DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 2 de xuño de 2026 Páx. 31915

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

RESOLUCIÓN do 22 de maio de 2026, da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, pola que se dá publicidade das bases reguladoras e da convocatoria para a selección de pequenas e medianas empresas e persoas traballadoras autónomas ás cales se prestarán servizos do programa Responsabilízate, quinta edición (código de procedemento TR320B).

Mediante as resolucións do 21 de xuño e do 7 de novembro de 2016 (DOG do 11 de xullo e do 17 de novembro, respectivamente) deuse publicidade das bases reguladoras e da convocatoria da primeira edición do programa Responsabilízate, consistente na prestación de servizos de tutela ou acompañamento en materia de responsabilidade social empresarial. A segunda edición publicouse mediante a Resolución do 1 de febreiro de 2018 (DOG do 13 de febreiro).

No ano 2020, debido á pandemia da Covid e á imposibilidade de ter reunións presenciais, non se fixo a convocatoria, polo que se convocou a terceira edición no ano 2021 e posteriormente en 2023, a cuarta.

Tras o éxito das anteriores edicións e no exercicio das súas funcións, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais pretende seguir impulsando a implantación da RSE no tecido empresarial galego a través, entre outras medidas, do establecemento dos servizos do programa Responsabilízate.

En virtude do Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais é competente para efectuar esta convocatoria.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras que rexerán a selección de pemes e persoas traballadoras autónomas en virtude do programa Responsabilízate.

Segundo. Convocar a quinta edición do programa Responsabilízate, correspondente ao ano 2026.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2026

Pablo Fernández López
Secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais

ANEXO

Bases reguladoras para a selección de pequenas e medianas empresas e persoas traballadoras autónomas ás cales se prestarán servizos de diagnose ou análise do estado e potencial da RSE, formación e implantación das primeiras accións, a través do programa Responsabilízate

Artigo 1. Obxecto

É obxecto da presente resolución establecer os requisitos do proceso de selección das empresas ou entidades ás cales se prestarán os servizos do programa Responsabilízate, así como realizar a súa convocatoria para o ano 2026 (TR320B).

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias do programa Responsabilízate as pequenas e medianas empresas (pemes), así como as persoas traballadoras autónomas, que teñan radicado o seu domicilio social e que conten con algún centro de traballo en Galicia, así como que non fosen beneficiarias nas anteriores edicións, salvo no caso do servizo do artigo 3.4º.

2. Ademais do especificado no punto anterior, deberán cumprir os requisitos seguintes:

1. Ter, cando menos, unha persoa traballadora por conta allea.

2. Que non superen os 50 millóns de euros de volume de negocio anual ou o seu balance anual sexa inferior a 43 millóns de euros.

3. Non seren entidades sen ánimo de lucro.

Artigo 3. Servizos aos cales optarán as empresas beneficiarias do programa:

1º. Análise do estado, potencial competitivo e situación da responsabilidade social empresarial (RSE). Trátase de avaliar o estado inicial da empresa exercendo un estudo completo nos diferentes ámbitos da empresa.

2º. Asesoramento e formación. As pemes participantes recibirán un módulo formativo para afondar no coñecemento e ferramentas da RSE. Así mesmo, as empresas recibirán un asesoramento individualizado para construír un plan de acción RSE.

3º. Plan de acción, implantación e seguimento das accións de RSE: a partir do informe de resultados da diagnose e da formación impartida, definirase a metodoloxía para elaborar un plan de acción individualizado para a implantación dun mínimo do 20 % das accións previstas no Plan de acción en RSE.

4º. Servizo de diagnose, asesoramento e planificación do benestar organizacional.

Artigo 4. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes previstas nesta resolución corresponderalle á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado incluído como anexo I desta resolución e dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requida para que o emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a documentación seguinte:

a) Copia da escritura de constitución, estatutos ou documentos análogos da empresa solicitante, de tratarse dunha persoa xurídica, que acredite o seu domicilio social e a potestade da persoa que actúa e que asina a solicitude.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da empresa solicitante.

d) Vida laboral de todos os códigos de conta cotización da empresa solicitante dos 30 días inmediatamente anteriores á data da presentación da solicitude.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 8. Prazo para presentar as solicitudes

1. O prazo estará aberto desde o día seguinte ao da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia e ata que se acade o número de prazas máximo segundo a dispoñibilidade orzamentaria, que virá determinada pola contía de adxudicación do contrato de servizos do programa Responsabilízate.

2. Unha vez cuberto o número de prazas máximo, pecharase a inscrición, o que será comunicado a través da páxina web https://rse.xunta.gal e da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Réxime de recursos

Contra as resolucións que se diten neste procedemento, pódese interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración no prazo dun mes, contado a partir da notificación da resolución, conforme o previsto no artigo 121 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 10. Práctica das notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos realizaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación realizada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e, rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda a el.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, realizarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Tramitación e resolución

1. Logo da recepción de solicitudes, o Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais comprobará se cada solicitude presentada reúne os requisitos exixidos nos artigos anteriores.

2. As solicitudes serán atendidas por estrita orde de entrada no Rexistro da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder un mes a partir da solicitude de inscrición. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude.

4. A comunicación ás entidades que sexan admitidas neste programa e a listaxe destas faranse públicas, mediante resolución, a través da páxina web https://rse.xunta.gal

Artigo 13. Datos estatísticos

A persoa beneficiaria acepta que os datos resultantes da execución do servizo, unha vez desvinculados dos datos identificativos da súa empresa, pasarán a formar parte dunha base de datos para a súa explotación multicriterio con fins estatísticos, de deseño de políticas públicas e de difusión de situacións empresariais.

missing image file
missing image file
missing image file