b) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
c) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
Artigo 3. Actuación subvencionable
1. Considérase actuación subvencionable a rehabilitación das vivendas situadas en concellos con menos de 20.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes, publicadas polo Instituto Galego de Estatística ata a data da publicación desta convocatoria.
2. Consideraranse actuacións subvencionables ao abeiro desta as obras de rehabilitación, terminación e/ou ampliación de vivendas, entendéndose incluídas as de accesibilidade, conservación, habitabilidade, sustentabilidade e eficiencia enerxética das vivendas.
Para os efectos de determinar o custo total das obras poderán incluírse as seguintes actuacións preparatorias: os honorarios dos profesionais que interveñan; os informes técnicos e certificados necesarios; os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados.
3. A actuación subvencionable incluirá, así mesmo, e se así o solicita a persoa beneficiaria, a contratación dun seguro de impago do alugamento ou cesión de uso sobre a vivenda obxecto da actuación.
4. A actuación de rehabilitación das vivendas axustarase á normativa técnica e urbanística en vigor e debe cumprir a normativa vixente en materia de habitabilidade e funcionalidade.
5. O prazo de execución das obras virá fixado na resolución de concesión da subvención, sen que en ningún caso poida exceder os dezaoito meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados na data límite de xustificación das actuacións.
6. Non serán subvencionables as actuacións iniciadas con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2026.
Artigo 4. Réxime xurídico
1. Para o non establecido nestas bases, aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.
2. Así mesmo tamén serán de aplicación:
a) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
b) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
c) O Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia.
d) A normativa sobre protección de datos persoais: Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos); Real decreto 311/2022, do 3 de maio, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da administración electrónica.
e) Calquera outra norma da Unión Europea, ou normativa nacional ou autonómica vixente que poida resultar de aplicación.
Artigo 5. Financiamento
1. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito total dun millón cincocentos mil euros (1.500.000 €), que serán imputados nas aplicacións orzamentarias 14.02.322C.760.0, 14.02.322C.770.0 e 14.02.322C.780.0 dos orzamentos da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais e distribuídos nas seguintes anualidades:
– 600.000 euros para a anualidade 2026.
– 900.000 euros para a anualidade 2027.
• Para a liña de axudas a persoas xurídicas e persoas físicas (código de procedemento TR358E) destinaranse 750.000 euros, distribuídos nas seguintes anualidades:
– 300.000 euros para a anualidade 2026.
– 450.000 euros para a anualidade 2027.
• Para a liña de axudas a concellos (código de procedemento TR358F) destinaranse 750.000 euros, distribuídos nas seguintes anualidades:
– 300.000 euros para a anualidade 2026.
– 450.000 euros para a anualidade 2027.
A distribución do crédito orzamentario nos distintos conceptos é a seguinte:
|
Aplicación |
Réxime xurídico de axudas aplicable |
Anualidade 2026 |
Anualidade 2027 |
Total |
|
14.02.322C.760.0 |
Regulamento de minimis |
300.000 € |
450.000 € |
750.000 € |
|
14.02.322C.770.0 |
Regulamento de minimis |
150.000 € |
225.000 € |
375.000 € |
|
14.02.322C.780.0 |
Non suxeito a réxime de minimis |
150.000 € |
225.000 € |
375.000 € |
2. Esta cantidade poderase incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.
Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.
3. No caso de que existan remanentes nalgunha liña de axudas, logo de atender todas as solicitudes presentadas en cada unha delas, poderán utilizarse os remanentes para atender as solicitudes da outra liña de axudas, se é necesario.
Artigo 6. Persoas beneficiarias
1. Poderán solicitar as subvencións previstas para a liña con código de procedemento TR358E:
a) As empresas con centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia que dispoñan de vivendas, das que sexan propietarias, usufrutuarias ou cesionarias do seu uso por un prazo mínimo de 10 anos, e que vaian ser destinadas á vivenda habitual de persoas traballadoras coas que teñan subscrito ou subscriban contrato de traballo.
b) Persoas físicas ou xurídicas que dispoñan de vivendas, das que sexan propietarias, usufrutuarias ou cesionarias do seu uso por un prazo mínimo de 10 anos e que teñan subscrito con algunha das empresas referidas na letra a) o oportuno instrumento xurídico onde acorden destinar a vivenda a rehabilitar a vivenda habitual de persoas que teñan subscrito ou subscriban contrato de traballo con esa empresa.
2. Poderán solicitar as subvencións previstas para a liña con código de procedemento TR358F os concellos que dispoñan de vivendas, das cales sexan propietarias, usufrutuarias ou cesionarias do seu uso por un prazo mínimo de 10 anos e que teñan subscrito con algunha das empresas referidas na letra a) do punto 1 deste artigo o oportuno instrumento xurídico onde acorden destinar a vivenda a rehabilitar a vivenda habitual de persoas que teñan subscrito ou subscriban contrato de traballo con esa empresa.
3. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aquelas persoas que se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
4. Para poder ser beneficiario destas axudas os concellos deberán cumprir co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio nos termos previstos no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
5. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda sexa unha persoa física ou xurídica de natureza pública ou privada que exerza actividades económicas ou comerciais, aplicarase o disposto no Regulamento (UE) n° 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. A axuda total de minimis a unha empresa determinada, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) n° 2023/2831, non pode ser superior a 300.000 euros durante os tres anos previos. Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.
Artigo 7. Contía das axudas
As axudas reguladas nesta orde poderán ser destinadas á rehabilitación tanto de vivendas unifamiliares coma de edificios residenciais colectivos inacabados ou que se encontren en situación de esqueleto inmobiliario.
Para o caso de que a vivenda que será obxecto da rehabilitación subvencionable sexa unha vivenda unifamiliar, a contía das axudas poderá alcanzar ata o 95 % do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 50.000 euros por vivenda rehabilitada, agás no caso de que o solicitante da axuda sexa un concello, caso en que a contía poderá alcanzar ata o 95 % do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 75.000 euros por vivenda rehabilitada.
Para caso de edificios residenciais colectivos inacabados ou que se encontren en situación de esqueleto inmobiliario, a contía das axudas poderá alcanzar ata o 95 % do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 30.000 euros por cada unha das vivendas que formen parte do inmoble, nin a cantidade conxunta para todo o inmoble poida superar os 300.000 euros.
O límite máximo por vivenda rehabilitada incrementarase en 1.000 € no caso de que a vivenda unifamiliar ou o edificio residencial colectivo que se vai rehabilitar estean situados nun área Rexurbe creadas conforme a Lei 1/2019, do 22 abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia.
O orzamento de execución das obras poderá incluír, conforme o establecido no artigo 3.2 desta orde, as seguintes actuacións preparatorias: os honorarios dos profesionais que interveñan; os informes técnicos e certificados necesarios; os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados.
As persoas interesadas poderán solicitar, a maiores da axuda para a rehabilitación da vivenda, a contratación do seguro de impago do alugamento ou cesión de uso sobre a vivenda obxecto da actuación, non podendo superar en ningún caso o importe máximo anual de 600 euros, polo tempo de duración do contrato de alugamento ou cesión de uso da vivenda, ata un máximo de 5 anos.
Artigo 8. Réxime de concesión
1. O procedemento de concesión de subvencións tramitarase e resolverase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que a concesión das subvencións se realiza a través da comparación das solicitudes presentadas, co fin de establecer unha prelación entre estas de acordo cos criterios de valoración fixados nesta orde e adxudicar, co límite tamén fixado nesta orde dentro do crédito dispoñible, aquelas que obtivesen maior valoración en aplicación dos citados criterios.
2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo no caso de ampliación da contía máxima dos créditos dispoñibles para ela segundo o disposto no artigo 5.2 desta orde.
3. Poderá concederse un máximo de tres axudas por persoa solicitante para o caso de vivendas unifamiliares, e un máximo de dez axudas se se trata de vivendas que formen parte dun edificio residencial colectivo inacabado ou que se encontre en situación de esqueleto inmobiliario.
A persoa solicitante deberá presentar unha solicitude para cada unha das vivendas para as que se solicita a axuda.
Artigo 9. Presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do correspondente formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Deberá empregarse o anexo I.I para o procedemento TR358E e o anexo I.II para o procedemento TR358F.
A presentación electrónica será obrigatoria para os concellos e para as persoas xurídicas, de acordo co artigo 3.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público e co artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de persoa usuaria e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Estes formularios soamente terán validez se están debidamente asinados pola persoa que ten a representación legal da persoa xurídica correspondente ou persoa debidamente acreditada.
Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
2. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicional das presentes bases reguladoras.
3. O non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, serán causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
4. As persoas solicitantes realizarán as seguintes declaracións responsables, empregando para o efecto o formulario do anexo I:
a) Relación doutras axudas concedidas ou solicitadas para a mesma actuación subvencionable. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.
b) Declaración responsable de que non se lle concedeu ningunha axuda de minimis. No caso de ter solicitado ou obtido axuda de minimis, deberá indicar cales e a súa contía.
c) A veracidade de todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan.
d) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
e) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
f) Estar ao día nas obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 21 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
g) Que a entidade solicitante coñece que as persoas ou empresas provedoras non poderán estar asociadas nin vinculadas coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorren neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvenciones de Galicia, nin no artigo 43 do regulamento que desenvolve a dita lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, tendo en conta, ademais, o disposto no Regulamento (UE) nº 651/2014 sobre empresas vinculadas.
h) Manter un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados.
i) Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.
j) Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.
k) No caso de concellos, de acordo co anexo I.II, cumprir coa obriga de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, de acordo co estipulado no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
5. No suposto de que a propiedade ou usufruto do inmoble corresponda a máis dunha persoa, só se admitirá unha solicitude por inmoble.
6. A persoa solicitante deberá indicar se na súa solicitude inclúe a contratación dun seguro de impago do alugamento ou cesión de uso sobre a vivenda obxecto da actuación.
Artigo 10. Documentación complementaria
1. As persoas físicas ou xurídicas que presenten solicitudes para o procedemento TR358E deberán presentar, xunto coa solicitude da axuda (anexo I.I), a seguinte documentación:
a) Escritura de constitución e/ou modificación da persoa xurídica, de ser o caso.
b) Documentación acreditativa da representación da persoa ou entidade que actúe no nome da persoa física ou xurídica solicitante, de ser o caso. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito.
c) Escritura pública, certificado, nota simple rexistral ou calquera outro documento que acredite a titularidade da propiedade, do usufruto do inmoble ou da cesión de uso deste.
No caso de propietarios ou usufrutuarios múltiples, deberá achegarse declaración responsable das demais persoas propietarias ou usufrutuarias do inmoble sobre a súa conformidade coa solicitude da subvención. Neste suposto deben figurar todas as persoas propietarias ou usufrutuarias ata completar o 100 % da propiedade ou usufruto.
Ademais, no caso de usufruto, deberá achegarse a conformidade dos/das nus/núas propietario/as coa solicitude de subvención.
Do mesmo xeito, no caso de cesión de uso, deberá achegarse a conformidade da persoa propietaria do inmoble coa solicitude de subvención.
d) Proxecto técnico ou memoria relativa á actuación que se vai realizar co orzamento de execución material, que deberá especificar o calendario de execución da actuación.
O proxecto ou memoria deberá incluír a información e os documentos necesarios para acreditar, de ser o caso, os criterios de valoración establecidos no artigo 17, segundo consta a continuación:
1º. Acreditación da distancia da vivenda, segundo proceda, co centro de traballo, cunha parada de transporte público e cunha vía de alta capacidade.
2º. Memoria asinada por un técnico cualificado en que se indique a valoración da mellora de eficiencia enerxética en termos porcentuais de redución do consumo de enerxía primaria non renovable e a utilización de materiais de baixo impacto ambiental e técnicas de construción ecolóxica para a valoración dos criterios establecidos no artigo 17, letra b).
3º. Memoria en que se incluirá a relación entre o investimento total e a axuda solicitada, así como a indicación do tipo de actividade económica da empresa empregadora para a valoración do criterio establecido no artigo 17, letra c.2).
e) Reportaxe fotográfica do estado actual do inmoble, preferiblemente en cor, respecto das actuacións para as que se solicita a axuda.
f) Licenza municipal ou xustificante de tela solicitada no momento de presentación da solicitude desta axuda, no caso de que esta sexa necesaria pola actuación a levar a cabo e, de ser o caso, autorizacións sectoriais preceptivas.
Para o caso de actuacións non suxeitas á obtención de licenza urbanística, deberá presentarse a correspondente comunicación previa ao concello, que deberá vir acompañada dunha declaración responsable da persoa ou entidade promotora da actuación de non ter sido requirida para a súa emenda, no suposto de ter transcorridos máis de quince días hábiles, contados desde a data da súa presentación.
g) Os solicitantes previstos no artigo 6.1.b) deberán achegar, así mesmo, o instrumento xurídico asinado coas empresas que teñan subscrito ou subscriban contrato de traballo cos potenciais traballadores aos cales vaia destinada a vivenda obxecto de rehabilitación.
h) Compromiso de destinar a vivenda obxecto da rehabilitación a alugamento ou cesión de uso como vivenda habitual de persoas con contrato de traballo.
i) No caso de que a vivenda para rehabilitar sexa destinada a persoas con contrato de traballo derivado da súa participación nos programas Retorna Cualifica Emprego e Bolsas Excelencia Mocidade Exterior, deberá achegarse xustificación da empresa de que participa nos referidos programas, así como do contrato de traballo derivado deste coa persoa destinataria da vivenda obxecto da actuación.
2. Os concellos que presenten solicitudes para o procedemento TR358F deberán presentar, xunto coa solicitude da axuda (anexo I.II), a seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da representación da persoa que presente a solicitude. En representación do concello, a solicitude deberá formalizala a persoa titular da alcaldía ou a persoa en que esta delegue.
b) Certificado do acordo municipal de solicitar a subvención, aceptando os termos desta resolución e da correspondente convocatoria, de conformidade coa memoria, o orzamento e o prazo de execución propostos na documentación que se acompaña á solicitude.
c) Certificado da Secretaría municipal en que se acredite que a edificación ou vivenda obxecto da rehabilitación é de titularidade municipal ou ten cedido o seu uso, así como de que se cumpren os requisitos recollidos nesta orde para ser beneficiarios desta subvención.
No caso de propietarios ou usufrutuarios múltiples, deberá achegarse declaración responsable das demais persoas propietarias ou usufrutuarias do inmoble sobre a súa conformidade coa solicitude da subvención. Neste suposto deben figurar todas as persoas propietarias ou usufrutuarias ata completar o 100 % da propiedade ou usufruto.
Ademais, no caso de usufruto, deberá achegarse a conformidade dos/das nus/núas propietarios/as coa solicitude de subvención.
Do mesmo xeito, no caso de cesión de uso, deberá achegarse a conformidade da persoa propietaria do inmoble coa solicitude de subvención.
d) Proxecto técnico ou memoria relativa á actuación que se vai realizar co orzamento de execución material, que deberá especificar o calendario de execución da actuación.
O proxecto ou a memoria deberá incluír a información e os documentos necesarios para acreditar, de ser o caso, os criterios de valoración establecidos no artigo 17, segundo consta a continuación:
1º. Acreditación da distancia da vivenda, segundo proceda, co centro de traballo, cunha parada de transporte público e cunha vía de alta capacidade.
2º. Memoria asinada por un técnico cualificado en que se indique a valoración da mellora de eficiencia enerxética en termos porcentuais de redución do consumo de enerxía primaria non renovable e a utilización de materiais de baixo impacto ambiental e técnicas de construción ecolóxica para a valoración dos criterios establecidos no artigo 17, letra b).
3º. Memoria en que se incluirá a relación entre o investimento total e a axuda solicitada, así como a indicación do tipo de actividade económica da empresa empregadora para a valoración do criterio establecido no artigo 17, letra c.2).
Así mesmo, deberá achegar:
– Informe asinado polo/a correspondente técnico/a municipal relativo á localización da edificación ou vivenda, ao ámbito en que se inclúe, ás súas características e ao seu estado de deterioración. Este informe conterá unha reportaxe fotográfica en cor da edificación ou da vivenda e unha xustificación da necesidade e idoneidade das actuacións propostas.
– Informe do/a técnico/a municipal de que a actuación proposta cumpre coa lexislación vixente.
e) Instrumento xurídico asinado coas empresas que teñan subscrito ou subscriban contrato de traballo cos potenciais traballadores aos cales vaia destinada a vivenda obxecto de rehabilitación.
f) Compromiso de destinar a vivenda obxecto da rehabilitación a alugamento ou cesión de uso como vivenda habitual de persoas con contrato de traballo.
g) No caso de que a vivenda para rehabilitar sexa destinada a persoas con contrato de traballo derivado da súa participación nos programas Retorna Cualifica Emprego e Bolsas Excelencia Mocidade Exterior, deberá achegarse xustificación da empresa de que participa nos referidos programas, así como do contrato de traballo derivado deste coa persoa destinataria da vivenda obxecto da actuación.
3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou estes documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
7. Sen prexuízo do disposto nos puntos anteriores, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais poderá requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarias para a tramitación e resolución do procedemento.
Artigo 11. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
O prazo de dous meses para a presentación de solicitudes é común para os dous procedementos.
Artigo 12. Comprobación de datos
1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente, con carácter previo á concesión, os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña a súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade representante.
d) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.
e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
f) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
g) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.
h) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.
i) Consulta de subvencións e axudas públicas afectadas pola regra de minimis.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos pertinentes.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da empresa ou da persoa representante para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás empresas ou ás persoas traballadoras autónomas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 13. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.
2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.
4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 15. Instrución e emenda
1. O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, así como para realizar a proposta de resolución, será a Subdirección Xeral de Emprego da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais.
2. Unha vez recibidas as solicitudes, a unidade administrativa encargada da instrución do expediente comprobará se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde.
De conformidade co establecido no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase a persoa interesada para que, no prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa solicitude, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 12 destas bases reguladoras resulta que a persoa solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma ou coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto na liña d) do artigo 53.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, o órgano instrutor poderá realizar, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución e poderá requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á Comisión Avaliadora, de acordo co establecido no artigo seguinte.
5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de desestimación, na cal se indicarán as causas desta.
En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase a ditar a resolución de inadmisión e arquivamento das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido no artigo 11 da orde de convocatoria.
Artigo 16. Comisión de Valoración
1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios fixados no artigo 17 desta orde e redactar un informe en que conste a relación de todas as solicitudes admitidas por orde de puntuación, indicando de xeito individualizado a puntuación detallada en cada un dos criterios de avaliación e a puntuación total obtida.
O dito informe servirá de base ao órgano instrutor para a elaboración da proposta de resolución de concesión ou de desestimación da subvención.
Para efectuar a valoración das solicitudes a Comisión de Valoración poderá solicitar cantas aclaracións considere oportunas.
2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:
Presidencia:
– O/a subdirector/a xeral de Emprego.
Suplente:
– O/a subdirector/a xeral de Réxime Xurídico.
Vogais:
– O/a arquitecto/a F.F. do Servizo de Contratación, Proxectos e Obras
– Un/unha arquitecto/a do Instituto Galego da Vivenda e Solo.
– Un/unha funcionaria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que fará as funcións de secretaría.
Vogal suplente:
– O/a arquitecto/a técnico/a F.F. do Servizo de Contratación, Proxectos e Obras.
Artigo 17. Criterios de valoración
1. Os criterios e o baremo que rexerán no proceso de avaliación e selección serán os seguintes:
a) Criterios sobre a localización da vivenda obxecto da rehabilitación:
a.1) Distancia (en quilómetros) entre a vivenda obxecto da rehabilitación e o centro de traballo.
Valorarase a proximidade da vivenda respecto ao centro de traballo dos traballadores que vaian residir nela. Non serán subvencionables as vivendas situadas a unha distancia superior a 15 quilómetros do centro de traballo.
A puntuación será a seguinte:
– De 0 a 2 km: 10 puntos.
– De máis de 2 a 5 km: 7,5 puntos.
– De máis de 5 a 7 km: 5 puntos.
– De máis de 7 a 10 km: 2,5 puntos.
– De máis de 10 a 15 km: 1 punto.
a.2) Distancia (en metros) entre a vivenda obxecto da rehabilitación e unha parada de transporte público.
Valorarase a proximidade da vivenda á parada de transporte público máis próxima, co obxectivo de favorecer a mobilidade sustentable dos traballadores.
A puntuación será a seguinte:
– De 0 a 250 m: 10 puntos.
– De máis de 250 m a 500 m: 7,5 puntos.
– De máis de 500 a 1.000 m: 5 puntos.
– De máis de 1.000 m a 1.500 m: 2,5 puntos.
Máis de 1.500 metros: 0 puntos.
a.3) Distancia (en quilómetros) entre a vivenda obxecto da rehabilitación e unha vía de alta capacidade.
Valorarase a proximidade da vivenda a una vía de alta capacidade, entendida como indicador de boa conectividade e accesibilidade territorial. Para os efectos desta convocatoria, entenderase por vía de alta capacidade aquela definida como autoestrada, autovía ou vía rápida, conforme o artigo 2 da Lei 37/2015, do 29 de setembro, de estradas, e á definición equivalente contida na normativa autonómica (Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia).
A puntuación será a seguinte:
– De 0 a 5 km: 10 puntos.
– De máis de 5 a 7 km: 7,5 puntos.
– De máis de 7 km a 10 km: 5 puntos.
– De máis de 10 a 15 km: 2,5 puntos.
a.4) Tipo de municipio onde se sitúa a vivenda obxecto da rehabilitación.
Valorarase a localización da vivenda segundo o tamaño poboacional do municipio e a súa evolución demográfica nos últimos dez anos, priorizando as contornas rurais ou en retroceso poboacional. Quedarán excluídas as vivendas situadas en municipios con máis de 20.000 habitantes.
A puntuación será a seguinte:
– Municipio de menos de 5.000 habitantes: 10 puntos.
– Municipio de entre 5.000 e 10.000 habitantes con perda demográfica nos últimos 10 anos: 7,5 puntos.
– Municipio de entre 5.000 e 10.000 habitantes sen perda demográfica nos últimos 10 anos: 5 puntos.
– Municipio de máis de 10.000 e ata 20.000 habitantes: 2,5 puntos.
a.5) Se a vivenda está situada nun área Rexurbe, recibirá 5 puntos máis.
b) Criterios sobre as condicións de sustentabilidade das rehabilitacións:
b.1) Mellora da eficiencia enerxética.
Valorarase o grao de mellora enerxética alcanzado tras a rehabilitación, considerando a redución do consumo primario non renovable respecto aos límites establecidos no DB-HE0 do CTE.
A puntuación será a seguinte:
– Redución do consumo de enerxía primaria non renovable igual ou superior ao 60 %: 10 puntos
– Redución do consumo de enerxía primaria non renovable igual ou superior ao 20 %: 5 puntos
b.2) Utilización de materiais de baixo impacto ambiental e técnicas de construción sustentable.
Valorarase a utilización de materiais de baixo impacto ambiental medido en pegada de carbono, así como aquelas solucións construtivas que integren criterios de redución e reutilización de residuos e a circularidade e industrialización.
A puntuación será a seguinte:
– Utilización de produtos de madeira con finalidade estrutural ou na envolvente da edificación (fachadas, portas exteriores ou fiestras exteriores): 5 puntos
– Utilización de técnicas que reduzan os residuos da construción e reutilicen ou reciclen en máis dun 70 %: 2,5 puntos
– Utilización de compoñentes industrializados nas solucións construtivas, polo menos nun 10 % do PEM: 2,5 puntos
c) Criterios relativos ao perceptor da axuda e/ou empresa que contrata ao traballador:
c.1) Relación entre o investimento total e a axuda solicitada.
Valorarase a proporción do investimento total que será financiado con fondos propios ou con outras fontes distintas da subvención, premiando un maior esforzo investidor por parte do beneficiario.
A puntuación será a seguinte:
– Igual ou superior ao 60 % do investimento total: 10 puntos.
– Entre o 40 % e o 59 % do investimento total: 7,5 puntos.
– Entre o 25 % e o 39 % do investimento total: 5 puntos.
c.2) Actividade económica da empresa empregadora.
Valorarase que o sector de actividade desenvolto pola empresa empregadora dos traballadores que ocuparán a vivenda rehabilitada pertenza a aquelas actividades declaradas estratéxicas para Galicia por Acordo do Consello da Xunta do 29 de febreiro de 2024, así coma as actividades agroalimentarias, pesqueiras, forestais ou de coidados de maiores, pola súa contribución ao desenvolvemento económico, á cohesión territorial e á fixación de poboación no ámbito comarcal.
A puntuación será a seguinte:
– Empresa pertencente a algún dos sectores estratéxicos declarados pola Xunta de Galicia –automoción, naval, metalmecánico, textil-moda, TIC e industrias culturais– ou dedicada aos sectores agroalimentario, pesqueiro, forestal ou de coidados de maiores: 5 puntos.
d) Participación nos programas Retorna Cualifica Emprego e Bolsas Excelencia Mocidade Exterior:
No caso de vivendas destinadas a vivenda habitual de persoas con contrato de traballo derivado da súa participación nos programas Retorna Cualifica Emprego e Bolsas Excelencia Mocidade Exterior, que cumpran os requisitos mínimos exixidos nesta orde, a puntuación será de 10 puntos.
2. A puntuación final das persoas candidatas obterase coa suma das puntuacións obtidas en cada epígrafe.
3. No caso de que máis dunha solicitude obtivese a mesma puntuación, utilizaranse como criterio de desempate a data e hora de presentación das solicitudes, prevalecendo a solicitude cuxa data e hora de presentación fose anterior segundo conste no Rexistro Electrónico Xeral.
Artigo 18. Audiencia
1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e as xustificacións que consideren pertinentes.
2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas entidades interesadas.
Artigo 19. Resolución e notificación
1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución que será elevada á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais.
Na proposta de resolución constarán, de ser o caso:
a) As solicitudes inadmitidas a trámite co motivo de inadmisión.
b) As solicitudes que desisten da súa petición.
c) As solicitudes desestimadas coas causas de desestimación.
d) As solicitudes estimadas por orde de prelación con indicación separada, de ser o caso:
– Das solicitudes que se propoñen para obter a subvención ata o esgotamento de crédito.
– Das solicitudes que, sendo subvencionables, quedan en reserva por falta de crédito.
Estas solicitudes quedarán en reserva para ser atendidas, de ser o caso, ben co crédito que quede libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados ben co incremento do crédito orzamentario destinado a estas subvencións.
A proposta de resolución deberá incluír, así mesmo, o prazo máximo dentro do cal deberá executarse a actuación subvencionada, que en ningún caso poderá exceder os dezaoito meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.
2. A persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, á vista da proposta formulada polo órgano instrutor, ditará a correspondente resolución que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, as causas da desestimación ou inadmisión.
A resolución deberá incluír, así mesmo, o prazo máximo dentro do cal deberá executarse a actuación subvencionada, que en ningún caso poderá exceder os dezaoito meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.
Na resolución indicarase o importe da axuda, expresado en equivalente bruto da subvención, e o seu carácter de axuda de minimis en aplicación do Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15.12.2023, serie L).
En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.
3. A resolución será notificada individualmente ás persoas beneficiarias, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45 da mesma lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia.
4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás entidades interesadas será de 3 meses contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
O prazo máximo de 3 meses para resolver e notificar a resolución é común para os dous procedementos.
Artigo 20. Réxime de recursos
As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Artigo 21. Modificación da resolución de concesión
1.Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
2. O órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:
a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.
b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.
c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supoñan a desestimación da axuda ou subvención.
3. A entidade beneficiaria deberá solicitar a modificación mediante instancia dirixida á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite de 10 días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento subvencionado, sen prexuízo do disposto no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo órgano concedente despois da instrución do correspondente expediente, en que se dará audiencia ás entidades interesadas na forma prevista no artigo 15 destas bases reguladoras.
5. En todo caso, a modificación da resolución de concesión realizarase nos termos do artigo 35 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Artigo 22. Renuncia
A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
A persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da mesma lei.
Artigo 23. Obrigas das persoas beneficiarias
1. As persoas beneficiarias das subvencións adquiren os compromisos e obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable.
2. Son tamén obrigas mínimas das persoas beneficiarias as seguintes:
a) Executar a actuación que fundamenta a concesión da subvención no prazo establecido na resolución de concesión, que en ningún caso poderá exceder os dezaoito meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, cumprindo as condicións e prescricións que nela se establezan.
b) Alugar a vivenda rehabilitada durante o prazo mínimo legal establecido na normativa relativa a arrendamentos urbanos ou ceder o seu uso por un prazo mínimo de cinco anos, de conformidade co establecido no artigo 1 desta orde.
No caso de que o contrato de traballo da persoa á que se alugue ou ceda o uso da vivenda finalice antes do fin do prazo mínimo sinalado no parágrafo anterior, a entidade beneficiaria desta subvención deberá alugar ou ceder o uso da vivenda a outra persoa traballadora no prazo máximo de seis meses, priorizando a aqueles que tivesen participado nos programas Retorna Cualifica Emprego e Bolsas Excelencia Mocidade Exterior.
c) Conservar todos os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.
d) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización das actuacións definidas no artigo 3 e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.
e) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como a documentación xustificativa da aplicación dos fondos recibidos, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.
g) Manter rexistros contables independentes ou empregar códigos de contabilidade apropiados para todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados.
h) Comunicar ao órgano convocante a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos concorrentes que financien as actuacións, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a dita concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a solicitude de pagamento coa xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. O incumprimento desta obriga considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.
i) Dar axeitada publicidade do carácter público do financiamento, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Así, en todo tipo de publicidade e información relativos á actuación subvencionada terá que constar a condición de subvencionada pola Xunta de Galicia.
j) Subministrar toda a información necesaria para que o órgano concedente poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei. Así como facilitar calquera outra información relacionada coa medición dos indicadores dos instrumentos de planificación que sexan de aplicación.
l) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
m) No caso de opoñerse á consulta por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ou no suposto de non prestar o consentimento a que se refire o artigo 12 desta orde, deberán presentar certificado de estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias e coa Seguridade Social, e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, e de que están ao día no pagamento das obrigacións por reintegro de acordo co disposto no artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
Artigo 24. Obriga de comunicación anual de datos
Co fin de garantir o cumprimento da obriga prevista no artigo 23.2.b), relativa a alugar ou ceder o uso da vivenda rehabilitada ás persoas con contrato de traballo durante o prazo mínimo establecido no referido artigo, a persoa beneficiaria deberá achegar, acompañado de escrito dirixido á Subdirección Xeral de Emprego, durante o primeiro trimestre de cada ano en que estea obrigado a manter o alugamento ou cesión, a seguinte documentación:
a) Contrato de alugamento ou de cesión de uso da vivenda obxecto da rehabilitación.
b) Contrato de traballo da persoa a que se vai destinar, como vivenda habitual, a vivenda obxecto da rehabilitación.
O incumprimento desta obriga poderá ser causa de perda e posterior reintegro segundo o disposto no artigo 29.3 desta orde.
Artigo 25. Requisitos da vivenda obxecto da actuación subvencionable
1. A vivenda deberá estar situada na Comunidade Autónoma de Galicia, e deberá reunir as condicións adecuadas de habitabilidade e mantemento no momento de ofrecela en alugamento ou cesión de uso.
2. As vivendas poderán ser unifamiliares ou edificios residenciais colectivos inacabados ou que se encontren en situación de esqueleto inmobiliario.
3. A vivenda que será obxecto da actuación subvencionable deberá dispor dunha superficie útil mínima de 90 m² se se trata de vivenda unifamiliar e de 70 m² se se trata de vivenda que forme parte dun edificio residencial colectivo inacabado ou que se encontre en situación de esqueleto inmobiliario.
4. A vivenda obxecto da actuación subvencionable non poderá estar situada a unha distancia superior a 15 quilómetros do centro de traballo onde estea contratada a persoa traballadora destinataria da vivenda.
5. A vivenda deberá destinarse a alugamento ou cesión de uso durante o prazo mínimo establecido no artigo 23.2.b).
6. A renda mensual da vivenda ou o prezo de cesión, de ser o caso, da vivenda obxecto do contrato de alugamento ou de cesión non poderá superar os seguintes importes, previstos no Programa Fogar Vivo do Instituto Galego da Vivenda e Solo, dependendo do concello en que estea situada:
|
Importe da renda mensual de alugamento |
Concellos |
|
650 |
– Baiona, Nigrán, Sanxenxo. |
|
600 |
– Sada. – Mos e Poio. |
|
550 |
– Ares, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Cedeira, Cee, Fene, Melide, Mugardos, Neda, Noia, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume e Teo. – Burela, Cervo, Chantada, Foz, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro. – Allariz, A Rúa, O Barco de Valdeorras, Barbadás, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia. – Bueu, Cambados, Gondomar, O Grove, A Illa de Arousa, Moaña, Pontecesures, Tui e Vilanova de Arousa. |
|
450 |
O resto de concellos de Galicia. |
Nesta renda ou prezo non se inclúe o importe que poida corresponder a gastos de comunidade e/ou anexos, tales como prazas de garaxe, rochos ou similares, no seu caso.
Artigo 26. Pagamentos á conta
1. Segundo o previsto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 62 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, tras a resolución de concesión a persoa beneficiaria poderá solicitar pagamentos a conta debidamente xustificados. Estes pagamentos á conta poderán supoñer a realización de pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas, aboándose por contía equivalente á xustificación presentada ata a porcentaxe establecida no parágrafo seguinte.
O importe dos pagamentos á conta concedidos non poderán superar o 80 % da porcentaxe subvencionada e non poderán exceder a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.
A porcentaxe restante, ou a parte que corresponda, librarase logo da xustificación por parte das persoas beneficiarias do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta resolución.
2. A concesión do pagamento á conta quedará condicionada ao cumprimento, por parte da persoa física ou xurídica ou concello beneficiario, dos requisitos establecidos no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Estes pagamentos deberán ser solicitados polas persoas físicas ou xurídicas ou concellos beneficiarios mediante o modelo que se recolle no anexo II.
As persoas físicas e xurídicas que presentaran solicitude de axuda para o procedemento TR358E e soliciten pagamentos á conta deberán achegar xunto co anexo II, e sempre que non o teñan achegado con anterioridade, a licenza municipal, no caso de que esta sexa necesaria pola actuación a levar a cabo e, de ser o caso, as autorizacións sectoriais preceptivas.
4. O órgano concedente poderá solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación da execución da actuación subvencionada que considere convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que a persoa beneficiaria os presentase, o órgano convocante iniciará o correspondente procedemento de decaemento no dereito de cobramento.
5. En aplicación do artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan eximidas da obriga de constituír garantías para a realización e cobramento dos pagamentos á conta.
Artigo 27. Xustificación final da subvención e pagamento
1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, no prazo máximo de tres meses desde a data de obtención do certificado de fin de obra, e na forma sinalada no artigo 14 da convocatoria, da documentación prevista nos puntos 3 e 4 deste artigo.
2. Non se admitirá a presentación de documentación xustificativa da subvención con posterioridade ao 15 de novembro de 2027.
3. Para o pagamento da subvención deberá achegarse a seguinte documentación común para os procedementos TR358E e TR358F:
a) Solicitude de pagamento debidamente cuberta e asinada pola persoa beneficiaria conforme o anexo III, que incluirá unha declaración complementaria e actualizada na data da xustificación de todas as axudas ou subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas, para a mesma finalidade das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou, de ser o caso, declaración de que non foron solicitadas outras axudas ou subvencións.
b) Memoria económica xustificativa do custo das actuacións realizadas, en que se faga constar o cumprimento das actuacións que lle corresponda xustificar. Conterá a relación clasificada de gastos polas actuacións realizadas, coas correspondentes facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, onde consten a identificación da persoa acredora, o seu importe e a súa data de emisión, así como os documentos que xustifiquen o seu pagamento. Para estes efectos, o seu pagamento deberá xustificarse mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola persoa solicitante.
c) Memoria explicativa das obras realizadas, asinada, de ser o caso, por persoa técnica competente.
d) Fotografías que mostren as obras executadas, preferentemente en cor, que permitan apreciar o estado da vivenda e nas cales se mostre, ademais, o cartel publicitario de tamaño suficiente para que sexa perfectamente visible e lexible, en que conste a denominación do programa, o importe da axuda concedida e a marca da Xunta de Galicia.
e) Copia de tres orzamentos, de conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no suposto de que o importe do gasto subvencionable da actuación supere as contías establecidas na normativa de contratos do sector público para o contrato menor. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
f) Certificado de fin de obra.
g) Póliza do seguro por impago de alugamento ou de renda por cesión de uso contratado, de ser o caso, en que figure desagregado o importe das distintas coberturas e, especificamente, a cobertura por impago, así como xustificante de pagamento deste.
h) Contrato de alugamento ou de cesión de uso da vivenda obxecto da rehabilitación.
i) Contrato de traballo da persoa a que se vai destinar, como vivenda habitual, a vivenda obxecto da rehabilitación, no caso de non telo achegado anteriormente coa presentación da solicitude da axuda.
j) Depósito da fianza do alugamento no Instituto Galego da Vivenda e Solo, de acordo coa normativa vixente.
4. A maiores da documentación anterior, as persoas físicas e xurídicas que presentaran solicitude de axuda para o procedemento TR358E deberán achegar, sempre que non o teñan achegado anteriormente, a licenza municipal, no caso de que esta sexa necesaria pola actuación a levar a cabo e, de ser o caso, as autorizacións sectoriais preceptivas.
5. No caso de opoñerse á consulta por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ou no suposto de non prestar o consentimento a que se refire o artigo 12 desta orde, deberán presentar certificado de estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias e coa Seguridade Social, e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, e de que están ao día no pagamento das obrigacións por reintegro de acordo co disposto no artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
6. Unha vez presentada a documentación xustificativa e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, procederase ao pagamento.
7. No caso de que o ritmo de execución das obras fose diferente ao establecido na resolución de concesión, poderán reaxustarse as anualidades, logo de solicitude da persoa beneficiaria, mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria para a súa realización.
8. Os pagamentos da subvención realizaranse mediante transferencia bancaria na conta de titularidade da persoa beneficiaria.
As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto. En caso de concorrencia con outras subvencións ou axudas, observarase o establecido no artigo 28 desta orde.
9. Ao abeiro do disposto no artigo 55 do Decreto 11/2009 polo que se regula o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, e no artigo 79 do Regulamento da Lei xeral de subvencións, as persoas beneficiarias estarán dispensadas da obriga de presentación de libros, rexistros e documentos de transcendencia contable ou mercantil ou calquera outra documentación xustificativa dos gastos realizados, sen prexuízo da obrigación do beneficiario de conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das correspondentes actuacións de comprobación e control, segundo dispón o artigo 14.1.g) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, así como de calquera outra obrigación derivada da normativa estatal ou da Unión Europea que así o exixa.
10. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito á cobranza total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, segundo o establecido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da devandita lei.
11. A Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, logo de solicitude da persoa beneficiaria, poderá autorizar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non poderá exceder a metade deste e sempre que non se prexudiquen dereitos de terceiros. En todo caso, o prazo de xustificación, incluída a ampliación, deberá permitirlle ao órgano concedente a verificación do cumprimento dos requisitos fixados na presente orde dentro do exercicio orzamentario.
Artigo 28. Réxime de compatibilidades
As axudas concedidas ao abeiro desta orde serán compatibles con calquera outra outorgada polas distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais, da Unión Europea ou internacionais, para o mesmo obxecto sen que en ningún caso poidan ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, superen o custo total da actividade subvencionada.
En particular, estas axudas serán compatibles coas dos programas de axudas para a rehabilitación de vivendas de titularidade municipal e Fogar Vivo do Instituto Galego da Vivenda e Solo.
Artigo 29. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas
1. Nos supostos de falta de xustificación, de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou de incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondentes.
2. Poderá ser causa de perda e posterior reintegro, ademais, a resolución do arrendamento ou da cesión de uso antes do cumprimento do prazo mínimo establecido no artigo 23.2.b) sen que se teña formalizado un novo contrato de arrendamento ou se ceda o uso da vivenda no prazo de seis meses desde a resolución anticipada, salvo que nela concorran circunstancias de forza maior ou debidamente xustificadas. Neste caso, aplicarase unha porcentaxe de reintegro do 5 % sobre o importe de subvención concedida por cada dous meses que excedan os seis anteriormente citados dentro do período mínimo de alugamento ou cesión de uso exixido nesta orde.
3. Poderá ser causa de perda e posterior reintegro, así mesmo, o incumprimento da obriga recollida no artigo 24 desta orde.
4. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de pagamento da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. Sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, o órgano concedente poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:
a) No caso de condicións referentes á contía ou aos conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de executar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, se é o caso, deberanse reintegrar as cantidades percibidas na dita proporción.
b) Suporá o reintegro dun 10 % da subvención concedida o incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para o mesmo programa.
c) Suporá o reintegro dun 10 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente.
d) Procederá o reintegro dun 2 % do importe da axuda concedida no caso do incumprimento das obrigas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no artigo 23.2 destas bases reguladoras.
e) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento dos fins para os que se concedeu a subvención ou da obriga da xustificación e dará lugar á perda do dereito ao seu cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.
Artigo 30. Devolución voluntaria da subvención
De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, en concepto de devolución voluntaria da subvención.
En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.
Artigo 31. Fraude, corrupción e conflito de intereses
Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con actuacións financiadas total ou parcialmente con cargo a fondos no marco da presente convocatoria poderá poñer estes feitos en coñecemento da Xunta de Galicia, a través da canle de denuncias da Xunta de Galicia de comunicación de información en materia de integridade institucional, dispoñible na seguinte ligazón: https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias
Así mesmo, serán de aplicación ás actuacións desenvolvidas ao abeiro da presente orde as medidas recollidas no Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais.
Artigo 32. Fiscalización e control
As persoas beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de control, incluída a consulta aos sistemas de información, que realice o órgano convocante, con anterioridade ou posterioridade á concesión da subvención, para o seguimento dos proxectos aprobados e do efectivo cumprimento das obrigas e compromisos da persoa beneficiaria, e ás de comprobación material e control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás do Tribunal de Contas Europeo, da Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF) ou da Fiscalía Europea.
Así mesmo, as persoas beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de comprobación e control e facilitarán toda a información requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.
Artigo 33. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigacións de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigacións previstas no título I da citada lei.
Artigo 34. Protección de datos
1. Coa presentación da solicitude, a persoa solicitante autoriza o tratamento necesario dos datos persoais para a publicación das axudas percibidas, de conformidade coa normativa vixente en materia de publicidade das subvencións.
2. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
Disposición adicional primeira. Delegación de competencias
Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obrigación e propoñer os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións concedentes de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.
Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións
De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións (BDNS) a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde
Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 5 de maio de 2026
|
José González Vázquez |
María Martínez Allegue |
