DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 25 de maio de 2026 Páx. 29977

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

RESOLUCIÓN do 15 de maio de 2026, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, pola que se dá publicidade dos convenios de colaboración subscritos por esta consellería durante o primeiro cuadrimestre do ano 2026.

O artigo 15 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno (Diario Oficial de Galicia núm. 30, do 15 de febreiro), impón a cada consellería ou entidade da Xunta de Galicia a obriga de publicar no Diario Oficial de Galicia unha relación dos convenios subscritos no cuadrimestre anterior.

En consecuencia e para dar cumprimento a esa obriga,

DISPOÑO:

Artigo 1

Dar publicidade á relación de convenios de colaboración subscritos pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático durante o primeiro cuadrimestre do ano 2026, que se incorpora como anexo I a esta resolución.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2026

Mª del Carmen Bouso Montero
Secretaria xeral técnica da Consellería de Medio
Ambiente e Cambio Climático

ANEXO I

Convenios asinados no primeiro cuadrimestre do ano 2026

Título

Obxecto

Data da sinatura

Achega económica da Consellería (€)

Convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Granda, Abelleira e Salgueiros, para a conservación da poboación reprodutora de mazarico real en Galicia

Establecer as condicións para acordar a colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e a Comunidade do Monte Veciñal en Man Común Granda, Abelleira e Salgueiros do uso da superficie de 9,3 ha da parcela con referencia catastral 27010A204000460000PZ e os labores de mantemento que se realizarán nela e que estarán encamiñados á conservación e mantemento dunha axeitada calidade estrutural do hábitat de nidificación (landa e matogueira de baixo porte <30 cm con ausencia de estrato arbóreo) da poboación nidificante de mazarico real

14.1.2026

5.000,00 €

Convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia e a Fundación Reina Sofía para a recuperación ecolóxica e a reactivación apícola para o fomento dos polinizadores en zonas afectadas por incendios forestais no Vilar (O Courel-Lugo) e na provincia de Ourense

A actuación conxunta para crear unha masa mixta de frondosas en 1,37 ha, situada no Vilar, parroquia de Folgoso do Courel (Lugo), como medida de recuperación ambiental e restauración da paisaxe tras os incendios do ano 2022.

Así mesmo, o convenio prevé a recuperación e posta en uso dunha alvariza tradicional na provincia de Ourense, símbolo da coexistencia home-oso, e a instalación de colmeas activas co fin de impulsar a actividade apícola local, favorecer a restauración florística da contorna e contribuír á conservación do patrimonio etnográfico e arquitectónico rural galego

15.1.2026

65.000,00 €

Convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e a Asociación Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños-CEMMA, para a asistencia, recuperación e estudo dos réptiles (tartarugas) e mamíferos mariños varados no litoral da Comunidade Autónoma de Galicia

Establecer as condicións para acordar a colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e a Asociación CEMMA para a asistencia veterinaria e recuperación dos réptiles, en especial das tartarugas mariñas, e mamíferos mariños varados nos espazos naturais protexidos pertencentes á Rede Natura 2000 de Galicia, así como para a recompilación da información resultante dos varamentos rexistrados nas costas galegas

21.1.2026

15.000,00 €

Convenio marco de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia e os sistemas de responsabilidade ampliada de residuos de envases domésticos de envases lixeiros e papel cartón dun só uso

Regular o marco de colaboración entre a consellería, o sistema de responsabilidade ampliada de residuos (SRAP) asinante ou os SRAP adheridos, as entidades locais e outros SRAP que, se é o caso, se adhiran voluntariamente, no cal se desenvolverán as actividades de xestión de residuos de envases domésticos dun só uso xerados no ámbito xeográfico da Comunidade Autónoma de Galicia, definindo os dereitos e as obrigas de cada unha das partes asinantes, co fin de determinar o financiamento e, se é o caso, a organización da xestión dos residuos de envases incluídos no ámbito de actuación do SRAP asinante ou dos SRAP adheridos, de conformidade coa normativa vixente que resulte de aplicación

29.1.2026

Sen achega económica

Convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e a Axencia Estatal Consello Superior de Investigacións Científicas M.P. para a conservación ex situ de sementes de especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas

Establecer as condiciones para acordar a colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e a Axencia Estatal Consello Superior de Investigacións Científicas M.P. para o desenvolvemento de actuacións de conservación ex situ de sementes de especies (banco de xermoplasma) incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas, de acordo coas prioridades e obxectivos establecidos pola consellería

4.2.2026

100.000,00 €

Convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e a Federación Galega de Pesca e Casting, para a realización de actividades a favor dos ecosistemas acuáticos e a riqueza piscícola en Galicia para o ano 2026

Establecer as condicións para acordar a colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e a Federación Galega de Pesca e Casting a través da organización e celebración de competicións deportivas oficiais de pesca continental, actuacións de formación e posta en marcha de escolas de río da nova Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia, na Comunidade Autónoma de Galicia

12.3.2026

25.000,00 €

Convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e a Federación Galega de Caza, para a realización de actividades de divulgación, mellora da información e fomento da actividade cinexética na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026

Establecer as condicións para acordar a colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e a Federación Galega de Caza para o fomento da actividade cinexética sustentable no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia a través da organización de actividades para a promoción, mellora da información e divulgación nesta materia

13.3.2026

25.000,00 €

Convenio entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e Dream Joy, S.L. para o desenvolvemento de accións de divulgación e fomento de prácticas responsables en materia de residuos e de economía circular na contorna da celebración do Festival da Luz

Establecer as bases de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e Dream Joy, S.L. para o desenvolvemento de actividades de sensibilización social, divulgación, difusión e concienciación ambiental na contorna da celebración do Festival da Luz 2026, que terá lugar no termo municipal de Boimorto os días 28, 29 e 30 de agosto de 2026

18.3.2026

50.000,00 €

Convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e o club Praia de Pantín para o desenvolvemento de actividades de fomento do ambiente na contorna da celebración do campionato do mundo do surf Abanca Pantín Classic Galicia Pro

Establecer as bases reguladoras e as condicións básicas para a colaboración e cooperación técnica e económica entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e o Club Praia de Pantín, para financiar o desenvolvemento de actividades de fomento da protección do ambiente na contorna da celebración da 39ª edición do campionato do mundo do surf Abanca Pantín Classic Galicia Pro, que terá lugar no termo municipal de Valdoviño, entre os días 22 e 30 de agosto do ano 2026

18.3.2026

14.217,50 €

Convenio de colaboración entre a Administración xeral da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) para o desenvolvemento da campaña Bandeira Azul 2026 en Galicia

Desenvolvemento da campaña Bandeira Azul 2026 en Galicia

7.4.2026

59.500,00 €

Addenda ao convenio de cooperación educativa entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e a Universidade da Coruña para a realización de prácticas académicas externas curriculares ou extracurriculares do alumnado

O obxecto desta addenda é acordar a prórroga por catro anos da vixencia do convenio de cooperación asinado, o 11 de abril de 2022, entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (na actualidade, Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático) e a Universidade da Coruña, para a realización de prácticas académicas externas curriculares ou extracurriculares do estudantado, nos mesmos termos, presentes no citado convenio

10.4.2026

Sen achega económica