DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Mércores, 20 de maio de 2026 Páx. 29336

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

ACORDO do 24 de abril de 2026, do Departamento Territorial da Coruña, de levantamento das actas previas á ocupación de bens e dereitos afectados por unha instalación eléctrica no concello de Rianxo (expediente IN407A 2023/123-1).

Outorgada a declaración de utilidade pública que leva implícita a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola instalación eléctrica denominada Modificado 1 LMT, CT e RBT Ourolo, no concello de Rianxo (expediente IN407A 2023/123-1), por Resolución deste departamento territorial, do 20 de febreiro de 2026, a favor da entidade beneficiaria UFD Distribución Electricidad, S.A., con enderezo en avenida de Arteixo, 171, 15008 A Coruña.

Este departamento territorial, de conformidade cos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 56 do seu regulamento, do 26 de abril de 1957, acorda sinalar o día 30 de xuño de 2026 para o levantamento das actas previas á ocupación, en que se describirán os bens ou dereitos expropiables e de imposición de servidume de paso de enerxía eléctrica, contidos na relación de predios que se exporán xunto con esta resolución no taboleiro de edictos do Concello de Rianxo, deducida da que se someteu a información pública no DOG do 6.5.2025, no BOP do 16.4.2025 e no xornal La Voz de Galicia do 11.4.2025, acto ao cal deberán concorrer as persoas propietarias ou titulares de dereitos sobre os predios propostos como afectados, ás cales se lles practicará notificación individual sinalándoselles os horarios de toma de datos sobre o terreo e posterior levantamento efectivo das actas na oficina da casa consistorial do dito concello.

Así mesmo, cando as persoas propietarias ou titulares de dereitos sobre os predios afectados sexan descoñecidas ou se ignore o lugar de notificación ou ben, intentada esta, non se puidese efectuar, publicarase un anuncio desta convocatoria no taboleiro de edictos único (TEU) do Boletín Oficial del Estado.

A Coruña, 24 de abril de 2026

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña