Expediente: IN407A 2025/086-4.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación: LMTS LAL805-LAL810 e reforma CT Polígono Botos (36CP63).
Concello: Lalín.
Feitos:
1. O 25.4.2025, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMTS LAL805-LAL810 e reforma CT Polígono Botos (36CP63).
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado pola enxeñeira eléctrica Carlota Martínez Rúa, colexiada 4776 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e contén un orzamento total de 68.571,09 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade atender unha petición de ampliación da subministración en baixa tensión a media tensión, no polígono in dustrial de Botos, no concello de Lalín. Para isto están previstas as seguintes actuacións:
• Reformar o centro de transformación Polígono Botos (36CP63) mediante a substitución das celas actuais por celas de fabricante, todas elas telecontroladas. O obxectivo é conectar as liñas LAL805 e LAL810 con acoplamento entre elas para mellorar a rede existente.
• Proxéctanse catro tramos de liña de media tensión subterránea de 49 metros cada un, con orixe no apoio ASVLST1S//D39, no cal se instalan dous pasos aero-subterráneos, e final no centro de transformación Polígono Botos.
2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Lalín, que non emitiu o condicionado técnico, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.
3. O 18.8.2025, UFD Distribución Electricidad, S.A. presentou un anexo ao proxecto no cal recolle a instalación dunha nova cela de cliente no interior do centro de transformación Polígono de Botos e a diminución da lonxitude da liña de media tensión subterránea proxectada (serán dous tramos no canto de catro tramos de 49 metros).
4. O 28.8.2025, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable ás autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica LMTS LAL805-LAL810 e reforma CT Polígono Botos (36CP63).
Consideracións legais e técnicas.
1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:
• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
• Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 3×240 Al, de 98 metros (2x49 metros) de lonxitude, con orixe nos pasos aéreos proxectados (2) no apoio ASVLST1S//D39 das liñas LAL805-LAL810, e final no centro de transformación Polígono Botos 36CP63.
• Reforma do centro de transformación Polígono Botos 36CP63, consistente na substitución das actuais celas por celas prefabricadas, catro de liña e unha de protección, todas elas telecontroladas.
A instalación está situada no polígono industrial de Botos, no concello de lalín (Pontevedra).
Conforme o indicado,
RESOLVO:
Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS LAL805-LAL810 e reforma CT Polígono Botos (36CP63) (expediente IN407A 2025/086-4).
Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:
1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que estean afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.
2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
3. En todo momento deberán cumprirse as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establecen o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) nº 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) nº 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) nº 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.
5. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado de dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
• De ser o caso, a acreditación ou declaración de que a instalación non está incursa nas prohibicións establecidas no artigo 13 do Regulamento (UE) nº 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro.
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 13 de maio de 2026
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
