BDNS (Identif.): 908818.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da Orde pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca a XXIX edición do Premio Manuel Colmeiro para traballos de investigación que teñan como obxecto a Administración pública de Galicia, cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/908818
Primeiro. Persoas destinatarias
Poderán participar nesta convocatoria as persoas individuais ou grupos de traballo de calquera nacionalidade dos Estados membros da Unión Europea. Gardarase reserva sobre a identidade de cantas persoas participen no premio e unicamente serán obxecto de publicidade o nome e os apelidos da persoa ou das persoas ganadoras.
No suposto de que se trate de grupos de traballo, acreditarase expresamente a persoa física responsable da dirección do equipo, que será a persoa que figure como solicitante no modelo normalizado de solicitude, así como a porcentaxe de participación de cada integrante do grupo no traballo presentado.
Non poderán acceder a este premio as persoas afectadas por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Segundo. Finalidade
O obxecto da presente orde é establecer as bases reguladoras para a convocatoria da XXIX edición do Premio Manuel Colmeiro para traballos de estudo e investigación sobre a Administración pública de Galicia.
Este premio enmárcase dentro da RIS3 de Galicia 2021-2027 e intégrase no programa Persoas e talento da RIS3 e no programa Talento do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.
A concesión do premio regulado nesta convocatoria será incompatible coa de calquera outro premio de similares características financiado con fondos públicos.
Terceiro. Bases reguladoras
A concesión do premio rexerase polas bases contidas na orde de convocatoria, pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; e, subsidiariamente, pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións.
O procedemento que regula a presente orde correspóndese co código PR771A.
Cuarto. Dotación económica do premio e imputación orzamentaria
A dotación económica do premio é de 3.500 euros, que estará suxeita á correspondente retención fiscal. Tamén se lle entregará á candidatura ganadora un diploma acreditativo de tal condición.
Esta cantidade será imputada aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2026 con cargo á aplicación orzamentaria da EGAP 10.81.122B.480.0, e estará suxeita ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión.
No caso de que o traballo premiado o presentase máis dunha persoa, a dotación económica do premio distribuirase proporcionalmente entre todas as persoas integrantes do grupo de traballo.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes e dos traballos comezará coa entrada en vigor desta orde e finalizará o 1 de outubro de 2026.
Sexto. Outros datos
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
A solicitude deberá ser asinada electronicamente pola persoa solicitante ou representante ou por aquela que se responsabilice da dirección do grupo de traballo, se é o caso.
Co obxecto de garantir o anonimato, nos traballos de investigación presentados non figurará ningún dato persoal da persoa autora deles, senón unicamente o título na primeira páxina. Así mesmo, o dito traballo será presentado nun arquivo independente ao do resto da documentación.
No mesmo sentido, a Dirección da EGAP facilitaralle ao xurado, para o desenvolvemento das súas funcións, unicamente o documento que conteña o texto dos traballos presentados e manterá custodiada a identidade do/da autor/a ou dos/das autores/as ata que se resolva o procedemento.
Santiago de Compostela, 21 de maio de 2026
Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública
