O Pleno do Concello de Santiago de Compostela, na sesión celebrada o 26 de marzo de 2026, adoptou o seguinte acordo:
Primeiro. Aprobar definitivamente a modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) no ámbito do PERI-12 (antigo colexio Manuel Peleteiro), segundo o documento elaborado pola Sección Municipal de Planeamento en marzo de 2026.
Segundo. O acordo de aprobación definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia, e a normativa urbanística publicarase no boletín oficial da provincia. Así mesmo, remitirase á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas a documentación exixida polo artigo 88.3 da Lei 2/2016 do solo de Galicia, para os efectos de inscribir a modificación do PXOM no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
En todo caso, e de conformidade co esixido polo artigo 199.4 do Regulamento da Lei do solo de Galicia (RLSG), a eficacia do acto de aprobación definitiva e a entrada en vigor do plan quedan condicionadas ao cumprimento dos anteriores trámites e ao sinalado no artigo 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, das bases de réxime local, en relación co 65.2 da mesma lei.
Consonte o disposto no artigo 212.3 do RLSG, o prazo do artigo 65.2 antes citado non comezará a contar ata a recepción completa da documentación no rexistro da consellería.
Contra o acordo de aprobación definitiva da citada modificación do PXOM poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio.
A modificación do PXOM aprobada definitivamente pódese consultar no seguinte enderezo da web do Concello de Santiago de Compostela:
https://santiagodecompostela.gal/gl/transparencia/modificacion-puntual-pxom-no-ambito-do-peri-12-antigo-colexio-manuel-peleteiro
Santiago de Compostela, 13 de abril de 2026
A alcaldesa
P.D. (DEC/2023/8135, do 17 de xuño)
Iago Lestegás Tizón
Concelleiro delegado de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica
