Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación A Muiñeira, con domicilio na rúa Río Miño, número 10, baixo, no Carballiño (Ourense), resultan os seguintes feitos e consideracións legais.
Feitos:
1. O 16 de xuño de 2025, Encarnación Rodríguez Baleato, secretaria do padroado da fundación, presentou a solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
2. A Fundación A Muiñeira constituíuna José Luis Reza Pérez, mediante a escritura pública outorgada o 9 de xuño de 2025, ante a notaria de Santiago de Compostela Inmaculada Espiñeira Soto, co número de protocolo 1368.
3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto: «o fomento da economía social e o desenvolvemento da economía produtiva de Galicia».
4. O padroado inicial da fundación está formado por José Luis Reza Pérez, como presidente, Encarnación Rodríguez Baleato como secretaria, e Beatriz Pereira Lafuente como vogal.
5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como de interese para o fomento da economía social e de desenvolvemento da economía produtiva de Galicia da Fundación A Muiñeira, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.
6. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.
7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese para o fomento da economía social e de desenvolvemento da economía produtiva de Galicia e a súa adscrición á Consellería de Economía e Industria.
Consideracións legais:
1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece a competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.
2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.
3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.
De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 12 de maio de 2026,
DISPOÑO:
Clasificar de interese para o fomento da economía social e de desenvolvemento da economía produtiva de Galicia a Fundación A Muiñeira, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Economía e Industria.
Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; poderase interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2026
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
