DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Martes, 19 de maio de 2026 Páx. 29078

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur

ANUNCIO da convocatoria de axudas intramurais destinadas á investigación e á formación para o exercicio 2026 (código de procedemento SA202I).

A Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur, tendo en conta o seu ámbito fundacional, convoca axudas de carácter intramural para o ano 2026, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á realización de estadías en centros de investigación especializados e de recoñecido prestixio, segundo as bases reguladoras aprobadas pola Orde do 16 de decembro de 2025 (DOG núm. 252, do mércores 31 de decembro).

As persoas investigadoras interesadas presentarán a súa solicitude (anexo I) obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365), para o que se habilitará unha ligazón na Guía de procedementos e servizos co código SA202I.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

A convocatoria poderase consultar na sede da Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur ou na web: https://www.fundacionbiomedica.es/convocatorias-propias

Vigo, 7 de maio de 2026

Francisco Javier Puente Prieto
Presidente da Fundación Pública Galega
de Investigación Biomédica Galicia Sur