O artigo 53 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional, permite ás comunidades autónomas constituír no seu ámbito territorial unha relación de candidatos para a provisión, con carácter interino, de postos reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional.
A selección e o nomeamento de interinos para cubrir postos de funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional na Comunidade Autónoma de Galicia están regulados na Orde do 30 de novembro de 2017 (DOG núm. 229, do 1 de decembro). Esta orde dispón no seu artigo 7 que as bolsas que se constitúan definitivamente terán unha vixencia de tres anos prorrogables por outro ano máis.
Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Administración Local, do 1 de decembro de 2017 (DOG núm. 237, do 15 de decembro), efectuouse a primeira convocatoria para o acceso ás bolsas para a provisión temporal, mediante interinidade, de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional das entidades locais galegas. Na súa virtude, no ano 2018 elaboráronse as correspondentes bolsas para as subescalas de secretaría-intervención, secretaría de entrada e intervención-tesouraría de entrada.
Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Administración Local, do 26 de marzo de 2019 (DOG núm. 71, do 11 de abril), efectuouse unha segunda convocatoria para o acceso ás bolsas para a provisión temporal, mediante interinidade, de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional das entidades locais galegas. Na súa virtude, no ano 2019 elaboráronse as correspondentes bolsas para as subescalas de secretaría-intervención, secretaría de entrada e intervención-tesouraría de entrada.
Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Administración Local, do 14 de maio de 2021 (DOG núm. 97, do 26 de maio), efectuouse unha terceira convocatoria para o acceso ás bolsas para a provisión temporal, mediante interinidade, de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional das entidades locais galegas. Na súa virtude, no ano 2021 elaboráronse as correspondentes bolsas para as subescalas de secretaría-intervención, secretaría de entrada e intervención-tesouraría de entrada.
Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Administración Local, do 19 de marzo de 2024 (DOG núm. 64, do 2 de abril), efectuouse unha cuarta convocatoria para o acceso ás bolsas para a provisión temporal, mediante interinidade, de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional das entidades locais galegas. Na súa virtude, no ano 2024 elaboráronse as correspondentes bolsas para as subescalas de secretaría-intervención, secretaría de entrada e intervención-tesouraría de entrada, que na actualidade seguen en vigor.
Tendo en conta o tempo transcorrido desde a entrada en vigor das bolsas de interinos do ano 2024 e as necesidades de persoal detectadas nelas e visto o incremento de postos vacantes nos concellos, esta dirección xeral considera necesario ampliar as ditas bolsas con novas inclusións, así como outorgar a posibilidade de actualizar méritos aos actuais integrantes das bolsas.
Por outra banda, de acordo co disposto no artigo 53.2 do Real decreto 128/2018, o entón denominado Ministerio de Política Territorial e Función Pública ditou a Orde TFP 297/2019, do 7 de marzo (BOE núm. 64, do 15 de marzo), que establece o procedemento para a elaboración da relación de candidatos que aproben algún exercicio das probas selectivas para o ingreso nas subescalas da escala de funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional, para os efectos de remitilas ás comunidades autónomas para a súa consideración na provisión con carácter interino de postos reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional. Por iso, na disposición adicional única da presente resolución recóllese a posibilidade de integrar esa relación de aspirantes nas bolsas da Xunta de Galicia.
En virtude de todo o exposto, a Dirección Xeral de Administración Local realiza a presente convocatoria.
Artigo 1. Obxecto
1. Efectúase esta convocatoria para a ampliación e actualización das tres bolsas de ámbito autonómico que entraron en vigor o 24 de decembro de 2024 para a provisión temporal, mediante interinidade, de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional das entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia en cada unha das seguintes subescalas:
a) Secretaría-intervención.
b) Secretaría categoría de entrada.
c) Intervención-tesouraría categoría de entrada.
2. Esta convocatoria réxese polas disposicións contidas na Orde do 30 de novembro de 2017, da entón denominada Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se establece o procedemento para a selección e o nomeamento de persoal interino para o desempeño de postos reservados a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, en especial polo disposto no seu capítulo II, que establece as bases das bolsas para a selección de persoal interino.
3. Non teñen obriga de presentar nova solicitude as persoas que xa forman parte de calquera das listas correspondentes ás subescalas de secretaría-intervención, secretaría categoría de entrada e intervención-tesouraría categoría de entrada, en virtude da Resolución do 19 de decembro de 2024, da Dirección Xeral de Administración Local (DOG núm. 246, do 23 de decembro), que poderán presentar unicamente solicitude de actualización de méritos, se así o consideran, de conformidade co disposto no artigo 8 desta resolución. No caso de que decidan presentar nova solicitude para mellorar a puntuación obtida anteriormente ocuparán, nas novas listas refundidas que se aproben, o posto que lles corresponda conforme a puntuación que obtiveron nos procesos selectivos realizados con anterioridade ou, de ser o caso, a superior que obteñan no actual proceso selectivo.
Non obstante, aqueles que, en virtude de chamamento polas bolsas convocadas no ano 2024, estean excluídos das listas por renunciar ao destino adxudicado sen a conformidade da entidade local ou por calquera outra das causas de exclusión establecidas na Orde do 30 de novembro de 2017, da entón Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (DOG núm. 229, do 1 de decembro), para volver formar parte das bolsas terán que presentar nova solicitude de inclusión dentro dos prazos establecidos nesta convocatoria.
4. Este procedemento habilítase na sede electrónica da Xunta de Galicia, co código PR410A, para a presentación de solicitudes de novas inclusións, e co código PR410B, para a presentación de solicitudes de actualización de méritos. Os formularios correspondentes están dispoñibles no enderezo https://sede.xunta.gal
Artigo 2. Requisitos xerais para solicitantes de novas inclusións
1. Os novos aspirantes a formar parte de calquera das tres bolsas que se amplían por medio desta convocatoria deberán reunir, na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, os requisitos xerais establecidos no número 1 do artigo 3 da Orde do 30 de novembro de 2017, da entón Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (DOG núm. 229, do 1 de decembro).
2. Respecto da titulación exixida, as persoas candidatas deberán posuír, ou estar en condicións de obter na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, a titulación universitaria exixida para o ingreso nos corpos ou escalas clasificados no subgrupo A1, de acordo co previsto no Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, e no artigo 18 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional.
Os aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente homologación do título. Este requisito non será de aplicación aos aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.
Artigo 3. Forma e prazo de presentación de solicitudes para novas inclusións
1. Para seren admitidas nesta convocatoria, as persoas interesadas en solicitar nova inclusión presentarán a súa solicitude obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado PR410A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e que se incorpora a esta resolución como anexo I, e deberán aboar as taxas (código 30.03.03) ou xustificar a súa exención de conformidade co disposto no artigo 4 desta resolución.
A titulación e a formación exixidas para participar neste procedemento permítenlles aos aspirantes acceder e dispoñer dos medios necesarios para a presentación de solicitudes e a realización doutros trámites regulados nesta resolución utilizando só medios electrónicos, dando así cumprimento á previsión do artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. As persoas solicitantes de nova inclusión nas listas terán que cubrir debidamente todos os campos obrigatorios exixidos no formulario anexo I Solicitude no procedemento PR410A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), e indicarán necesariamente a subescala ou subescalas en que solicitan a súa inclusión, así como a zona de preferencia en que desexen estar incluídas.
Ademais, deberán indicar expresamente no citado formulario, na epígrafe de Idioma do exame, se o texto da proba tipo test que se realizará deberá entregarse en idioma galego ou en idioma castelán. Unha vez realizada a opción e presentada a súa solicitude, a persoa aspirante non poderá modificar a opción.
5. As solicitudes conterán, ademais, unha declaración responsable de que cumpre cos requisitos xerais sinalados no artigo 3.1 da citada Orde do 30 de novembro de 2017, de que ten acreditado o coñecemento do idioma galego segundo o disposto no artigo 3.2.b) desa mesma orde, se for o caso, e da veracidade da relación de méritos que alega dos sinalados no artigo 4 desa mesma orde.
6. Teranse en conta unicamente aqueles requisitos e méritos que as persoas interesadas fagan constar expresamente na súa solicitude de incorporación á bolsa e que queden debidamente acreditados.
7. O prazo para a presentación das solicitudes será de 15 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 4. Pagamento de taxas para solicitudes de novas inclusións
1. O pagamento do importe dos dereitos de exame realizarase de forma electrónica.
2. Os códigos que se deben empregar son os seguintes:
– Presidencia, Xustiza e Deportes: código 04.
– Delegación de Servizos Centrais: código 13.
– Servizo de Administración Local: código:18.
– Denominación: inscrición para a inclusión nas bolsas para a selección de persoal funcionario interino para ocupar postos reservados a persoal funcionario con habilitación de carácter nacional (código 30.03.03).
3. O importe da taxa que hai que aboar é de 18,40 € segundo exixe a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.
4. Estarán exentos do pagamento do importe da taxa:
a) As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.
b) As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.
5. Aplicarase unha bonificación do 50 % do importe da taxa:
a) Ás persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.
b) Ás persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da publicación desta convocatoria no DOG e que na data de presentación da solicitude non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.
c) Ás vítimas de terrorismo, entendendo por tales, para os efectos regulados neste artigo, as persoas que sufrisen danos físicos ou psíquicos como consecuencia da actividade terrorista e así o acrediten mediante sentenza xudicial firme ou en virtude de resolución administrativa pola que se recoñeza tal condición, o seu cónxuxe ou persoa que convivise con análoga relación de afectividade, o cónxuxe do falecido e os fillos dos feridos e falecidos.
6. A persoa solicitante deberá facer constar na súa solicitude a circunstancia pola que está en situación de exención total ou parcial do pagamento da taxa, e a Administración consultará os datos sobre discapacidade ou familia numerosa, agás que se opoña á consulta, caso en que terá que presentar copia dos documentos xustificativos da exención total ou parcial do pagamento na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), xunto coa solicitude e demais documentación dentro do prazo de presentación de solicitudes.
Artigo 5. Documentación complementaria
1. As solicitudes de novas inclusións virán acompañadas dos documentos acreditativos dos méritos que, se é o caso, sexan alegados, así como do xustificante de aboamento total ou parcial das taxas (código 30.03.03), salvo que se efectúe a través da sede electrónica, caso en que o xustificante se xerará automaticamente.
2. Respecto dos méritos alegados, a persoa solicitante deberá presentar copia dos seguintes documentos acreditativos:
a) Certificado da secretaría da corporación local correspondente sobre os servizos prestados en postos reservados a persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional en virtude de nomeamento accidental ou interino.
b) Certificación acreditativa emitida polo órgano competente dos exercicios superados da oposición de acceso á escala de funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional, onde conste a orde de convocatoria a que corresponden, así como os exercicios superados en cada caso.
c) Título oficial, equivalente ao nivel Celga 4, cando non sexa expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
3. Respecto das taxas, en caso de obriga de pagamento total ou parcial, terá que xuntar obrigatoriamente o xustificante do pagamento, salvo que se efectúe a través da sede electrónica, caso en que o xustificante se xerará automaticamente.
En caso de exención total da obriga do pagamento da taxa por recoñecemento do grao de discapacidade por outra comunidade autónoma, terá que presentar xunto coa solicitude copia da tarxeta acreditativa do grao de discapacidade ou certificado de discapacidade expedidos polo órgano competente doutra comunidade autónoma.
En caso de exención total ou parcial da obriga do pagamento da taxa por ter a condición de membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial ou xeral por outra comunidade autónoma, terá que presentar xunto coa solicitude copia do título de familia numerosa expedido polo órgano competente doutra comunidade autónoma.
En caso de exención parcial da obriga do pagamento da taxa por ter a consideración de vítima de terrorismo, terá que presentar xunto coa solicitude copia do xustificante que acredite a dita condición, mediante sentenza xudicial firme ou resolución administrativa.
En caso de exención parcial da obriga do pagamento da taxa pola condición de desempregado e non perceptor de prestación ou subsidio, terá que presentar a seguinte documentación:
a) Certificación expedida pola oficina de emprego en que conste que figura como demandante de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.
b) Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal en que conste que na data de presentación da solicitude de participación no proceso selectivo non está percibindo prestación ou subsidio por desemprego.
4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código (PR410A) e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Artigo 6. Comprobación de datos
1. Para a tramitación do procedemento de novas inclusións consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI da persoa solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante, se for o caso.
c) Título oficial universitario que conste no Rexistro Central do Ministerio de Educación e que dea acceso á subescala en que se inscriba.
d) Certificado do Celga 4 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
a) Certificado de discapacidade expedido pola Administración autonómica galega.
b) Título de familia numerosa, de carácter xeral ou especial, expedido pola Administración autonómica galega.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario anexo I correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 7. Realización da proba tipo test e da proba de coñecemento de galego para os solicitantes de novas inclusións
1. Os candidatos que resulten admitidos definitivamente serán convocados pola Dirección Xeral de Administración Local para a realización da proba tipo test, que versará sobre o temario relacionado para cada subescala no anexo I da Orde do 30 de novembro de 2017, publicada no DOG do 1 de decembro de 2017.
2. O exame sobre o temario consistirá na realización dun exercicio tipo test con 30 preguntas comúns e 30 específicas para cada subescala.
3. A duración total da proba sobre o temario será dun máximo de 120 minutos.
4. Cada aspirante realizará as preguntas específicas propostas para cada unha das subescalas en que estea inscrito.
5. Ao remate da proba cada aspirante poderá obter copia das súas respostas. No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicarase o contido do exercicio e as respostas correctas no mesmo lugar en que se realizou e na páxina web de Eido Local.
6. O exercicio cualificarase de 0 a 60 puntos para cada subescala e para superalo será necesario obter un mínimo de 30 puntos. Corresponderá ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar esta puntuación mínima, para o cal se terá en conta que por cada tres (3) respostas incorrectas se descontará unha correcta.
7. Así mesmo, as persoas aspirantes que superasen a realización da proba tipo test e que non acreditasen o coñecemento do idioma galego no momento da presentación de solicitudes serán convocadas para a realización da correspondente proba de coñecemento de galego. Esta proba consistirá nunha tradución de dous textos, un en galego para traducir para o castelán e outro en castelán para traducir para o galego nun tempo máximo de 60 minutos.
Este exercicio valorarase como apto ou non apto e para superalo será necesario obter o resultado de apto.
Artigo 8. Forma e prazo de presentación de solicitudes de actualización de méritos
1. As persoas que forman parte das listas xa existentes, con independencia da súa situación actual, poderán actualizar os méritos valorados de conformidade co disposto no artigo 4 da Orde do 30 de novembro de 2017 (DOG núm. 229, do 1 de decembro) e obtidos antes da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes desta convocatoria.
Non se admitirá actualización de méritos nos casos de exclusión definitiva por renuncia ao destino sen a conformidade da entidade local ou por calquera outra das causas de exclusión establecidas na citada Orde do 30 de novembro de 2017.
2. Para a actualización de méritos deberán presentar a súa solicitude obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado PR410B, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e que se incorpora a esta resolución como anexo II.
A titulación e a formación exixidas para participar neste procedemento permite aos aspirantes acceder e dispoñer dos medios necesarios para a presentación de solicitudes e realización doutros trámites regulados nesta resolución utilizando só medios electrónicos, dando así cumprimento á previsión do artigo 14.3 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
4. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
5. As solicitudes de actualización de méritos virán acompañadas da documentación acreditativa dos novos méritos alegados:
a) Certificado da secretaría da corporación local correspondente sobre os servizos prestados en postos reservados a persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional en virtude de nomeamento accidental ou interino.
b) Certificación acreditativa emitida polo órgano competente dos exercicios superados da oposición de acceso á escala de funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional, onde conste a orde de convocatoria a que corresponden, así como os exercicios superados en cada caso.
6. A documentación acreditativa dos novos méritos alegados deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a citada documentación acreditativa presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
7. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código (PR410B) e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
8. O prazo para a presentación das solicitudes será de 15 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
9. Neste procedemento non se require o aboamento de taxas.
Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación das solicitudes deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 10. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Disposición adicional única. Novas inclusións
Incluirase nas bolsas vixentes da correspondente subescala a relación de candidatos remitida polo Instituto Nacional de Administración Pública (INAP), elaborada de conformidade co procedemento establecido na Orde TFP/297/2019, do 7 de marzo, publicada no BOE núm. 64, do 15 de marzo, ou norma que, de ser o caso, a substitúa.
Para tal efecto, outorgaranse 10 puntos por exercicio superado para a correspondente subescala.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a Dirección Xeral de Administración Local no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente perante a sección do contencioso-administrativo do tribunal de instancia competente, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 19 de maio de 2026
Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local
