Tras aprobar o Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) para o ano 2026, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,
Conforme os fins que lle asigna á Escola a normativa que a regula,
RESOLVO:
Convocar a xornada Claves actuais do emprego público no marco da boa administración, de acordo coas bases que se indican a continuación:
Primeira. Obxectivos
O obxectivo principal é ofrecer unha visión integrada e renovada na interpretación e aplicación das institucións clásicas do emprego público.
Desde este enfoque actualizado, abordaranse técnicas como a avaliación do desempeño e distintos mecanismos innovadores na selección de persoal, sen esquecer a problemática e os retos que terá que afrontar a futura xestión do emprego público.
En definitiva, esta xornada analizará aquelas propostas emerxentes que contribúan a un emprego público máis eficaz, profesional e aliñado coas exixencias do principio de boa administración.
Segunda. Contidos
Entre os principais contidos que se van tratar poden adiantarse os seguintes:
• Principio de boa administración, soft law e emprego público.
• Novos mecanismos de selección no emprego público: a entrevista condutual estruturada.
• A avaliación do desempeño para apoiar unha nova xestión do emprego público en tempos de turbulencia: novos referentes para o seu deseño e despregamento.
• As relacións laborais temporais na Administración: impacto da xurisprudencia, baleiros lexislativos e retos pendentes.
Terceira. Persoas destinatarias
Esta actividade está dirixida ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega, das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional; da Administración local, da Administración de xustiza e das universidades do Sistema universitario de Galicia, así como a xuristas, profesionais, alumnado universitario e persoas interesadas en xeral.
Cuarta. Desenvolvemento
Modalidade de impartición: presencial.
Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP); rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.
Data: venres 19 de xuño de 2026.
Horario: de mañá.
Duración: 4 horas lectivas.
Quinta. Número de prazas
Número de prazas limitado á capacidade do local.
Sexta. Inscrición
1. A inscrición nesta actividade formativa só se poderá realizar por vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
2. Antes de formalizaren a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo co establecido na base segunda desta convocatoria respecto ás persoas destinatarias.
3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.
4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar en Nome do curso a xornada Claves actuais do emprego público no marco da boa administración.
5. O prazo para a inscrición nesta actividade estará habilitado desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata as 23.59 horas do día 15 de xuño de 2026.
Poderá obterse calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.
Sétima. Comprobación de datos
1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa, necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opoña a iso.
2. No caso de que a persoa interesada se opoña a esta consulta, deberá indicalo expresamente, incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular, e enviar, ademais, os documentos a cuxa consulta se opón, que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración, a través do seguinte correo: novas.egap@xunta.gal
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.
Oitava. Criterios de selección
A admisión levarase a cabo de acordo co indicado para as persoas destinatarias na base segunda desta convocatoria. A orde de selección virá determinada pola data e a hora de presentación das solicitudes ata completar o número de prazas.
Novena. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas
1. A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> as listaxes de persoas seleccionadas, en reserva, no caso de que o número de solicitudes recibidas sexa superior ao número de prazas dispoñible, e, de ser o caso, as persoas excluídas nesta actividade, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación, de acordo co disposto no artigo 82.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
2. Logo de transcorrer o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas na xornada. Contra esta listaxe poderase interpoñer recurso de alzada, no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Décima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia
1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.
2. Renuncia:
a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada o máis pronto posible e, en todo caso e como máximo, antes das 12.00 horas do día 18 de xuño de 2026, achegando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.
b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:
– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.
– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.
– Por razóns de conciliación familiar.
– Por outras causas xustificadas documentalmente.
3. A asistencia e a puntualidade:
a) Serán obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.
b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.
c) As faltas de asistencia:
1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente, ante as persoas responsables da actividade formativa, nun prazo máximo de dez (10) días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia desta actividade formativa.
2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.
Décimo primeira. Certificado de asistencia oficial
Ao final desta actividade emitiráselles un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de impartición, a data e o lugar de realización desta actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.
Décimo segunda. Facultades da EGAP
1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización, caso en que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas, previstos na normativa vixente.
2. A EGAP garantirá, na acción derivada desta convocatoria, a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.
Santiago de Compostela, 7 de maio de 2026
Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública
