DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 29 de maio de 2026 Páx. 31376

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

RESOLUCIÓN do 26 de maio de 2026, da Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, pola que se fai público o esgotamento do crédito orzamentario destinado ao financiamento das axudas establecidas na Orde do 23 de decembro de 2025, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia Bono consolida economía social, e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2026 (código de procedemento TR802L).

Mediante a Orde do 23 de decembro de 2025, que foi publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 19, do 29 de xaneiro de 2026, establecéronse as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia Bono consolida economía social e procedeuse á súa convocatoria para a anualidade de 2026.

A citada Orde do 23 de decembro de 2025 establece no seu artigo 16 que a concesión das subvencións se realizará en réxime de concorrencia non competitiva, nos termos previstos no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, segundo o cal as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.

O día 26 de maio de 2026 publicouse no DOG núm. 96 a Resolución do 15 de maio de 2026, pola que se redistribúen os créditos orzamentarios por epígrafes recollidas na Orde do 23 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia Bono consolida economía social e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2026 (código de procedemento TR802L), e quedaron as aplicacións orzamentarias cos seguintes importes, sen que se varíe o orzamento total da orde:

Aplicación orzamentaria

Anualidade 2026

14.04.324C.470.9

150.000,00 €

14.04.324C.481.9

28.935,38 €

14.04.324C.770.9

2.300.000,00 €

14.04.324C.781.9

251.064,62 €

Total

2.730.000 €

Pola súa parte, o artigo 29 da mesma Orde do 23 de decembro de 2025 establece que no suposto de que antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes se esgotase o crédito establecido na convocatoria, o órgano concedente acordará a inadmisión de solicitudes e publicará tal circunstancia no DOG e na páxina web da consellería.

Unha vez esgotados os recursos económicos destinados ás axudas previstas na Orde do 23 de decembro de 2025, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia Bono consolida economía social, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2026,

DISPOÑO:

Primeiro. Facer público que o crédito orzamentario asignado ao financiamento das axudas recollidas na devandita Orde do 23 de decembro de 2025 quedou esgotado en cada unha das aplicacións orzamentarias nas seguintes datas:

– Aplicación 14.04.324C.781.9: 10 de febreiro de 2026, coa solicitude presentada ás 9.25.47 horas.

– Aplicación 14.04.324C.470.9: 10 de febreiro de 2026, coa solicitude presentada ás 10.49.32 horas.

– Aplicación 14.04.324C.770.9: 11 de febreiro de 2026, coa solicitude presentada ás 13.24.48 horas.

– Aplicación 14.04.324C.481.9: 13 de febreiro de 2026, coa solicitude presentada ás 12.38.51 horas.

Segundo. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou, no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses que se contarán desde a mesma data. En todo caso, non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2026

Marta Mariño Regueiro
Directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social