Expediente: IN407A 2025/159-4.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación: Substitución LMTS CAT705 entre CCTT 36S768 e 36S873 e CAT704 entre CCTT 36SKM5 e 36CKJ8.
Concello: Vigo.
Feitos:
1. O 14.8.2025 a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada Substitución LMTS CAT705 entre CCTT 36S768 e 36S873 e CAT704 entre CCTT 36SKM5 e 36CKJ8.
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro eléctrico Rubén Fervenza Nicolás, colexiado 4684 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e contén un orzamento total de 50.852,16 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a renovación de tramos das liña de media tensión subterránea (LMTS) CAT704 e CAT705, mediante as seguintes actuacións nas rúas de Ronda de Don Bosco, de Gil e de Urzáiz, no concello de Vigo (Pontevedra):
• Deixar sen servizo 102 metros do tramo da LMTS CAT7040296, entre o CD Parking Urzáiz (36SKM5) e o punto de acceso á rede (PAR) ao lado do centro de transformación Banco Hispano (36S873).
• Deixar sen servizo 104 metros do tramo da LMTS CAT7050110, entre o PAR proxectado fronte ao CD Parking Urzáiz (36SKM5) e o centro de transformación Banco Hispano (36S873).
• Retirada dun total de 139 metros dos tramos da LMTS CAT7040262 e CAT7040286.
• Instalación dunha liña de media tensión subterránea en dúas actuacións.
2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vigo e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido polo Concello de Vigo.
O Servizo do Patrimonio Cultural manifestou que as actuacións proxectadas non necesitan autorización dese servizo.
3. O 27.1.2026 os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable ás autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica Substitución LMTS CAT705 entre CCTT 36S768 e 36S873 e CAT704 entre CCTT 36SKM5 e 36CKJ8.
Consideracións legais e técnicas:
1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:
• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
• Retirada de 139 metros de condutor RHZ1-OL-12/20 kV 3x(1x240), tramos da LMTS CAT7040262 e CAT7040286, desde o punto de acceso á rede (PAR) ao lado do centro de transformación Banco Hispano (36S873) e o centro de transformación rúa Gil 5 (36CKJ8).
• Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 kV, con condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 3(1×240) mm² Al, en dúas actuacións. A primeira é de 142 metros de lonxitude, con orixe no centro de distribución (CD) Parking Urzáiz (36SKM5) e final no centro de transformación rúa Gil 5 (36CKJ8). A segunda é de 259 metros de lonxitude, con orixe no empalme coa LMTS CAT7050109, no punto de acceso á rede proxectado fronte ao CD Parking Urzáiz (36SKM5), e final no centro de transformación Banco Hispano (36S873).
• A instalación está situada nas rúas Ronda de Don Bosco, Gil e Urzáiz, no concello de Vigo (Pontevedra).
Conforme ao indicado,
Resolvo:
Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Substitución LMTS CAT705 entre CCTT 36S768 e 36S873 e CAT704 entre CCTT 36SKM5 e 36CKJ8, expediente IN407A 2025/159-4.
Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:
1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.
2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
3. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado de dirección final de obra no que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
O incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 11 de maio de 2026
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
