DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 26 de maio de 2026 Páx. 30524

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 9 de abril de 2026, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica nos concellos de Salvaterra e As Neves (expediente IN407A 2025/048-4).

Expediente: IN407A 2025/048-4.

Promotores:

Autoridade Portuaria de Vigo.

Consorcio Zona Franca de Vigo.

Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Denominación: LMTS, CR, CS e CT apartadoiro ferroviario da Plataforma Loxística e Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan).

Concello: Salvaterra de Miño e As Neves.

Feitos:

1. O 3.3.2025, a Autoridade Portuaria de Vigo, o Consorcio Zona Franca de Vigo e o Instituto Galego da Vivenda e Solo solicitaron a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica LMTS, CR, CS e CT apartadoiro ferroviario da Plataforma Loxística e Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan).

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial Luis A. Tizón Cabaleiro, colexiado 2449 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e contén un orzamento total de 446.985,68 euros.

Unha vez examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade atender a demanda de enerxía prevista no ámbito das obras de execución do novo apartadoiro ferroviario da Plisan, mantendo a configuración en anel da rede da distribuidora da zona (UFD Distribución Electricidad, S.A.) mediante a instalación dun centro de reflexión, dun centro de seccionamento, un centro de transformación e dunha liña de media tensión subterránea que os alimenta.

As instalacións eléctricas proxectadas serán cedidas á empresa distribuidora da zona, neste caso UFD Distribución Electricidad, S.A.

2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Salvaterra, o Concello das Neves, a Axencia Galega de Infraestruturas, a Demarcación de Carreteras del Estado, a Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido polo Servizo do Patrimonio Cultural.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme ao disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

3. O 12.3.2026 os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable ás autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica LMTS, CR, CS e CT apartadoiro ferroviario da Plataforma Loxística e Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan).

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 á 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 á 23.

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 3(1×240) en catro actuacións:

• 234 metros (117×2) de lonxitude, con orixe e final no punto de conexión da LMTS SAL811 existente, facendo entrada e saída no centro de reflexión proxectado.

• 666 metros, con orixe no centro de reflexión proxectado e final no centro de seccionamento proxectado.

• 98 metros, con orixe no centro de seccionamento proxectado e final no centro de transformación proxectado.

• 94 metros, con orixe no centro de transformación proxectado e final nunha arqueta de MT (da futura LMTS a executar por UFD, que vai á subestación de Salvaterra).

– Centro de reflexión en edificio prefabricado de formigón de superficie, con celas modulares de illamento e corte en SF6, unha de entrada e dúas de saída.

– Centro de seccionamento compacto de superficie para manobra exterior telecontrolado, en edificio prefabricado modular de formigón, cunha cela compacta con tres funcións de liña, dúas telecontroladas e unha de protección (3L1P).

– Centro de transformación compacto de superficie para manobra exterior telecontrolado, en edificio prefabricado modular de formigón, a 250 kVA, con relación de transformación 20 kV/400 V.

A instalación está situada na plataforma loxística industrial Salvaterra-As Neves (Plisan), nos concellos de Salvaterra de Miño e As Neves.

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Outorgarlles aos promotores as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica LMTS, CR, CS e CT apartadoiro ferroviario da Plataforma Loxística e Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan), expediente IN407A 2025/048-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:

1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.

2. Os promotores asegurarán o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

3. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 á 09 e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 á 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573, do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) 517/2014 (DOUE nº 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparamenta eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.

5. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa distribuidora da zona será quen tramite a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado de dirección final de obra subscrito por unha técnica ou un técnico facultativo competente no que conste que a instalación foi realizada de acordo coas especificacións contidas na autorización de construción, así como coas prescricións da regulamentación técnica de aplicación á materia, segundo a Lei 9/2021, do 25 de febreiro. Este certificado debe cumprir co establecido na Resolución do 12.6.2025 da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, pola que se aproba o modelo oficial de certificado de instalación eléctrica en alta tensión, publicada no DOG do 24.6.2025 e na Instrución 5/2012, do 15 de novembro, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, sobre os criterios a aplicar para exixir visado colexial en materias de industria e enerxía.

– Contrato de cesión entre os promotores e UFD Distribución Electricidad, S.A. (a entidade de transporte e distribución de enerxía eléctrica).

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia aos promotores, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 9 de abril de 2026

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra