DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 29 de maio de 2026 Páx. 31398

III. Outras disposicións

Axencia Tributaria de Galicia

RESOLUCIÓN do 26 de maio de 2026, conxunta da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e da Axencia Tributaria de Galicia, pola que se acorda a anulación e baixa en contabilidade de todas aquelas liquidacións que se encontren en período executivo e das cales resulte unha débeda pendente de recadar de importe inferior a tres euros.

O artigo 2 da Orde do 22 de decembro de 2005 que desenvolve o artigo 23.5 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, en canto á anulación e baixa en contabilidade de determinadas débedas, prevé a anulación e baixa en contabilidade de todas aquelas liquidacións que se encontren en período executivo e das cales resulte unha débeda pendente de recadar inferior a tres euros.

En virtude do exposto, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e a Dirección da Axencia Tributaria de Galicia teñen a ben establecer o seguinte:

Disposición única. Anulación e baixa en contabilidade de todas aquelas liquidacións que se encontren en período executivo das cales resulte una débeda pendente de recadar por importe inferior a tres euros.

Primeiro. Anularanse e daranse de baixa en contabilidade todas aquelas liquidacións efectuadas pola Axencia Tributaria de Galicia das cales resulte unha débeda pendente en período executivo por importe inferior a tres euros. Para tal efecto, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (en diante, Amtega) realizará a baixa en conta das referidas liquidacións na aplicación informática.

Segundo. Anularanse e daranse de baixa en contabilidade todas aquelas liquidacións efectuadas polos órganos da Administración xeral da Xunta de Galicia, entidades públicas instrumentais e demais entes públicos, cuxa competencia de recadación en período executivo teñan asumido os órganos de recadación da Axencia Tributaria de Galicia e das cales resulte unha débeda pendente de recadar en período executivo inferior a tres euros. A Amtega realizará a baixa en conta das referidas liquidacións na aplicación informática.

Como resultado do proceso anterior, as delegacións da Axencia Tributaria de Galicia obterán da Amtega e remitirán ao respectivo órgano que efectuou a xestión unha relación das que fosen anuladas de acordo cos criterios establecidos.

Disposición transitoria

As actuacións previstas nesta resolución efectuaranse en relación coas liquidacións das cales resulte unha débeda pendente de recadar en período executivo inferior a tres euros a 31 de decembro de 2025.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2026

Almudena Chacón Pichel
Interventora xeral da Comunidade
Autónoma de Galicia

Sonia Lafont Sendino
Directora da Axencia Tributaria
de Galicia