A dermatose nodular contaxiosa é unha enfermidade vírica de alta difusibilidade e que implica importantes prexuízos tanto nas explotacións afectadas como a nivel xeral no sector bovino.
A aparición desta enfermidade en países da Unión Europea próximos tanto territorial como comercialmente con España, así como a detección desta doenza en territorio español o pasado mes de outubro en Cataluña, na provincia de Girona, e posteriormente en Aragón, supuxo un importante aumento do nivel de risco de aparición desta enfermidade en Galicia, polo que se adoptaron medidas cautelares fronte á enfermidade.
A pesar da evolución favorable da situación epidemiolóxica en Cataluña e Aragón e as medidas adoptadas por parte destas comunidades autónomas, así como o plan vacinal instaurado en certas zonas de España, considérase aconsellable manter as medidas cautelares establecidas na Comunidade Autónoma de Galicia respecto desta enfermidade, tras a análise do risco sanitario existente actualmente.
Fundamentos de dereito.
Visto o Regulamento (UE) 2016/429 do Parlamento Europeo e do Consello, do 9 de marzo de 2016, relativo ás enfermidades transmisibles dos animais e polo que se modifican ou derrogan algúns actos en materia de sanidade animal.
Visto o disposto no artigo 8, de medidas sanitarias de salvagarda, da Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal.
No exercicio da competencia que regula o artigo 19 do Decreto 223/2022, do 22 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural,
RESOLVO:
Primeiro. Prorróganse as medidas recollidas na Resolución do 25 de marzo de 2026, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se adoptan medidas cautelares en relación coa dermatose nodular contaxiosa, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 59, do 30 de marzo, cuxos efectos remataban o día 31 de maio de 2026, ao abeiro da Resolución do 24 de abril de 2026, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se adoptan medidas cautelares en relación coa dermatose nodular contaxiosa, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 79, do 29 de abril.
Segundo. A Resolución do 26 de maio de 2026 producirá os seus efectos desde o día 1 de xuño de 2026 ata o 30 de xuño de 2026, ambos incluídos, e poderase prorrogar por resolución de acordo coa evolución epidemiolóxica da enfermidade.
Terceiro. Esta resolución non pon fin á vía administrativa e contra ela cabe interpoñer recurso de alzada ante a conselleira do Medio Rural, no prazo dun (1) mes contando desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co que establecen os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 26 de maio de 2026
Silvestre José Balseiros Guinarte
Director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias
