DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 2 de xuño de 2026 Páx. 31901

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

RESOLUCIÓN do 22 de maio de 2026 pola que se acorda a apertura do prazo para a presentación de solicitudes para a cobertura de prazas vacantes ofertadas en fase de resultas no procedemento regulado pola Orde do 30 de marzo de 2026 pola que se regula a oferta de prazas para actividades xuvenís dentro do programa Campaña de verán 2026 e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS303A).

O 15 de abril de 2026 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 69 a Orde do 30 de marzo de 2026 pola que se regula a oferta de prazas para actividades xuvenís dentro do programa Campaña de verán 2026 e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS303A).

O artigo 11.1 da referida orde dispón que as prazas vacantes que non se cubran polos procedementos de adxudicación establecidos nos artigos 6 e 10 serán ofertadas na fase de resultas a calquera solicitante que as demande, aínda que non presentase unha solicitude no prazo do artigo 5, sempre que reúna as condicións e requisitos exixidos nesta orde para participar na convocatoria.

O número 3 do mesmo artigo 11 establece que a apertura do prazo de presentación de solicitudes para a cobertura das prazas vacantes ofertadas en fase de resultas publicarase no Diario Oficial de Galicia. Este prazo permanecerá aberto ata o 2 de setembro de 2026.

En consecuencia, unha vez adxudicadas as prazas en fase de sorteo, en que quedaron prazas vacantes nalgunha actividade na cal non hai lista de agarda, procede abrir o prazo de presentación de solicitudes para a cobertura de prazas vacantes que non se cubran polos procedementos de adxudicación establecidos nos artigos 6 e 10 da orde e que, polo tanto, se oferten en fase de resultas.

Por todo o anterior, a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, por delegación do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, de acordo co establecido na disposición derradeira primeira da Orde do 30 de marzo de 2026,

RESOLVE:

Artigo 1. Apertura de prazo

Abrir o prazo para a presentación de solicitudes para a cobertura de prazas vacantes ofertadas en fase de resultas.

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase ás 16.00 horas do día 3 de xuño de 2026 e estará aberto ata o día 2 de setembro de 2026 ás 21.00 horas.

Artigo 2. Prazas ofertadas

As prazas vacantes ás cales se pode optar en fase de resultas publicaranse cada día ás 15.00 horas na páxina web https://xuventude.xunta.gal

As prazas ofertadas cada día só se poderán solicitar ese mesmo día das 16.00 ás 21.00 horas; non se terán en conta as solicitudes de actividades que non figuren na lista de prazas vacantes do día de presentación da solicitude, ou presentadas fóra do referido horario.

Artigo 3. Solicitudes

1. As prazas vacantes que non se cubran polos procedementos de adxudicación establecidos nos artigos 6 e 10 da Orde do 30 de marzo de 2026 serán ofertadas na fase de resultas a calquera solicitante que as demande, aínda que non presentase unha solicitude no prazo do artigo 5 da dita orde, sempre que reúna as condicións e os requisitos exixidos na referida orde para participar na convocatoria.

2. As solicitudes das prazas de resultas presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (anexo II).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Logo da presentación da solicitude asignarase un número de expediente que poderá consultarse na epígrafe «A miña sede» da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal

Só se admitirán as solicitudes presentadas entre as 16.00 e as 21.00 horas, para as prazas publicadas ese mesmo día.

As prazas de resultas adxudicaranse por orde de recepción de solicitude.

Se unha persoa xa ten adxudicada unha praza en calquera das fases do procedemento (sorteo, fase de reserva ou fase de resultas) non poderá resultar adxudicataria dunha nova praza en fase de resultas se non renuncia á praza previamente adxudicada. No formulario de solicitude a persoa representante declarará que o/a menor solicitante ten adxudicada unha praza en calquera das fases do procedemento (sorteo, fase de reserva ou fase de resultas) e renuncia a ela no caso de resultar adxudicataria da nova praza solicitada en fase de resultas.

A reserva de praza deberá facerse de maneira individual, para unha única persoa solicitante.

Cada solicitante poderá solicitar, como máximo, tres quendas de campamento, por orde de preferencia, sempre que reúna o requisito de idade para todas as solicitadas. No caso de solicitar máis de tres quendas de campamento, só se terán en conta as tres primeiras.

3. Unha vez comprobada na aplicación informática a dispoñibilidade da praza solicitada, asignaráselle esta á persoa interesada e comunicarase a adxudicación mediante correo electrónico ao enderezo indicado na solicitude, que disporá dun prazo máximo de dous (2) días hábiles para presentar a documentación relacionada no artigo 8 da Orde do 30 de marzo de 2026.

Para a presentación desta documentación observarase o establecido no artigo 8.3 da Orde do 30 de marzo de 2026.

Será de aplicación o disposto no artigo 9 da Orde do 30 de marzo de 2026 en canto á comprobación de datos.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 30.3.2026; DOG núm. 69, do 15 de abril)
Lara del Carmen Meneses Álvarez
Directora xeral de Xuventude