Expediente: IN407A 2026/026-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación do proxecto: LMTS, CTC e RBT Vilabuide-Valón.
Concello: Ferrol.
Feitos:
1. O día 30.1.2026, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica mencionada, co obxecto de mellorar a calidade da subministración aos clientes do lugar de Vilabuide.
Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, presentan o proxecto de execución denominado LMTS, CTC e RBT Vilabuide-Valón (Ferrol), asinado por David Núñez Fernández, enxeñeiro industrial, nº de colexiado 1.534 de Galicia, o 15.1.2026.
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
3. O 13.2.2026 a promotora solicitou a declaración de utilidade pública en concreto da mesma instalación porque «(..) Solicitada autorización ante a propia Demarcación de Estradas do Estado para a execución desta obra, fomos requiridos, para... á remisión da declaración en concreto de utilidade pública... segundo a interpretación que a dita Administración sostén do disposto nos artigos 55 e 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e do artigo 140 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, (...)».
4. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Augas de Galicia, Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Deputación Provincial e Concello de Ferrol.
O Concello de Ferrol remitiu informe desfavorable o 19.2.2026 por non contar a actuación proxectada con licenza municipal. A empresa promotora respondeu o 4.3.2026 alegando a imposibilidade de obter a citada licencia se non contan coa autorización administrativa previa e de construción da Consellería de Economía e Industria. A contestación da empresa promotora foi remitida ao Concello de Ferrol o 25.3.2026 non constando resposta á data desta resolución.
5. O día 12.5.2026 emitiuse o informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
Segunda. Lexislación de aplicación.
• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
• Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
Terceira. Características técnicas.
As instalacións obxecto deste expediente están situadas no lugar de Vilabuide, no concello de Ferrol e as súas características técnicas son as seguintes:
• Liña eléctrica de media tensión subterránea, a 15 kV, cunha lonxitude de 886 m, coa orixe no PAS para realizar no apoio existente nº 85 da LMTA. SMR706, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV. 1x150 mm2 Al, e final no centro de transformación proxectado.
• Instalación dun reconectador telecontrolado no apoio nº 85.
• Centro de transformación prefabricado, tipo compacto manobra exterior (tipo rural), de 100 kVA, con relación de transformación 15.000/400 V.
Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
De acordo con todo o exposto,
RESOLVO:
A) Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.
B) Inadmitir a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica, por carecer, de xeito insubsanable –dada a natureza exclusivamente demanial dos bens afectados–, de relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos que a solicitante considere de necesaria expropiación.
C) A instalación executarase no prazo de dous anos, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
D) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude á cal xuntará a seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
E) Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao interesado, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Mediante este documento notifícaselles as persoas interesadas esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.
A Coruña, 14 de maio de 2026
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
