DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Xoves, 21 de maio de 2026 Páx. 29424

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 7 de maio de 2026, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se fai pública a orde de aprobación definitiva parcial do Plan básico municipal de San Xoán de Río.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 156.5 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva parcial do Plan básico municipal de San Xoán de Río (Ourense), mediante a Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas do 6 de maio de 2026, que figura como anexo.

Unha vez inscrito o Plan básico municipal de San Xoán de Río no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra do documento, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:

https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/buscador

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:

https://medioambiente.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Avaliacion_ambiental?content=SX_Calidade_Avaliacion_Ambiental/AAE/Avaliacion_ambiental_estratexica.html

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2026

María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo

ANEXO

Orde de aprobación definitiva parcial do Plan básico municipal do Concello de San Xoán de Río (Ourense)

De conformidade co previsto no artigo 63 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, os plans básicos municipais son os instrumentos de planeamento urbanístico que se redactarán, en desenvolvemento do Plan básico autonómico de Galicia, para os concellos de menos de 5.000 habitantes que non conten cun instrumento de planeamento xeral.

Os plans básicos municipais constitúen unha ordenación básica, cuxa formulación, tramitación e aprobación corresponde á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e que estará vixente ata que xurdan iniciativas ou razóns determinantes dunha maior complexidade urbanística que aconsellen a formulación dun plan xeral de ordenación municipal polo concello.

Mediante o Decreto 83/2018, do 26 de xullo, aprobouse o Plan básico autonómico de Galicia (DOG núm. 162, do 27 de agosto), que foi obxecto de nove actualizacións, a última delas aprobada mediante a Resolución da directora xeral de Urbanismo do 15.12.2025 (DOG núm. 244, do 18 de decembro, coa corrección de erros do 13.1.2026 (DOG núm. 17, do 27 de xaneiro).

O 6.3.2018, o Concello de San Xoán de Río remitiu un escrito á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en que solicitaba a redacción do Plan básico municipal (PBM) do seu termo municipal por parte da consellería competente en materia de urbanismo.

Analizado o documento redactado e tramitado regulamentariamente; e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo o 23.3.2026, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de San Xoán de Río, de menos de 5.000 habitantes (510 habitantes no ano 2025 segundo a información do Instituto Nacional de Estatística), non conta cun planeamento urbanístico xeral, senón unicamente cunha delimitación de núcleo rural no asentamento de Mouruás, aprobada definitivamente o 28.5.2007 (DOG núm. 127, do 4 de xullo).

Asemade, consta no concello un expediente de recoñecemento da preexistencia dun núcleo rural no asentamento de Cerdeira (2005).

2. En atención ao exposto, o Concello de San Xoán de Río cumpre cos requisitos que o artigo 63.1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, exixe para poder redactar un plan básico municipal no seu termo municipal.

II. Marco normativo.

Na redacción e tramitación do PBM tense en conta, ademais da normativa sectorial aplicable, a seguinte normativa urbanística autonómica:

– Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (en diante, LSG).

– Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o regulamento da Lei 2/2016,do 10 de febreiro, do solo de Galicia (en diante, RLSG).

– Decreto 83/2018, do 26 de xullo, polo que se aproba o Plan básico autonómico de Galicia (en diante, PBA).

– Orde do 10 de outubro de 2019 pola que se aproban as normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia (en diante, NNTTPP).

O artigo 63.1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, define os plans básicos municipais como «os instrumentos de planeamento urbanístico dun termo municipal completo, que se redactarán en desenvolvemento do Plan básico autonómico para os concellos de menos de 5.000 habitantes que non conten cun instrumento de planeamento xeral ...».

Os referidos plans teñen por obxecto «... a delimitación dos núcleos rurais existentes e dos terreos que reúnan os requisitos exixidos para seren clasificados como solo urbano consolidado. Os plans básicos municipais categorizarán o solo rústico, segundo as delimitacións das afeccións establecidas no Plan básico autonómico».

O procedemento para a aprobación do PBM regúlase no artigo 64 da LSG e no artigo 156 do RLSG.

III. Tramitación.

1. O 9.7.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (hoxe Dirección Xeral de Urbanismo) solicitou iniciar a avaliación ambiental estratéxica simplificada do PBM de San Xoán de Río. Xunto coa solicitude enviou o borrador do plan e o documento ambiental estratéxico, que cumpre co contido regulado no artigo 29 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

2. O 22.7.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático iniciou o período de consultas previas á formulación do Informe ambiental estratéxico (IAE), polo prazo de dous meses.

Constan nese trámite as seguintes consultas recibidas:

Augas de Galicia.

• Instituto de Estudos do Territorio.

• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

• Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

• Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

• Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

• Axencia Galega de Infraestruturas.

• Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

• Dirección Xeral de Mobilidade.

• Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (recibida de xeito posterior á emisión do informe ambiental estratéxico).

Segundo consta no IAE, tamén se realizaron consultas previas á Dirección Xeral de Defensa do Monte, á Deputación de Ourense e ao Concello de San Xoán de Río, ben que estes organismos non responderon.

Do mesmo xeito, o documento estivo publicado na web do órgano ambiental para que o público en xeral puidese consultalo e facer observacións de contido ambiental, e recibíronse as observacións dun particular.

3. Tras este período de consultas previas, o 20.10.2020 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu a resolución pola que se formula o IAE do PBM de San Xoán de Río (DOG núm. 222, do 3 de novembro), en que conclúe non someter este PBM ao procedemento de avaliación ambiental ordinaria.

4. Con independencia do trámite ambiental e con carácter previo á aprobación inicial do PBM, o 13.8.2020 solicitóuselle o informe sectorial preceptivo á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, que foi recibido o 30.9.2020.

5. O 17.11.2020 solicitouse un certificado do Catastro mineiro relativo aos dereitos mineiros no concello de San Xoán de Río, que foi recibido o 25.11.2020.

6. O PBM de San Xoán de Río foi aprobado inicialmente pola Resolución da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 1.3.2021.

O documento foi sometido a información pública por un prazo de dous meses contados a partir da publicación do anuncio no DOG núm. 51, do 16.3.2021 e en dous dos xornais de maior difusión na provincia (La Voz de Galicia e La Región) na mesma data.

O documento estivo dispoñible para a súa consulta no Servizo de Urbanismo da Xefatura Territorial de Ourense, no Concello de San Xoán de Río e na web de documentos en información pública da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (hoxe https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/transparencia/procedementos-informacion-publica/urbanismo-territorio).

7. O 9.3.2021 solicitáronse os informes sectoriais preceptivos ás administracións competentes e o informe determinante do Concello de San Xoán de Río. Na mesma data enviouse a comunicación preceptiva prevista no artigo 189 da Lei 3/2003, de patrimonio das administracións públicas, e a prevista no artigo 101 da Lei 5/2011, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

8. Foron recadados os informes dos seguintes organismos ou administracións (indícase unicamente a data de recepción do último informe de cada organismo):

Organismo/Administración

Data de recepción do informe último

Dirección Xeral de Emerxencias e Interior

12.3.2021

Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático. Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación

15.3.2021

Secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Subdirección Xeral de Planificación, Rede Traseuropea Loxística

17.3.2021

Ministerio de Defensa. Dirección Xeral de Infraestrutura

29.3.2021

Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio. Servizo de Investigación Patrimonial e Obras

29.3.2021

Redes de Telecomunicación Galegas-Retegal, S.A.

30.3.2021

Servizo de Enerxía e Minas da Dirección Territorial de Ourense (enerxía)

5.4.2021

Augas de Galicia

24.5.2021

Delegación do Goberno

10.6.2021

Instituto de Estudos do Territorio. Servizo de Planificación da Paisaxe

22.6.2021

Dirección Xeral do Patrimonio Natural

7.9.2021

Axencia Galega de Infraestruturas

7.2.2022

7.6.2024 (achegan unha actualización da normativa)

Dirección Xeral do Patrimonio Cultural

7.3.2022

Servizo de Enerxía e Minas da Dirección Territorial de Ourense (minas)

25.3.2022

Deputación Provincial de Ourense

30.3.2022

Confederación Hidrográfica do Miño-Sil

10.4.2025

Secretaría Xeral de Telecomunicacións, Infraestruturas Dixitais e Seguridade Dixital

12.9.2025

Servizo de Montes da Dirección Territorial de Ourense

2.10.2025

Concello de San Xoán de Río

4.3.2026

9. Respecto do informe da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil recibido o 10.4.2025 (núm. rex. 2025/1042259), algunhas das súas conclusións teñen carácter favorable condicionado ou desfavorable. Así, respecto deste informe e de cara á aprobación definitiva do documento deben terse en conta os seguintes pronunciamentos do organismo sectorial (transcritos en letra cursiva):

• No relativo ao abastecemento:

«2. O pronunciamento favorable en canto á dispoñibilidade xurídica dos recursos hídricos necesarios para o desenvolvemento do plan que se informa no núcleo de 0906 Vilardá, que queda condicionado á legalización da situación (prazo concesional expirado, pero sen extinción)».

• No relativo ao saneamento:

«7. O pronunciamento favorable en canto ao destino dos novos caudais de augas residuais derivados do desenvolvemento do planeamento que se informa nos núcleos de 0107 Seoane, 0702 A Alenza, 0703/0704/0712 O Campo/Cerniza/A Torre Vella, 0706 Fondo de Vila e 0709 A Pousa, que queda condicionado á obtención da modificación de características das autorizacións de vertedura con números de expediente V/3200221A e V/32/00221B, de forma que se incremente o volume de vertedura de augas residuais para incluír os volumes previstos a teíto do PBM (2.491 m³/ano e 16.267 m³/ano respectivamente), de acordo co referido nas consideracións da epígrafe II.1.2.2 deste informe.

8. O pronunciamento favorable en canto ao destino dos novos caudais de augas residuais derivados do desenvolvemento do planeamento que se informa nos núcleos de 0901 Zamba, 0905 Toutelle, 0906 Vilardá, 0306 Valados, 0404 Cima de Vila, 0505 San Xulián e 0711 San Miguel, que queda condicionado á obtención das autorizacións de vertedura cos números de expediente V/32/00221H, V/32/00221K, V/32/00221L, V/32/00221J, V/32/00221F, V/32/00221C e V/32/00221N en tramitación, cos volumes solicitados, de acordo co referido nas consideracións da epígrafe II.1.2.2 deste informe.

9. O pronunciamento desfavorable en canto ao destino dos novos caudais de augas residuais derivados do desenvolvemento do planeamento que se informa nos núcleos de 0101/0102 Acevido/Casdelope, 0103 As Cortes, 0106 Sanfitoiro, 0202 San Silvestre, 0307 O Xunquedo, 0502 Cerdeira, 0601 Arboiro, 0602 Medos, 0705 Domecelle, 0801/0802 O Barreal/O Carballo, 0803 Pacios de San Xurxo e 0903 Santa Cruz, sendo necesaria a tramitación da correspondente autorización de vertedura».

• Á vista disto, non contan con pronunciamento favorable do organismo de bacía os seguintes núcleos rurais delimitados no PBM de San Xoán de Río: 0101/0102 Acevido/Casdelope; 103 Cortes, As; 106 Sanfitoiro; 107 Seoane; 202 San Silvestre; 306 Valados; 307 Xunquedo, O; 404 Cima de Vila; 502 Cerdeira; 505 San Xulián; 601 Arboiro; 602 Medos; 702 Alenza, A; 0703/0704/0712 Campo, O/Cerniza/ Torre Vella, A; 705 Domecelle; 706 Fondo de Vila; 709 Pousa, A; 711 San Miguel; 0801/0802 Barreal, O/Carballo, O; 803 Pacios de San Xurxo; 901 Cambela; 903 Cruz, A; 905 Toutelle e 906 Vilardá.

10. O 4.3.2026 recibiuse un certificado do secretario-interventor do Concello de San Xoán de Río, en que se acredita que o Pleno Municipal, na sesión extraordinaria do 2.3.2026, acordou a emisión con carácter favorable do informe determinante do Plan básico municipal de San Xoán de Río.

11. Durante o período de información pública recibíronse un total de 84 alegacións; destas, 72 foron presentadas no Rexistro Xeral do Concello de San Xoán de Río, 4 no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia e 8 chegaron por correo electrónico ao enderezo da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

Consta no expediente un informe das alegacións recibidas, asinado o 9.3.2026. Asemade, consta no documento do PBM un anexo xustificativo da súa integración que se avalía nun punto posterior deste informe.

Considerando o total de 84 alegacións recibidas, foron estimadas total ou parcialmente arredor do 76 %, segundo os datos que constan no expediente:

Total

84

100 %

Estimadas

41

48,80 %

Estimadas parcialmente

23

27,40 %

Desestimadas

20

23,80 %

12. O 10.3.2026, a Subdirección Xeral de Apoio Xurídico e Xestión Económica e a Subdirección Xeral de Urbanismo propuxeron emitir o informe favorable sobre o PBM de San Xoán de Río para a súa aprobación definitiva parcial, deixando en suspenso os seguintes solos de núcleo rural ata que se cumpra o indicado no informe da Confederación hidrográfica do Miño-Sil recibido o 10.4.2025:

0101/0102 Acevido/Casdelope; 103 Cortes, As; 106 Sanfitoiro; 107 Seoane; 202 San Silvestre; 306 Valados; 307 Xunquedo, O; 404 Cima de Vila; 502 Cerdeira; 505 San Xulián; 601 Arboiro; 602 Medos; 702 Alenza, A; 0703/0704/0712 Campo, O/Cerniza/ Torre Vella, A; 705 Domecelle; 706 Fondo de Vila; 709 Pousa, A; 711 San Miguel; 0801/0802 Barreal, O/Carballo, O; 803 Pacios de San Xurxo; 901 Cambela; 903 Cruz, A; 905 Toutelle e 906 Vilardá.

13. O 17.3.2026, o Pleno da Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo acordou por unanimidade emitir un informe favorable sobre o Plan básico municipal de San Xoán de Río nos termos propostos.

IV. Informe.

1. O documento para aprobación definitiva do PBM de San Xoán de Río, datado en marzo de 2026, componse de dúas carpetas comprimidas, unha para cada soporte dixital preceptivo (PDF e editable):

• 32070_PBM_202603_AD_01PDF.

• 32070_PBM_202603_AD_02EDIT.

Acredítase a coincidencia entre os soportes mediante a declaración responsable asinada electronicamente polo equipo redactor, segundo o modelo do anexo 9 das NNTTPP.

2. En cumprimento do artigo 63.3 da LSG e do artigo 150 e seguintes do RLSG, o PBM de San Xoán de Río conta cos seguintes documentos:

a) Memoria xustificativa das súas determinacións (cartafol 01.MX).

b) Análise do modelo de asentamento poboacional (cartafol 02.AMAP).

c) Planos de información (cartafol 03.PINF).

d) Planos de ordenación urbanística (cartafol 04.PORD).

e) Catálogo de elementos que se deben protexer (cartafol 05.CAT).

f) Normativa urbanística (cartafol 06.NU).

Ademais, en relación con outra normativa aplicable:

Incorpora a documentación do trámite ambiental estratéxico simplificado (cartafol 07.AAE):

– Documento ambiental estratéxico.

– Alternativas ambientais 0, 1 e 2.

– Informe ambiental estratéxico.

– Extracto ambiental e medidas de seguimento.

• Inclúe a zonificación acústica do territorio, ao abeiro da Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, e do Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, do 17 de novembro, no referente á zonificación acústica, obxectivos de calidade e emisións acústicas, e do Decreto 106/2015, do 9 de xullo, sobre contaminación acústica de Galicia (cartafol 04.PORD).

• Contén un estudo da paisaxe, ao abeiro do Decreto 96/2020, do 29 de maio, polo que se aproba o regulamento da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia (cartafol 01.MX, como anexo á memoria xustificativa).

• Incorpora unha ficha de vixencia de planeamento, segundo o modelo do anexo 7 das NNTTPP (cartafol 01.MX, como anexo á memoria xustificativa).

• No tocante á normativa en materia de accesibilidade, o PBM é un documento non propositivo, sen documento económico, cuxas atribucións están limitadas ao recoñecemento das realidades existentes, polo que non formula propostas alternativas a itinerarios peonís adaptados, nos termos indicados no artigo 16 do Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento e execución da Lei de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. No tocante á toma en consideración no PBM de San Xoán de Río do resultado da súa tramitación urbanística, no punto 11 da memoria xustificativa (arquivo 32070_PBM_202603_AD_MX_02XUS) xustifícase a integración dos informes sectoriais recibidos antes da aprobación inicial. Así mesmo, constan dous anexos á memoria xustificativa (cartafol 01.MX) en que se acredita:

• A integración das consideracións e observacións emitidas nos informes sectoriais recibidos, así como no informe determinante do Concello de San Xoán de Río (arquivo 32070_PBM_202603_AD_MX_03.4ANX_INFSEC).

• A integración das alegacións recibidas durante o período de información pública (arquivo 32070_PBM_202603_AD_MX_03.5ANX_ALEGAC), en que se describe o solicitado e se argumenta e resolve sobre a súa estimación, estimación parcial ou desestimación.

En cumprimento da lexislación aplicable en materia de protección de datos, as alegacións recibidas codificáronse no devandito anexo mediante a expresión L8_001, L8_002. (lote 8 e numeración correlativa) e incorporáronse para a súa identificación a data de rexistro, o número de rexistro, o NIF anonimizado, a entidade de poboación, a parroquia e os datos catastrais, de ser o caso.

4. En relación coas determinacións reguladas no artigo 63.2 da LSG e no artigo 149 do RLSG, o PBM de San Xoán de Río:

• Non clasifica ningún ámbito como solo urbano consolidado, dado que o marcado carácter rural dos seus asentamentos fai que estes encaixen mellor na definición de solo de núcleo rural.

Delimita 49 núcleos rurais (artigo 63.2.a) da LSG e 149.a) do RLSG) nun total de nove parroquias, dos cales, segundo as fichas da AMAP, 30 son tradicionais (2 deles de tipo polinuclear) e os 19 restantes combinan partes tradicionais e comúns (2 deles de tipo polinuclear).

O PBM de San Xoán de Río non declara subsistente a delimitación de solo de núcleo rural de Mouruás, dado que opta por actualizar a súa delimitación adaptándoa á realidade física e parcelaria existente.

• Delimita o solo rústico e as súas distintas categorías, tanto o solo rústico de protección ordinaria coma os solos rústicos de especial protección resultantes da aplicación das lexislacións sectoriais con incidencia sobre San Xoán de Río (artigo 63.2.c) da LSG e 149.c) do RLSG), tendo en conta as afectacións sectoriais delimitadas no PBA, e as consideracións establecidas nos informes e consultas sectoriais recibidos. Así, categoriza terreos rústicos de especial protección forestal, de augas, de infraestruturas, paisaxística, de espazos naturais e patrimonial.

• Fixa o trazado da rede viaria pública existente e precisa o largo das vías e a sinalización de aliñacións (artigo 63.2.d) da LSG e 149.d) do RLSG).

• Contén unha normativa urbanística que reproduce no seu anexo I as ordenanzas reguladoras do Plan básico autonómico que resultan de aplicación para o territorio municipal de San Xoán de Río (artigo 63.2.e) da LSG e 149.e) do RLSG).

Sen prexuízo disto, o PBM incorpora o seu propio texto articulado, que regula condicións específicas para as infraestruturas de servizos co fin de cumprir a normativa vixente en materia de telecomunicacións (artigo 149.e) do RLSG).

Segundo consta na memoria do Catálogo de patrimonio cultural do PBM, as fontes de información para a identificación e catalogación dos elementos do patrimonio foron o catálogo do PBA e os elementos incorporados por proposta do propio PBM. Segundo consta nas fichas, o documento cataloga 44 elementos, que se desagregan do seguinte xeito:

Clasificación

Tipo

Núm. elementos

Afectacións

Bens de interese cultural (BIC)

Paisaxístico

1

Delimitación e contorno de protección

Clasificación

Tipo

Núm. elementos

Afectacións

Bens catalogados (CAT)

Arqueolóxico (ARQ)

30

Delimitación e contorno de protección

Arquitectónico (ART)

13

Delimitación e contorno de protección

Afectando o Concello de San Xoán de Río existe un único elemento declarado BIC. Trátase da paisaxe cultural da Ribeira Sacra, que foi recoñecida ben de interese cultural mediante o Decreto 166/2018, do 27 de decembro.

Asemade, considerouse un elemento arquitectónico que, estando localizado no concello limítrofe da Pobra de Trives, posúe un contorno de protección que afecta o concello de San Xoán de Río.

5. O PBM xustifica a integración das determinacións do informe ambiental estratéxico na documentación da avaliación ambiental estratéxica (carpeta 07.AAE, arquivo 32070_PBM_202603_AD_AAE_06EXT), que no seu punto 2 reproduce o contido do IAE e explica o xeito en que se deu cumprimento ás súas consideracións.

6. A tramitación do PBM de San Xoán de Río seguiu o procedemento regulado no artigo 64 da LSG e no artigo 156 do RLSG. A súa documentación cumpre co contido mínimo regulado no artigo 63.3 da LSG e no artigo 150 e seguintes do RLSG e coas determinacións establecidas nos artigos 63.2 da LSG e 149 do RLSG.

A este respecto, no artigo 64.4 da LSG posibilítase a aprobación parcial do plan básico municipal cando existan deficiencias que afecten áreas ou determinacións tan concretas que, prescindindo delas, o planeamento se poida aplicar con coherencia. A parte obxecto de reparos quedará en suspenso ata a emenda das deficiencias e nela resultará aplicable o réxime transitorio establecido nesta lei para os municipios sen planeamento urbanístico xeral.

7. En conclusión, o PBM de San Xoán de Río é un documento completo e axustado á lexislación vixente para os efectos de acadar a súa aprobación definitiva parcial.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans básicos municipais corresponde á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto no artigo 64.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e no artigo 156.4 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, en relación co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería.

En consecuencia e visto o que antecede,

DISPOÑO:

1. Outorgar a aprobación definitiva parcial ao Plan básico municipal de San Xoán de Río, de conformidade co disposto no artigo 64.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e no artigo 156.4 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, deixando en suspenso os seguintes solos de núcleo rural ata que se cumpra o indicado no informe da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil recibido o 10.4.2025:

0101/0102 Acevido/Casdelope; 103 Cortes, As; 106 Sanfitoiro; 107 Seoane; 202 San Silvestre; 306 Valados; 307 Xunquedo, O; 404 Cima de Vila; 502 Cerdeira; 505 San Xulián; 601 Arboiro; 602 Medos; 702 Alenza, A; 0703/0704/0712 Campo, O/Cerniza/ Torre Vella, A; 705 Domecelle; 706 Fondo de Vila; 709 Pousa, A; 711 San Miguel; 0801/0802 Barreal, O/Carballo, O; 803 Pacios de San Xurxo; 901 Cambela; 903 Cruz, A; 905 Toutelle e 906 Vilardá.

2. De conformidade co disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 156.5 e 199 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, a Dirección Xeral de Urbanismo publicará o acordo de aprobación definitiva parcial no Diario Oficial de Galicia e a normativa e as ordenanzas no Boletín Oficial da provincia de Ourense.

3. De conformidade co disposto no artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e no artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio o Plan básico municipal de San Xoán de Río no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

Notifíquese esta orde ao Concello de San Xoán de Río.

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 a 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.