Con data do 6 de xuño de 2022 a Xunta de Goberno aprobou inicialmente o Plan especial de ordenación do Camiño Francés (PE-3), elaborado polo Consorcio de Santiago de Compostela.
Como resultado das alegacións formuladas no trámite de participación pública e dos informes emitidos por outras administracións, elaborouse un documento reformado de aprobación provisional no cal se introducen varios cambios respecto do aprobado inicialmente o 6 de xuño de 2022.
Nova exposición pública.
Consonte o previsto no artigo 75.1.c) da Lei 2/2016, do solo de Galicia, a Xunta de Goberno Local en sesión do 9 de decembro de 2025 acordou abrir un novo trámite de información pública sobre as modificacións propostas antes de adoptar o acordo de aprobación provisional.
Durante o prazo de dous meses, contado a partir da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior difusión na provincia, calquera persoa poderá formular alegacións sobre o contido das modificacións propostas.
Consulta da documentación.
A documentación sometida a exposición pública pode consultarse no seguinte enderezo da páxina web do Concello de Santiago de Compostela: https://is.gd/z4hD4g
Tamén poderá consultar o documento reformado de forma presencial nas oficinas do Consorcio de Santiago de Compostela, sitas no número 59 da Rúa do Vilar, de luns a venres, previa cita no teléfono 981 57 47 00.
Presentación de alegacións.
As persoas que desexen formular alegacións sobre os cambios introducidos dispoñen dun prazo de dous (2) meses, contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio. Este prazo finalizará no mes do vencemento o mesmo día en que se produciu a publicación, consonte o disposto no artigo 30.4 da Lei 39/2015 do procedemento administrativo común (1).
As alegacións deberán formularse por escrito, a través de calquera dos medios relacionados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e indicando no escrito o seguinte número de identificación do procedemento: 2021/00046533Q.
As alegacións poderán presentarse na sede electrónica do Concello de Santiago de Compostela, na epígrafe «Catálogo de trámites» a través do trámite «Presentación de documentación e alegacións» e da opción «Achega libre». Deberase introducir o dato 2021/00046533Q no campo «Referencia» e incorporar o documento das alegacións.
As persoas xurídicas, así como as persoas físicas que as representen, só poderán presentar a súa alegación por medios electrónicos.
(1) Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Santiago de Compostela, 7 de abril de 2026
A alcaldesa
P.D. (DEC/2023/8135, do 17 de xuño de 2023)
Iago Lestegás Tizón
Concelleiro delegado de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica
