DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 29 de maio de 2026 Páx. 31400

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 26 de maio de 2026 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes da Resolución do 27 de xaneiro de 2026, pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas a proxectos de descarbonización e renovación industrial de industrias tractoras nas comarcas afectadas polo peche das centrais térmicas, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027, territorio P2 A Coruña, e se procede á súa convocatoria para os anos 2026-2027-2028-2029 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG408N).

Mediante a Resolución do 27 de xaneiro de 2026 publicouse o acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aprobou as bases reguladoras das axudas a proxectos de descarbonización e renovación industrial de industrias tractoras nas comarcas afectadas polo peche de centrais térmicas no marco do programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027, territorio P2 A Coruña, e procedeuse á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (DOG núm. 20, do 30 de xaneiro).

No parágrafo segundo da resolución establecíase que o prazo de presentación de solicitudes sería de tres (3) meses a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. O dito prazo así computado rematou o 30 de abril de 2026.

Mediante a Resolución do 8 de abril de 2026 (DOG núm. 70, do 16 de abril) ampliouse o prazo de presentación de solicitudes e estableceuse este no 1 de xuño de 2026.

Tendo en conta a complexidade da preparación destas solicitudes, considérase que a ampliación do prazo para a súa presentación non foi suficiente. Con tal motivo, cómpre ampliar novamente o prazo de presentación de solicitudes.

Por todo o anterior, de conformidade co disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, dado que non se causan danos a terceiros e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Ampliar ata o 15 de xuño de 2026 o prazo de presentación de solicitudes de axuda establecido no parágrafo segundo da Resolución do 27 de xaneiro de 2026 de convocatoria das axudas a proxectos de descarbonización e renovación industrial de industrias tractoras nas comarcas afectadas polo peche das centrais térmicas, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027, modificado mediante a Resolución do 8 de abril de 2026.

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2026

Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica