DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 2 de xuño de 2026 Páx. 31953

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 11 de maio de 2026, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica nos concellos de Salvaterra de Miño e As Neves (expediente IN407A 2025/203-4).

Expediente: IN407A 2025/203-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: Recuamento LMT SAL802 e SAL803 As Antas-Oleiros.

Concellos: Salvaterra de Miño e As Neves.

Feitos:

1. O 2.10.2025 a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada Recuamento LMT SAL802 e SAL803 As Antas-Oleiros.

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial Victoriano González Lemos, colexiado 2980 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e contén un orzamento total de 30.551,36 euros.

Unha vez examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade soterrar a liña de media tensión aérea SAL802 e SAL803 debido ás obras que se realizarán no futuro aparcadoiro ferroviario. As obras están proxectadas nos lugares das Antas-Oleiros (Salvaterra de Miño) e Chan Salgosa (As Neves).

2. Este departamento territorial solicitoulles o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Salvaterra de Miño, o Concello das Neves, a Axencia Galega de Infraestruturas e a Sección de Minas de Pontevedra. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polos concellos de Salvaterra de Miño e das Neves.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos, polo que se entende, en consecuencia, a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

3. O 27.1.2026 os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable sobre as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica denominada Recuamento LMT SAL802 e SAL803 As Antas-Oleiros.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para resolver os procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Liña de media tensión aérea (LMTA), coas seguintes actuacións:

  • Retirada de 116 metros de condutor LA-110, pertencente á liña SAL803 e 116 metros de condutor LA-110 pertencente á liña SAL802, tramo comprendido entre o apoio existente ACVBIVH6 (C-9000/18) e o apoio ACYC2ILR (HVH-1000/15). Retirada da derivación existente en condutor LA-30 pertencente á saída SAL803, tramo comprendido entre os apoios ACVBIVH6 (C-9000/18) e ACVJRR2C (C-2000/14).
  • Retirada dos apoios existentes ACVBIVH6 (C-9000/18) e ACVJRR2C (apoio C-2000/14), así como o elemento de manobra situado no apoio ACVJRR2C.
  • Substitución do apoio ACYC2ILR da LMTA SAL802 e SAL803, por un apoio C-9000/16, con dobre paso aéreo-subterráneo (PAS).
  • Retensado do tramo de condutor LA-110 (2×164 metros) das liñas SAL802 e SAL803, comprendido entre o apoio proxectado C-9000/16 e o existente AD2K2L9N.

Liña de media tensión subterránea (LMTS), coas seguintes actuacións:

  • Retirada de 2×45 metros de condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240 mm² Al pertencentes ás liñas SAL803 e SAL802. Os ditos tramos están comprendidos entre PAR existente e PAS existente no apoio ACVBIVH6.
  • Instalación da LMTS SAL802 e SAL803 a 20 kV, con condutor RHZ1-20L 12/20 kV 1×240 mm², de 2×164 metros de lonxitude, con orixe no punto de acceso á rede existente e final nos PAS no apoio proxectado C-9000/16.

A instalación está situada no lugar das Antas-Oleiros, no concello de Salvaterra de Miño, e no lugar de Chan Salgosa, no concello das Neves (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Outorgarlle á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Recuamento LMT SAL802 e SAL803 As Antas-Oleiros, expediente IN407A 2025/203-4.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para realizar as obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:

1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se encontren afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.

2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que se manterán sempre as condicións regulamentarias de seguridade.

3. Deberanse cumprir en todo momento as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado de dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

O incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 11 de maio de 2026

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra